Print this page

Carballo celebra a súa tradicional Semana do Libro e a Lectura

Rate this item
(1 Vote)

Onte deu comezo a Semana do Libro e a Lectura de Carballo, que nesta edición cumpre oito anos "como unha cita consolidada que pensamos seguir ofertando", segundo explica a Concelleira de Cultura, Mar Eirís.

Esta Semana do Libro e a Lectura está organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e o Concello de Carballo e vai dirixida a todos os centros de ensino do municipio co obxectivo de espertar o gusto pola lectura de forma divertida, a imaxinación e a creatividade. Na iniciativa participan os diferentes colectivos implicados no proceso educativo, como son o alumnado, o profesorado e as familias, coa previsión de que máis de 1.300 escolares de Infantil e Primaria visiten o Pazo da Cultura e participen no programa que remata o vindeiro venres 10 de maio e que este ano ten como lema A toda máquina.

As actividades comprenderán dende obradoiros de maxia ata de banda deseñada, pasando pola creación de historias, contacontos, ou un obradoiro de percusión. Polas tardes, hai citas abertas a todo o público a partir das 18.30 h., con contacontos, circo, teatro e música a cargo de compañías como Baobab ou Migallas Teatro ou de artistas como Manolo Panforreiteiro. Por último, ademais da exposición dos materiais achegados polos centros de ensino inspirados polo lema A toda máquina, poderán visitarse no mesmo horario unha exposición de libros cedidos por distintas editoriais e a mostra Parafusos, alambiques e birleques cedida pola AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración).