Print this page

Carballo acolle estes días a IX Semana do Libro e a Lectura

Rate this item
(0 votes)

Un ano máis a primavera trae ao Pazo da Cultura de Carballo a Semana do Libro e a Lectura que organizan a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e o Concello de Carballo. Desta volta, a cita, que conta coa colaboración da Fundación Luís Calvo Sanz, cumpre xa nove anos "descubríndolle aos nenos e nenas o goce de ler", en verbas da responsable da AS-PG Carmen Vilariño. Está previsto que ata 2.500 cativos e cativas pasen polo Pazo da Cultura entre os obradoiros regrados que teñen lugar polas mañás dirixidos ao alumnado de Infantil e Primaria e as actividades lúdicas das tardes abertas a un público familiar.

Como cada ano, a IX Semana do Libro e a Lectura conta cun lema, neste caso "Cociñando contos", arredor do cal o alumnado dos centros de ensino de Carballo elaborará os materiais que conforman unha das mostras máis visitadas da cita, que inclúe tamén unha exposición de libros cedidos por distintas editoriais e unha exposición da AGPI titulada: "A que sabe este libro?". Trátase dunha semana na que alumnado, familias e profesorado colaboran para achegar a lectura aos nenos e nenas "a unha idade na que é tan importante", segundo explica a Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Todo de balde, no Pazo da Cultura de Carballo, entre o luns 5 e o venres 9 de maio cun peche moi especial a cargo de Peter Punk e do alumnado do CEIP Xesús San Luís Romero e do Colexio Artai.

As actividades incluídas na Semana están orientadas a ser unha maneira divertida de que os nenos e nenas se familiaricen cun instrumento básico para achegarnos a calquera área do coñecemento. Con esa arela, os obradoiros que teñen lugar no Pazo da Cultura de 9.30 a 14.00 h. ofrecen temáticas moi variadas que van dende a maxia de Martín Camiña, ata aos típicos contacontos, pasando polo teatro de Elefante Elegante ou Baobab, a ilustración e a banda deseñada, a música ou incluso a arte, cun obradoiro que conta coa colaboración do artista local Mon Lendoiro. Xa polas tardes, ás 18.30 h., as familias poden acudir ao Pazo da Cultura para gozar, unha vez máis, coa maxia, cos contos, con TrinkeTrinke e a súa aposta de combinar historias e cociña, e, por último, co humor de Peter Punk. No caso das visitas ás exposicións, o horario é de 9.30 h. a 14.00 h. polas mañás para os centros de ensino; e de 18.00 h. a 20.00 h. polas tardes para o público en xeral. Ademais, contribuirán á decoración e ambientación dos espazos do Pazo da Cultura dous artistas carballeses estudantes da Escola Pablo Picasso da Coruña: Lidia Cambón e Andrés Andrade.Todo un cúmulo de actividades, experiencias e iniciativas que, en verbas de Luciano Calvo, supoñen "unha satisfacción" para a Fundación Luís Calvo Sanz, ao "cooperar para que non diminúan as actividades culturais en Carballo". O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou que "a través da lectura todos podemos imaxinar viaxes extraordinarios e sociedades marabillosas", por iso, considera que a Semana do Libro e a Lectura ten "moitísima importancia na sociedade de Carballo e especialmente na Educación Primaria". Por último, desexou que "a próxima semana sexa no Pazo un fervedoiro de artistas, escritores e creativos", e, como cada ano, todo un éxito.