Print this page

Bibliotecas viventes no Verbum de Vigo

Rate this item
(0 votes)

Do 15 ao 18 de febreiro o Verbum-Casa das Palabras de Vigo acolle As Bibliotecas Vivintes: Os Tesouros Vivos, un programa auspiciado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e que se enmarca dentro do Proxecto “Books 21” do programa “Lifelong Learning” da Dirección Xeral para a Educación e a Cultura da Unión Europea, co que se busca difundir a nivel local a realización de Bibliotecas Viventes.

Unha Biblioteca Vivente (Living Library) é unha biblioteca na que os libros son persoas. Persoas con singulares historias de vida ou que posúen determinados coñecementos e que difunden a súa experiencia a través da interacción, entrevista e diálogo cos usuarios/as. Para ser un Libro non cómpre ser unha eminencia ou recoñecido estudoso, senón contar con experiencia vital ou saberes cos que poder ilustrar a outras persoas que descoñecen e teñen curiosidade. Todos somos potenciais Libros e Lectores. Así os alumnos que se acheguen a esta actividade poderán ter a experiencia de ler nestas bibliotecas viventes.

Desenvolveranse, ao longo de catro xornadas, un total de oito sesións con mozos e mozas dos primeiros anos de Secundaria. Un dos obxectivos é crear un fío que poña en contacto á mocidade coa terceira idade (tesouros vivos) para achegarlle coñecementos e experiencias vencelladas co patrimonio inmaterial galego e vigués dun xeito eminentemente directo, vivencial e participativo. Un total de once libros vivos, auténticos depositarios do saber popular e con fondas experiencias vitais, van estar dispoñibles nas distintas estanterías da Biblioteca Vivente no Verbum durante esas catro xornadas, para que os alumnos/as de Secundaria de Vigo (os lectores/as) os consulten e os lean dun xeito enteiramente interactivo. Cada sesión terá unha duración aproximada de unha hora e corenta minutos, nos que cada rapaz/a consultará tres libros en períodos de vintecinco minutos.