Print this page

Barcelona, de David Pintor, seleccionado para a exposición itinerante “Libros sen palabras: destino Lampedusa”

Rate this item
(0 votes)

O caderno de viaxe Barcelona (Kalandraka), do ilustrador coruñés David Pintor, é un dos dez títulos seleccionados para a exposición itinerante “Libros sen palabras: destino Lampedusa”, un proxecto de cooperación internacional promovido por IBBY Italia cuxo obxectivo é crear unha biblioteca infantil nesta illa mediterránea que sirva de apoio tanto á poboación infantil deste enclave insular como aos nenos e nenas que chegan ao Centro de Primeiros Auxilios e Recepción de inmigrantes.

A terceira edición desta selección bibliográfica bianual deuse a coñecer nun acto celebrado no Café de Autores, celebrado na pasada Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.

Barcelona foi elixido entre un total de 80 títulos que conforman, segundo IBBY Italia, “o mellor da produción do mundo en materia de libros sen palabras nos dous últimos anos”. Un xurado de expertos avaliou as propostas procedentes de 21 países, das que finalmente dez títulos de Bélxica, Dinamarca, Italia, Xapón, Países Baixos, Francia, Australia e Galicia foron destacados pola súa “orixinalidade, complexidade, valor estético e temática”.

A exposición na que Barcelona vai estar presente conta coa colaboración de IBBY e do Palazzo delle Esposizioni, un grande espazo expositivo situado no centro de Roma, que será o punto de partida da mostra. O proxecto “Libros sen palabras: destino Lampedusa” contempla que o Palazzo delle Esposizioni albergue un arquivo histórico deste xénero editorial para que estea a disposición de docentes, investigadores, escolares e público en xeral.

Dende IBBY Italia destacaron a importancia dos libros sen palabras “como poderosas ferramentas para cruzar as fronteiras lingüísticas, xeográficas e culturais”. Así, xunto coa exposición itinerante bianual, o proxecto aspira a crear unha biblioteca pública en Lampedusa, que recibe milleiros de inmigrantes cada ano, moitos en idade infantil.