Print this page

As bibliotecas nodais ferven de actividades este verán

Rate this item
(0 votes)

A Consellería de Cultura ofrece unha programación diversa de actividades lúdicas e formativas para este verán a través das bibliotecas nodais de Galicia. Entre os eventos organizados destacan obradoiros para os máis pequenos, mostras bibliográficas e exposicións, coas que se pretende favorecer a dinamización da lectura e ofrecerlle á cidadanía unha oferta cultural variada e de calidade.

Unha parte importante das actividades está dirixida ao público infantil. A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acolle ata o 24 de xullo, a exposición Nun mar de ideas de Ánxel Casal. Mergúllate nel, que inclúe os obradoiros complementarios Libretas INperfectas. A iniciativa, destinada aos nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, está dirixida por Carme Guillín Gendre. No marco desta actividade, os máis pequenos teñen a oportunidade de elaborar manualmente pezas relacionadas co tema da exposición en tres xornadas distintas: Mergullámonos no fondo do mar, Imos coa merenda ou xantar e Xogos na praia.

Ao longo de todo o mes de agosto, a Biblioteca Pública de Vigo ofrecerá a sétima edición do Obradoiro de pintura. Os rapaces e rapazas, por medio da proxección de diapositivas, coñecerán obras como O home de Vitrubio, de Leonardo Da Vinci; A cidade dos soños, de Paul Klee; Harran II, de Frank Stela; ou as Transformacións, de M.C. Escher, e levarán a cabo unha interpretación plástica de cada unha delas.

Pola súa banda, a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés organiza os Sábados de animación, que inclúen contacontos en galego, castelán ou lingua de signos, encontros co autor e obradoiros. Ademais, os rapaces poderán acceder ao fondo infantil de reserva, con libros infantís da década dos 60 e 70, e á mostra bibliográfica España fai historia. Libros de fútbol na biblioteca.

En Ourense, a Biblioteca nodal organiza o martes 24 de xullo a sesión de contacontos As viaxes da avoa Caterina, de man de Beatriz Iglesias e o 31 de xullo, O libro dos mil picos, dirixida por Fátima Fernández. Os xoves 19 e 26 de xullo, acollerá obradoiros como Mandalas máxicas, impartidos pola ilustradora e contacontos Marisa Irimia, e Os oficios de Lúa, dirixida por Fátima Fernández.

Durante os meses de xullo e agosto, nenos de 4 a12 anos poderán disfrutar polas mañás de numerosos obradoiros adaptados á súa idade na biblioteca de Pontevedra. Os rapaces de entre 4 e 7 anos poden asistir todos os martes ao obradoiro creativo de contos ou ao de contos en inglés; e os que teñen entre 8 e 12, todos os xoves ao obradoiro de creación de curtametraxes ou de banda deseñada.


Mostras bibliográficas e exposicións

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acolle desde o pasado día 2 e ata o 31 de xullo a mostra bibliográfica Natureza en Galicia: flora e fauna. Outras exposicións e mostras bibliográficas están relacionadas co bicentenario do nacemento de Charles Dickens, coas Letras Galegas, ca Biblioteca de Emprego, cos facsímiles de publicacións periódicas galegas e do Códice Calixtino, ou co VI agasallo a Luís Seoane. Tamén poderemos consultar unha selección de guías turísticas, mapas, literatura de viaxes, vídeos ou documentais co obxectivo de preparar unha viaxe a calquera destino.

A Biblioteca da Coruña, exhibe unha colección de 10 carteis que conforman as dúas exposicións gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2012: Valentín Paz-Andrade, galego de corazón, do CEIP Alfonso Daniel R. Castelao, e Colleita do 1898, do IES Xoán Montes, unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A biblioteca herculina tamén dedica este mes un espazo expositivo para homenaxear os dous equipos de primeira división con que conta a cidade nos deportes de fútbol e hockey: o R.C. Deportivo da Coruña e o Hockey Club Liceo. Ademais, acaba de poñer en marcha un novo espazo, a Comiteca, no que se inclúen as novelas gráficas e os materiais de banda deseñada.


Aprendizaxe de idiomas
Finalmente, a biblioteca de Lugo desprázase ao Club Fluvial polas tardes, desde onde propón a organización de lecturas nas instalacións cedidas polo club náutico.