Print this page

As bibliotecas de Oleiros elaboran unha guía con refrescantes lecturas para o verán

Rate this item
(0 votes)

A rede de bliotecas municipais de Oleiros elaboraron unha guía de lectura titulada Lecturas ao sol!, formada por 262 recomendacións de libros, DVD e CD. Esta escolla foi realizada por todo o persoal das bibliotecas municipais e nela pódense atopar publicacións moi diversas. Trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para diferentes idades, distintos gustos, intereses e preferencias. Os libros que se recomendan para nenas/os e adolescentes figuran clasificados por idades, para as que se considera que son máis axeitados. A idade para a que se suxire cada obra é só de forma orientativa, xa que cada nena ou neno ten un grado de desenvolvemento mental que se debe de respectar.

Lecturas ao sol ten un dobre obxectivo: presentar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar a súa lectura, audición ou visionado e lembrar que un libro, un CD e un DVD son tamén un bo agasallo. En total aparecen na guía 262 libros, DVD e CD que hai nas bibliotecas municipais de Oleiros e que os usuarios destas bibliotecas poden levar en préstamo para as casas. Uns divirten, outros emocionan, fan pensar, provocan a reflexión ou aportan novos coñecementos.

Realizáronse dúas publicacións distintas: unha formada por todas as recomendacións infantís e xuvenís da que se editaron 3.000 exemplares que se repartiron a todo o alumnado de educación infantil (a partir de 3 anos) e a todo o de ensinanza primaria dos centros de ensino público deste Concello; e outra que é a guía completa, coas recomendacións infantís e xuvenís, pero tamén as de libros, DVD e CD para adultos/as que se está a repartir nas bibliotecas municipais, pero que tamén se vai enviar en formato dixital a todos os socios e socias das bibliotecas que teñan correo electrónico.

Agora que se achegan as vacacións do verán, dende as bibliotecas de Oleiros animan a todas as persoas a que dediquen parte do seu tempo libre a ler algún libro, ver algunha película e escoitar música, pero principalmente aos nenos/as, adolescentes e mozas/os que teñen máis tempo de lecer. Dende as bibliotecas de Oleiros lembran a importancia da lectura na formación integral da persoa. A facultade lectora non é innata, vaise adquirindo pouco a pouco, por este motivo queren contribuír a espertar unha sensibilidade que faga descubrir o pracer que pode proporcionar a lectura dun bo libro, ver unha boa película ou escoitar un bo disco.

 

 

Additional Info