Print this page

Arranca en Compostela a XVIII Campaña de Animación á Lectura

Rate this item
(0 votes)

Este martes arrancou en Santiago de Compostela a décimo oitava edición da Campaña Municipal de Animación á Lectura, que se prolongará ata o 5 de maio. Nesta ocasión o eixo da campaña é A horta de Simón, título gañador da X edición do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados. Será máis dun mes de actividades en prol do libro e da lectura que abarcará dende sesións de contacontos para educación infantil e primaria ata actividades na rede de escolas infantís municipais, sesións formativas para educadores, visitas guiadas ás exposicións, obradoiros de ilustración, obradoiros de escrita creativa, contos e música para as familias ou sesións de contos para bebés.

Estas campañas están organizadas conxuntamente polo concello de Santiago de Compostela, a través da Concellaría de Educación e Cidadanía, xunto á editorial Kalandraka.

Dentro das actividades previstas destacan os obradoiros de ilustración, con Óscar Villán, que achegarán aos máis pequenos e pequenas o proceso de creación, valorando as producións plásticas como ben cultural e acto de comunicación. Están dirixidos a nenos e nenas do segundo ciclo de educación primaria.

Tamén haberá sesións de contacontos con visitas guiadas á exposición instalada na Galería Sargadelos, dirixidas a nenos e nenas de infantil e de primeiro e segundo de primaria, e previstas do 4 ao 23 de abril. Ademais, realizaranse obradoiros de escrita creativa, buscando igualmente achegar a cativanza ao proceso de creación.

Os nenos e nenas de 0 a 3 anos tamén se poden familiarizar coa lectura grazas á sesión de contos para bebés "Do berce á lúa", que terá lugar o vindeiro sábado 21 de abril ás 11.30 h. e 12.30 h. Cómpre reservar a actividade, xa que as prazas son limitadas.

Na Galería Sargadelos haberá unha exposición onde se poderá admirar o traballo da autora de A horta de Simón, Rocío Alejandro, e outras mostras da diversidade de estilos e técnicas artísticas que conforman o álbum ilustrado galego.

Esta iniciativa, que vai xa pola XVIII edición, quere achegar a lectura aos nenos e ás nenas, ao mesmo tempo que se crea un clima agradable e motivador que favoreza a escoita e o poder da palabra como elemento evocador.

No marco da XVIII Campaña Municipal de Animación á Lectura vén de convocarse o XI Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cuxo prazo de envío de traballos rematará o 14 de maio. Está aberto á participación de autores e ilustradores de todo o mundo que presenten obras orixinais e inéditas escritas en calquera lingua oficial da Península. O fallo do xurado coñecerase na última quincena de xuño e o premio consistirá na publicación do traballo distinguido nas cinco linguas peninsulares, ademais de 9.000 euros como adiando por dereitos de autor.

Ao longo das dez edicións precedentes a cantidade de traballos presentados supera os 3.000 proxectos, procedentes de numerosos países. Cerca, Un gran soño, A familia C, A viaxe de Olaf, Bandada, Mamá, Ícaro, Despois da chuvia, Unha última carta e A horta de Simón foron as obras premiadas polo xurado, do que teñen formado parte figuras tan destacadas da literatura infantil como Xabier Docampo, Fina Casalderrey, Miguel Calatayud ou Emilio Urberuaga.