Print this page

Arranca en Compostela a XIV Campaña de Animación á Lectura

Rate this item
(1 Vote)

A Galería Sargadelos de Santiago de Compostela acolleu onte o inicio das actividades da XIV Campaña de Animación á Lectura, que organiza a editorial Kalandraka xunto o Concello de Santiago de Compostela e a galería Sargadelos. As actividades desta campaña desenvolveranse ata o 31 de maio e terán como lema ...Outro conto, Mamá. A imaxe da campaña está protagonizada polo álbum ilustrado Mamá, da arxentina Mariana Ruíz Johnson, gañadora do VI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.

As actividades desta campaña de animación á lectura estarán dirixidas a escolares, docentes e público en xeral.

Trala paréntese da Semana Santa, o vindeiro 22 de abril comezarán as sesións de contacontos e música para escolares de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria na Galería Sargadelos. Estas actividades de animación á lectura complétanse con visitas guiadas á exposición de ilustracións e de elementos artísticos relacionados cos libros que forman parte do repertorio literario e narrativo.

O alumnado de 2º e 3º ciclo Educación Primaria participará, respectivamente, en obradoiros de ilustración co artista plástico galego Pablo Díaz e nos talleres de escrita creativa Historias para rir, impartidos por Alberto Barreiro ‘Warren’. A maiores, entre o 2 e o 6 de maio, o equipo de animación á lectura de Kalandraka visitará as escolas infantís de Conxo, As Fontiñas, San Roque, Polígono do Tambre, Trasparlamento e Salgueiriños para realizar actividades específicas para pre-lectores.

As sesións dirixidas aos centros de ensino completaranse cunha presentación da programación ao profesorado. Os docentes participarán na sesión de contacontos á que asisten os propios escolares, percorrerán as salas nas que se atopa a mostra artística e recibirán orientación específica sobre as claves desta XIV Campaña de Animación á Lectura dende o punto de vista educativo e práctico para continuar nas aulas as propostas de traballo e aprendizaxe.

Ademais das sesións concertadas cos centros de ensino, a XIV Campaña de Animación á Lectura tamén se abre á participación da cidadanía, tanto no que respecta á visita da exposición de ilustracións instalada na Galería Sargadelos, como á asistencia -de balde- a sesións de contacontos para público familiar.

A primera, dirixida a bebés de 0 a 3 anos, programouse para o 10 de maio, previa inscrición. Consistirá nun selecto repertorio de contos, cantos, rimas e ditos tradicionais arredor dos títulos que compoñen a colección Do berce á lúa, publicada por Kalandraka.

Seguiralle unha sesión co lema Todos os nenos soñan: nanas do mundo, o vindeiro 24 de maio. Nesta actividade farase unha lectura dramatizada do álbum ilustrado Mamá, de Mariana Ruiz Johnson, co acompañamento especial dun grupo de música tradicional da Escola Municipal de Música de Santiago, que interpretará una selección de arrolos típicos doutros países.

Finalmente, a XIV Campaña de Animación á Lectura vaise clausurar o 31 de maio coa actuación do artista Paco Nogueiras, que presentará -cun concerto aberto ao público- o seu primeiro traballo discográfico para nenos e nenas: Brica vai!.