Print this page

Ánxela Gracián gaña o XV Premio "Pura e Dora Vázquez" de Narración

Rate this item
(0 votes)

A escritora Ánxela Gracián vén de gañar coa obra As historias da ogra Pinta o XV premio de literatura infantil e xuvenil "Pura e Dora Vázquez" na modalidade de Narración, que convoca a Deputación de Ourense.

O xurado, que deu a coñecer a súa resolución trala reunión mantida no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, sinalou que a obra galardoada "transmite valores sociais moi importantes, como é o de non ter prexuízos iniciais sen ter pleno coñecemento das cousas". Asemade o xurado explicou que se trata "de pequenas historias de aventuras nas que se desenvolven as vidas de rapaces dunha pequena aldea galega, cun entorno natural fermoso e cheo de feitizos".

Así mesmo, o xurado dixo que na obra As historias da ogra Pinta "os personaxes que aparecen nela semellan ser malvados, pero ao final sempre teñen bondades". En canto ás obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado destacou a calidade de todos os textos presentados.

Ábrese agora o prazo para o XV Premio "Pura e Dora Vázquez" na modalidade de Ilustración polo que, os interesados en participar, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe ata o día 3 de setembro de 2018. A esta modalidade poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Ánxela Gracián.

O xurado da XV edición do Premio "Pura e Dora Vázquez" de Narración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández, Mario González, Carlos Rodríguez e Xosé Manuel Cid, actuando como secretaria a xefa da sección de Publicacións da Deputación, Ana Malingre.

Ánxela Gracián é unha escritora, tradutora, crítica literaria, animadora cultural e editora galega. Licenciada en Filoloxía Hispánica, subsección galego-portugués, pola Universidade de Santiago de Compostela. É autora de literatura infantil e xuvenil, traduciu Memorias de Adriano de Marguerite Yourcenar, e obras de diversos autores de literatura infantil ao galego. Tamén foi recoñecida co galardón da 7ª edición do Premio "Plácido Castro", pola súa tradución de A illa misteriosa, de Jules Verne.