Print this page

Ánxela Gracián e Pere Tobaruela gañan "ex-aequo" o 8º Premio Meiga Moira de LIX

Rate this item
(0 votes)

Ánxela Gracián e Pere Tobaruela gañan “ex aequo” o 8º Premio Meiga Moira que organiza a editoirial coruñesa Baía Edicións.

O Xurado, formado por Héctor Cajaraville, gañador da edición anterior; Andrea Maceiras, escritora e gañadora do premio con anterioridade; María Dores Fernández López,  profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña; e Marica Campo, que actuou de Presidenta; e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, resolveu conceder por unanimidade o 8.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil ex aequo ás obras presentadas baixo os lemas Mathuo Basho e CM.

Abertas as plicas, as mesmas resultaron corresponder, respectivamente, ás presentadas por Ánxela Gracián, que leva como título As voces da auga (proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos), e por Pere Tobaruela, que leva o título Auga e Lume (proposta tamén para lectoras e lectores a partir de 12 anos).

Para o Xurado do premio, As voces da auga, de Ánxela Gracián, destaca pola calidade de lingua empregada, a orixinalidade da proposta e o intenso labor de recreación dunha sociedade xeográfica e culturalmente tan distante como a chinesa. As voces da auga relata unha historia de supervivencia e de aposta pola vida nun contexto histórico especialmente complexo, máis alá dos convencionalismos”. Pola súa banda, da obra de Tobaruela Auga e Lume, o Xurado destacou “a axilidade da trama e a súa vinculación coa historia de Galiza e a habelencia na mestura entre novela de aventuras, de misterio e de amor. O protagonista debe viaxar no tempo para resolver un enigma que se mantivo agochado durante séculos e que chegou intacto aos nosos días».

As obras serán publicadas por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e as autorías repartiranse a contía económica coa que está dotado o premio..

Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que vinte e unha alcanzaron a selección final, o que evidencia unha vez máis o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infanto-xuvenil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.