Print this page

Antía Yáñez gaña o III Premio Agustín Fernández Paz cunha novela sobre a diferenza e a inclusión

Rate this item
(0 votes)
Antía Yáñez Antía Yáñez Foto: Distrito Xermar

A escritora burelense Antía Yáñez ven de gañar o III Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade pola súa obra Plan de rescate. O xurado do premio, formado por Rosa Aneiros, Manuel Bragado e Xavier Senín, acordou outorgar o premio a Yáñez por unanimidade de entre as dez obras presentadas.

No seu blog Brétemas, o membro do xurado Manual Bragado explica que Plan de rescate é “unha novela infantil, narrada por unha rapaza de dez anos en cadeira de rodas e protagonizada por ela xunto aos seus  outros tres compañeiros e compañeiras da aula de PT, que asumen a responsabilidade de liberar ao alumnado e profesorado recluído no comedor do centro”. E engade que estamos ante unha obra “chea de humor e ironía, así como construída con situacións de intriga logradas, esta aventura transformará unha escola primaria nun espazo para unha operación de rescate na que cada unha destas persoas con capacidades diversas contribuirá a un afán compartido. Cunha voz en primeira persoa crible e engaiolante, este texto moi orixinal e atrevido propón ao lectorado novo unha reflexión sobre a diferenza e a inclusión”.

Este premio está promovido polo Instituto de Estudos Chairegos, polo Concello de Vilalba e por edicións Xerais en homenaxe a Agustín Fernández-Paz. Deben ser narracións inéditas en lingua galega dirixidas ao público infantil e xuvenil cunha temática vinculada ao compromiso por igualdade de xénero, raza, nacionalidade... Nas dúas edicións anteriores os premios foron para María Reimóndez por Fóra do normal e Rosa Aneiros por Tres bichiconas, dúas illas e unha serea.

Antía Yáñez é un dos valores en alza da literatura infantil e xuvenil galega. No ano 2016 publicou O misterio de Portomarín (Galaxia). O pasado ano gañou ex aequo con Sabela Losada o I Premio Fina Casalderrey pola Igualdade por A reconquista (Baía) e este ano apareceu en Galaxia O misterio do torque de Burela. Para adultos publicou Senlleiras (Galaxia), co que acadou o premio Illa Nova no 2018.