Print this page

Antía Yáñez e Sabela Losada gañan o I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

Rate this item
(0 votes)

Antía Yáñez e Sabela Losada gañan o I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade convocado por Baía Edicións.

O xurado do premio resolveu, despois de moitas deliberacións, conceder por unanimidade e ex aequo o premio ás obras presentadas baixo os lemas Gerbillo e Vermello. Abertas as plicas, as mesmas resultaron ser da autoría das escritoras Antía Yáñez Rodríguez e Sabela Losada Cortizas, baixo os títulos A reconquista e Vermella!, respectivamente.

O xurado considera as dúas obras merecedoras do Premio en igualdade de condicións, manifestando que atenden a ámbitos moi distintos e complementarios e defendendo o especial interese de cada unha delas polos seguintes motivos:

«A reconquista, por un acaído tratamento da ocupación do espazo central, o liderado feminino e a solidariedade. Ademais, a combinación de dúas voces narrativas diferentes, que aluden ao humano e animal, e ao ámbito da ficción e do libro divulgativo, fan da obra unha proposta literaria moi atractiva e interesante para as nenas e para os nenos, ao resaltar tamén por ser un exemplo de resolución positiva dos conflitos que xorden no propio contorno».

«Vermella! por ser quen de sacar á luz un tema tabú e pouco tratado na literatura infantil, como é o da menstruación desde unha perspectiva de indagación case que policial e de divertimento por parte da rapazada protagonista.
Igualmente, a historia consegue manter a súa intriga, mesmo coa axuda de trazos do humor natural característico do mundo infantil, na procura da descuberta, que lle dá sentido á trama e que ten que ver coa propia e progresiva descuberta do corpo da nena».

Antía Yáñez suma este novo recoñecemento ao recentemente acadado co Illa Nova 2018. Esta escritora burelesa xa se achegara á literatura infantil e xuvenil coa obra O misterio de Portomarín, publicado por Galaxia no ano 2016. Pola súa banda, a compostelá Sabela Losada é escritora e editora. Ten traballado en proxectos de desenvolvemento e con organizacións de mulleres en varios países de Latino América como Bolivia, Arxentina, Brasil e Costa Rica.

O xurado do I Premio Fina Casalderrey estivo formado por Ana Luísa Bouza Santiago, socióloga; Montse Pena Presas, profesora da USC e crítica literaria; Patricia Porto Paderne, xerente da libraría compostelá especializada en temática feminista Libraría de Mulleres Lila de Lilth; Pilar Sampedro Martínez, mestra e vicepresidenta de Gálix; e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, que actuou ademais como secretaria do mesmo.

Ademais da cantidade económica establecida nas bases do concurso, ambas as dúas obras serán publicadas por Baía Edicións en álbums ilustrados a toda cor na colección Contoxcontoantes de finalizar o ano.