Print this page

Andrea Maceiras gaña de novo o Premio Meiga Moira de LIX

Rate this item
(2 votes)

Andrea Maceiras é a gañadora do 6º Premio Meiga Moira 2014 de Literatura Infantil-Xuvenil, que convoca anualmente Baía Edicións, pola obra Miña querida Sherezade.

O xurado desta sexta edición do premio estivo conformado polas escritoras Marica Campo e Conchi Regueiro; María Dores Fernández López, profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña; o ensaísta e profesor da UDC Carlos–Paulo Martínez Pereiro, que actuou de Presidente; e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria. Para o xurado, en Miña querida Sherezade “sobresaen características tan notorias como a dunha excelente estrutura especular e unha non menor fluidez narrativa. As historias d’As mil e unha noites son a base dun texto que xera repetidas e novidosas narracións por volta da ficción e doutras realidades literarias. En resumo, a obra acaba por ser unha exacta e plural homenaxe ao libro e a lectura».

O xurado valorou igualmente a alta calidade das obras presentadas, das que dez alcanzaron a selección final, o que evidencia máis unha vez o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.

Baía Edicións, ademais de facer entrega á gañadora da cantidade económica estipulada nas bases do premio, publicará Miña querida Sherezade antes de finalizar este ano.

A pesares da xuventude, o nome de Andrea Maceiras é ben coñecido nas letras galegas. Da súa autoría son Proxecto Bolboreta (I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior, Xerais), Violeta Tamurana (4º Premio Meiga Moira, Baía), O segredo do lagarto arnal (Baía) e Nubes de evolución (Premio Fervenzas Literarias LIX, Xerais).