Print this page

Ana María Galego Gen gaña o V premio Meiga Moira de LIX

Rate this item
(0 votes)

A escritora ferrolá Ana María Galego Gen ven de gañar a quinta edición do Premio Meiga Moira 2012 de Literatura Infantil-Xuvenil, que convoca con carácter bianual a editorial coruñesa Baía Edicións.

O Xurado, formado polas escritoras Marica Campo e Andrea Maceiras -gañadora da edición anterior-, a profesora Dores Fernández López, o ensaísta e profesor da UDC Carlos–Paulo Martínez Pereiro -que actuou de Presidente- e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez -como secretaria-, resolveu conceder por unanimidade o premio á obra Bandeiras negras, unha proposta para o tramo de idade de 12 a 16 anos.

Os membros do xurado salientaron da obra de Galego Gen a recuperación para a literatura galega do xénero clásico de aventuras e máis en concreto o da narración de piratas, relatado baixo a voz narrativa feminina dunha escrava negra. Asímesmo, o xurado salientou de Bandeiras negras o emprego dunha linguaxe axustada, expresiva e rica no desenvolvemento da historia e a utilización dos mellores recursos da técnica narrativa da page-turner, ao facilitar unha lectura continuada e implicar os lectores e as lectoras no narrado. Para finalizar, gaban o feito coa que a autora dea unha nova vitalidade ás personaxes de A Illa do Tesouro, completando os contornos e a personalidade da figura do John Silver.

A autora, amais da cantidade económica estipulada nas bases do concurso, verá a obra publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira, colección que xa ten no seu catálogo a autores como Cibrán Ulloa, Antonio Yáñez Casal, Xavier López Rodríguez ou a Andrea Maceiras, anteriores gañadores do certame.

Ana María Galego Gen ten publicada a obra O malfadado ano no que perdín a moza por culpa dun robot, porque as desgracias sempre veñen mal acompañadas, II Premio de narrativa, "Historias na Universidade" 2002; ven de traducir recentemente para Toxosoutos a obra de Balzac O curmán Pons.