Print this page

Actividades en Galicia para conmemorar o 2 de abril

Rate this item
(0 votes)

Múltiples actividades encherán hoxe Galicia para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen.

Obradoiros, contacontos, mostras de libros e actividades de bookcrossing son algunhas das iniciativas que propoñen as bibliotecas públicas galegas, algunhas deles organizadas conxuntamente coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e a Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI), como é o caso do bookcrossing, unha das iniciativas que estará presente nalgúns centros bibliotecarios e que consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores, que despois farán o mesmo.

As sesións de contacontos e obradoiros serán tamén protagonistas desta xornada. Na biblioteca de Pontevedra estará Susana Villar, en Compostela a compañía Cucarandaina ofrecerá a actividade O bosque dos libros, pola súa banda, a biblioteca González Garcés da Coruña acollerá o obradoiro Ciencia divertida, de Teatro do Miolo, que lles achegará o mundo da ciencia aos máis pequenos.

As bibliotecas tamén aproveitarán esta data para expoñer, a través de centros de interese, contos infantís e xuvenís dos seus fondos. A biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago e a biblioteca pública de Pontevedra dedicaranlles a súa mostra bibliográfica ás obras do escritor Hans Christian Andersen, que estarán expostas nas salas infantís dos dous centros durante o mes de abril. Mentres, Peter Pan viaxa ao país dos libros será a obra que inaugure a exposición de contos clásicos da biblioteca central de Vigo, que se irá actualizando con outras propostas de lectura máxicas e divertidas.

Finalmente, todos usuarios infantís da biblioteca nodal de Pontevedra que fagan uso do servizo de préstamo durante o 2 de abril, recibirán un libro como agasallo.

Para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil, a Secretaría Xeral de Cultura presentará unha obra coa que nenos e mozos poderán descubrir as diversas facetas do escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012. Trátase da obra Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, o novo título da colección Merlín que publica Edicións Xerais de Galicia. O libro será presentado hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo responsable da editorial, Manuel Bragado; e pola autora da obra, Charo Portela, nunha rolda de prensa que terá lugar ás 10.30 h. na Biblioteca da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

O manifesto pola lectura deste ano, escrito polo autor mexicano Francisco Hinonx0woa baixo o título Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro, será lido o 2 de abril en bibliotecas de todo o mundo, entre as que se atopan as de Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Pontevedra.