Print this page

A Semana do Libro e a Lectura volve a Carballo

Rate this item
(0 votes)

Dez anos leva xa a Semana do Libro e a Lectura sendo un punto de encontro fundamental entre os cativos e cativas de Carballo e o goce de ler e imaxinar historias. A cita, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e o propio concello bergantiñán, conta un ano máis co patrocinio da Fundación Luís Calvo Sanz e espérase que arredor de 2.200 nenos e nenas participen nas actividades que terán lugar no Pazo da Cultura entre onte luns e o venres 15 de maio. Como xa é habitual, a Semana do Libro e a Lectura conta cun lema, neste caso Da ciencia á ficción, que inspirou ao alumnado dos centros de ensino de Carballo para elaborar unha serie de divertidos materiais que conforman unha das mostras máis visitadas da cita, que inclúe tamén unha exposición de libros da editorial Kalandraka e doutra elaborada con libros cedidos por distintas editoriais. Ademais, e dada a temática do programa, o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ofrecerá unha entretida sesión na que introducir aos cativos e cativas no mundo da ciencia titulada Que traballo tan curioso!.

O Semana do Libro e a Lectura de Carballo vertébrase en dous tipos de citas. Por unha banda, unha serie de obradoiros que teñen lugar no Pazo da Cultura e nos que participan nenos e nenas de todos os colexios de Carballo de Educación Infantil e Primaria dentro do seu horario lectivo. As citas ofrecen temáticas moi variadas que van dende a maxia do Mago Richard ou o teatro de Baobab, ata a papiroflexia,a astronomía, a electricidade, obradoiros relacionados coa ciencia, os números ou a robótica e mesmo unha Mini Feira de experimentos científicos. Xa polas tardes, as familias poden acudir ao Pazo da Cultura para gozar cos contacontos de Bea Campos e David González ou Raquel Queizás; de novo coa maxia baseada na ciencia e na tecnoloxía do Mago Richard; o coa sesión de "ciencia atrevida" do CSIC, con enxeñosos experimentos. No caso das visitas ás exposicións, os centros de ensino poderán visitalas de 9.30 h. a 14.00 h.; e de 18.00 h. a 20.00 h. polas tardes están dispoñibles para o público en xeral.