Print this page

A Pobra do Caramiñal lembra a Carlos Mosteiro cunhas xornadas de literatura infantil

Rate this item
(0 votes)

Este venres e o sábado a literatura infantil galega ten unha cita na Pobra do Caramiñal de lembranza de Carlos Mosteiro, autor falecido hai agora un ano e escritor moi vinculado esta vila da ría arousá.

As I Xornadas de Literatura Infantil ‘Carlos Mosteiro’ comezarán o venres 6 de xullo ás 20.30 h. no Auditorio do Museo Valle-Inclán coa conferencia Achegamento a obra e vida de Carlos Mosterio, a cargo de Fina Casalderrey e Blanca Ana Roig. De seguido entregarase a Patricia Mallo o premio do Certame de Literatura Infantil ‘Carlos Mosteiro ’ pola súa obra Os Fantom.

A xornada do sábado comezará ás 11.30 h. nos Xardíns de Valle-Inclán cun obradoiro de ilustración baseado no libro Unha bruxa ben rara de Carlos Mosteiro.  De seguido, ás 13.30 h., descubrirase a placa na rúa dedicada a Carlos Mosteiro (antes Travesía Fernández Varela).

Aínda que naceu en Xeve (Pontevedra) Carlos Mosteiro viviu e exerceu de mestre na Pobra do Caramiñal. Literariamente centrouse con especial dedicación á literatura infantil e xuvenil. En 1999 publicou un libro de relatos para rapaces que leva por título o do primeiro deles, O día que Miguel Induráin pasou por Gonderande (Galaxia). No ano 2001 gañou o Premio Abril de narrativa, que se convoca nas diferentes linguas do estado español máis o portugués, coa novela Manual de instruccións para querer a Irene, editada en varias linguas, en galego saíu co selo editorial de Galaxia. Logo virían Ese unicornio rosa (Tambre) e Unha bruxa ben rara (SM), coa que Mosteiro gañou o premio Barco de Vapor no ano 2006.