Print this page

A mellor LIX galega estará presenta na Feira de Bologna

Rate this item
(0 votes)

O sector editorial galego participa desde onte e ata o 6 de abril na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bologna, un encontro profesional de referencia que reúne os principais axentes do sector. Por unha banda a editorial pontevedresa Kalandraka será a única editora que contará con stand de seu na Feira, e por outra banda, o goberno galego, en coordinación coa Asociación Galega de Editoras (AGE), pon ao dispor dos profesionais galegos o stand Galicia no que exhibir as últimas novidades para o público lector máis novo, así como para a realización de reunións comerciais que favorezan a internacionalización do sector a través de novas oportunidades de negocio con axentes procedentes de diversos países do mundo.

Concretamente, o stand de Galicia amosará durante os catro días nos que se desenvolve a feira as obras máis recentes para o público infantil e xuvenil de Hércules de Edicións, de Baía Edicións, de Edicións Xerais de Galicia, de Urco Editora, da Editorial Galaxia, de Alvarellos Editora, de Kalandraka Editora, de Bolanda, de Nova Galicia Edicións, de OQO editora e de Bululú Editorial, ademais de ofrecer materiais divulgativos sobre o sector editorial galego e información de interese a través de persoal de atención ao público.

Entre o material co que se divulga a produción editorial galega na feira destaca o novo catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2017, unha obra en versión trilingüe –galego, castelán e inglés– coeditada pola Xunta e pola Asociación do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia (Gálix), en colaboración coa AGE, que inclúe 109 títulos en galego publicados por 23 entidades no último ano. A versión electrónica do catálogo tamén está accesible na web de Cultura de Galicia, en https://www.cultura.gal/gl/catalogo-libros-infantis-xuvenis-galicia-2017