Print this page

A húngara Mariann Maray gaña o XII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados

Rate this item
(0 votes)
El perro de Mimo El perro de Mimo

Onte fallouse o XII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. A obra gañadora leva por título El perro de Mimo, de Mariann Maray (Hungría). O xurado destaca a "atrevida aposta plástica reforzada pola multiplicidade cromática cercana á estética naif e ao mundo da infancia". O xurado quixo salientar tamén a obra finalista, que recomendan para a súa publicación e que leva por nome Atrapamiradas, de Avi Ofer (ilustrador) e Marina Núñez (autora), ambos de Barcelona.Nesta edición do certame presentáronse preto de 300 traballos procedentes de 24 países distintos.

O Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados é un certame convocado dende o ano 2008 polo Departamento de Educación do Concello de Santiago en colaboración coa Editorial Kalandraka, que está dirixido a autores/as e ilustradores/as de todas as nacionalidades. A iniciativa xurdiu no marco da Campaña de Animación á Lectura que este Departamento municipal vén organizando dende 2001, co obxectivo de enxalzar este xénero literario e artístico e proxectar internacionalmente o nome da cidade a través de publicacións de libros de calidade en varias linguas.

Trátase dun dos concursos internacionais con maior dotación económica no seu ámbito de especialización, e cun significativo nivel de participación nas dez edicións, ao que se engade o prestixio do xurado que avalía as obras presentadas. Kalandraka publica a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares -galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués- así como en inglés. A editorial pode publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial.

Mariann Maray é graduada en Artes Aplicadas pola Universidade de Moholy-Nagy e especialista en comunicación visual. Estudou lingua e literatura italiana na Universidade de Budapest e traballa como ilustradora de libros para público infantil. Dende 2009 publicou numerosas obras, ademais de participar en exposicións. En 2017 foi seleccionada para a Bienal de Ilustración de Bratislava e a mostra de ilustración da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. Nesta última foi finalista do concurso Silent Book 2019.