Print this page

A Fundación Uxío Novoneyra programa actividades para escolares

Rate this item
(0 votes)

A Fundación Uxío Novoneyra bota a andar o proxecto Hoxe coñecín a Uxío Novoneyra, destinado a centros educativos interesados en afondar no coñecemento do Courel e da figura do poeta Uxío Novoneyra. Os diferentes programas preparados están dirixidos dende os 3 aos 16 anos.

Para educación infantil está programado un contacontos e obradoiro de pintura, onde as participantes poderán recrear, a través dos contos de Novoneyra, un mundo máxico habitado polos animais da montaña e polos espazos naturais do Courel.

En educación primaria programáronse un obradoiro de caligramas, froito da dimensión plástica do traballo poético de Novoneyra, onde o alumnado se achegará á obra caligráfica do poeta do Courel. Outra actividade é a titulada Seguindo Os Eidos en Parada onde, a través da obra magna de Novoneyra, coñecerase a natureza e a etnografía do Courel.

As e os alumnos de educación secundaria poderán gozar con A natureza dos Eidos, un paseo interpretativo polos arredores da Fundación empregando Os Eidos como guía de árbores e plantas.

Unha segunda actividade para esta franxa de idade é Un paseo pola historia familiar, aproveitando que a Casa da Fonte da Parada, sede da Fundación Uxío Novoneyra, foi unha importante casa de labranza e está ligada á historia da contorna.

Actividades variadas para os diferentes tramos escolares que teñen como obxectivo aprender dende a obra escrita de Novoneyra as características naturais e a historia desta zona da montaña lucense.

 

Download attachments: