Print this page

A Fundación Cuatrogatos selecciona entre o mellor do 2018 varios libros galegos

Rate this item
(0 votes)

A Fundación Cuatrogatos vén de publicar os libros gañadores do Premio Fundación Cuatrogatos, un catálogo de libros publicados a nivel hispanoaméricano, editados en lingua castelá, altamente recomendados polos seus valores literarios e plásticos que merecen ter unha grande difusión. Para escoller os libros gañadores do Premio Fundación Cuatrogatos 2019, un comité de lectores tomou en consideración ao redor de 1500 publicacións e literatura infantil e xuvenil provenientes de 175 editoriais de 19 países. 

O resultado son 20 títulos gañadores, outros 20 finalistas e outros 100 recomendados. Unha listaxe onde atopamos unha nutrida presenza galega en forma de autoras e autores, ilustradores e editoriais do noso país.

Entre os gañadores están as versións en castelán de Poemar o mar, de Antonio García Teijeiro e ilustracións de Xan López Domínguez, e un libro da editorial pontevedresa Kalandraka, A horta de Simón, de Rocío Alejandro.

Aínda que a edición premiada foi a de Anaya publicada o pasado ano, Poemar o mar saíu orixinalmente no ano 2016 en Xerais e un ano despois foi premio estatal de Literatura Infantil e Xuvenil. Segundo o xurado, estamos ante unha “obra sensorial e evocativa, vital, que nos presenta os diferentes rostros do mar”. Dá a casualidade de que nos premios Fundación Cuatrogatos do ano pasado, quedou como finalista En la cuna del mar (Creotz), outro dos libros de García Teijeiro que xunto a este Poemar o mar e Palabras do mar (Embora) conforman unha triloxía.

Pola súa banda, A horta de Simón, cualificado polo xurado do certame como “unha obra sobre a amizade, a convivencia e a relación coa terra, con atractivas ilustracións e un exquisito deseño”, acadara o X Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados 2017.

Entre os finalistas atopamos máis presenza galega, como o libro Música alrededor (Libre albedrío), ilustrado pola lucense Lucía Cobo; Mi abuelo, el rey de las pequeñas cosas, do portugués João Manuel Ribeiro e publicado pola editorial coruñesa Hércules con tradución de Ánxela Gracián; e El río que se secaba los jueves (y otros cuentos imposibles), publicado por Kalandraka..

E varios títulos máis no apartado de recomendacións. Trátase das traducións ao castelán de As estrambóticas aventuras do barón de Münchhausen (Bululú) de Pinto&Chinto; A señorita Bubble (Xerais) de Ledicia Costas e ilustracións de Andrés Meixide; e O corazón de Xúpiter (Xerais) de Ledicia Costas. Entre esas recomendacións atopamos igualmente El lobo con botas (Anaya), dos coruñeses El Hematocrítico e Alberto Vázquez como ilustrador;  Apestoso tío Muffin (Anaya), ilustrado polo vigués Victor Rivas; ou La mejor sopa del mundo, editada pola galega OQO.

A Fundación Cuatrogatos é unha organización sen fins de lucro creada en Miami, Estados Unidos, polos escritores Sergio Andricaín e Antonio Orlando Rodríguez para traballar en prol da cultura e a educación. Entre os seus principais obxectivos están a investigación e o estudo da produción editorial en castelán dedicada aos lectores infantís e xuvenís.

Additional Info