Print this page

A Fundación Cuatrogatos selecciona entre o mellor do 2015 varios libros galegos

Rate this item
(1 Vote)

A Fundación Cuatrogatos ven de premiar e recoñecer diversos títulos da literatura infantil e xuvenil galega. A Fundación radicada en Miami selecciona todos os anos 20 libros altamente recomendados polos seus valores literario e plásticos que, a xuízo da institución, pagan a pena ter moita difusión. Xunto aos 20 libros gañadores e dos finalistas, Cuatrogatos realiza unha selección de 80 recomendacións.

Este ano a listaxe dos 20 libros gañadores do Premio Fundación Cuatrogatos 2016 inclúe álbums, libros de imaxes, poemarios, contos e novelas dirixidos a un amplo abano de destinatarios: dende os bebés ata mozos. Os premios escolléronse por un equipo de profesionais de formación multidisciplinaria –filoloxía, educación, xornalismo, socioloxía, biblioteconomía, teatro– que partillan o interese pola creación e o estudo da literatura infantil e xuvenil.

Como unha das vinte obras gañadoras está Ícaro de Federico Delicado. O traballo do pacense xa gañara con anterioridade o VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado e está publicado pola editorial pontevedresa Kalandraka.

Entre as obras que a Fundación Cuatrogatos recomienda están a versión en castelán de Escarlatina, a cociñeira defunta (Escarlatina, la cocinera cadáver) de Ledicia Costas e a tradución ao castelán de O meu pesadelo favorito (Mi pesadilla favorita) de María Solar, así como o caderno de viaxe Barcelona (Kalandraka), de David Pintor. Kalandraka tamén é o selo editor de dúas obras entre as recomendadas: No hay dos iguales e Donde nace la noche.

A Fundación Cuatrogatos é unha organización sen fins lucrativos creada en Miami polos escritores Sergio Andricaín e Antonio Orlando Rodríguez para traballar en prol da cultura e a educación e entre os seus principais obxectivos están a investigación e o estudo da produción editorial en castelán dedicada aos lectores infantís e xuvenil. Dende a Fundación agardan que o resultado deste traballo sexa de utilidade para pais, docentes, bibliotecarios, editores, investigadores, xornalistas, creadores artísticos...

 

Additional Info