Print this page

A ferrolá María Díaz Serantes gaña o XIV premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración

Rate this item
(0 votes)

A ilustradora ferrolá María Díaz Serantes foi a gañadora do XIV premio de literatura infantil e xuvenil "Pura e Dora Vázquez" na modalidade de Ilustración, que convoca a Deputación de Ourense.

O xurado asegurou do traballo galardoado que as ilustracións "denotan un profundo traballo de debuxo e transmiten a sensación de que detrás delas, hai un gran artista con moita orixinalidade". Asemade o xurado puxo de manifesto que "os personaxes teñen moita expresión e adáptanse moi ben ao público ao que vai dirixida a obra".

Das obras presentadas ao certame na modalidade de Ilustración nesta edición, o xurado destacou o "inmenso traballo que hai detrás de todas elas e o seu alto nivel".

Os traballos presentados ao certame nesta modalidade de ilustración foron obras inéditas e orixinais baseadas no texto gañador do premio de narración desta edición do escritor Antonio Yáñez Casal, titulado Do meu nome e outras trapalladas.

O xurado da XIV edición do Premio "Pura e Dora Vázquez" de Ilustración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, Carlos Rodríguez Calvo, Mario González Sánchez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez.

María Díaz Serantes naceu en Ferrol no ano 1994. A gañadora do XIV Premio "Pura e Dora Vázquez" de Ilustración comezou a estudar Lingua e Literatura Inglesa na Universidade de Santiago de Compostela (2012-2014), a cal deixou para estudar Ilustración na EASD Pablo Picasso, en A Coruña (2014-2016). No ano 2016, Edicións Embora publicou a portada desta ilustradora para A teoría dos contrarios de Pere Tobaruela.

O premio "Pura e Dora Vázquez" ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo e á vez recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas. O libro incluirá o texto gañador e as ilustracións galardoadas polo xurado, e empregarase como elemento de difusión e divulgación en campañas de animación á lectura.