A Editorial Galaxia ven de presentar Aula Virtual, un espazo de traballo en liña pensado para completar a oferta de Libro de Texto da editorial viguesa e que permitirá aos docentes e ao alumnado traballar coas novas tecnoloxías na materia de Lingua e Literatura Galega en todos os cursos da ESO.
Na Aula Virtual de Galaxia estarán dispoñibles, por unha banda, os PDFs dos libros de texto, pero, sobre todo, unha serie de materiais pensados para o profesorado e os alumnos e alumnas que lles permitirá afondar e mellorar o seu proceso de aprendizaxe na materia de Lingua e Literatura galega. Así, entre outros materiais, os usuarios disporán dunha media de trinta Actividades Interactivas e Recursos Multimedia (vídeos, audios, ligazóns web…) por cada unidade educativa.
Nun apartado específico para os profesores e profesoras, terán á súa disposición máis de tres centos audios descargables para o seu traballo na aula, as Propostas Didácticas por cada nivel, o Solucionario das Actividades propostas nos libros de texto, e un completo Xerador de Exames (personalizable por obxectivos, unidades, temáticas… e editable segundo as necesidades educativas e o nivel de cada grupo).
Como novidade, o alumnado poderá traballar comodamente dende as súas casas pois poderán acceder aos contidos interactivos (Actividades Multimedia e Recursos) cando queiran e non só na aula. Isto supón un gran avance no que se refire ao proceso de aprendizaxe, xa que, independentemente da secuenciación que programe o profesor ou profesora, o discente poderá volver as veces que queira sobre o material e os recursos interactivos para estudar segundo as súas necesidades.