Print this page

A ciencia centrará o XVI Salón do libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Rate this item
(0 votes)

Da ciencia á ficción será o título do XVI Salón do libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que terá lugar do 27 de febreiro ao 28 de marzo. Ao longo dese mes Pontevedra será o epicentro da literatura infantil e xuvenil, impulsando co Salón a promoción da lectura, implicando a familias e a docentes.

A ciencia, a lóxica, a explicación racional a feitos incribles: o home na lúa, os robots, a realidade virtual, etc. As matemáticas, a astronomía, a bioloxía, a física e a química,... esclarecen feitos obxectivos e observables que inspiraron grandes historias de ficción. Historias que chegaron e chegarán a converterse en realidade grazas á ciencia.

Durante preto de cinco semanas o teatro, a música, danza, o cine, os contacontos, obradoiros, roteiros, charlas, presentacións de libros e exposicións tomarán as instalacións do Pazo da Cultura de Pontevedra. Como novidade deste ano será a inclusión de parte das actividades do programa de lecer alternativo ‘Noites Abertas’ os venres e sábados, un ciclo de cine con películas cedidas polo CGAI e tres cursos específicos para docentes.

Da ciencia á ficción permitirá que a literatura e a ciencia se dean a man de xeito ameno para achegar ambas disciplinas aos máis pequenos con mestres de cerimonia recoñecidos a nivel galego e internacional. Así, polo XVI Salón do Libro pasarán persoeiros como o psicopedagogo Francesco Tonucci, o forense Ángel Carracedo ou o físico e divulgador Jorge Mira, que coincidirán con artistas como Paulo Lameiro, Pep Bou, Xoán Curiel ou Raquel Queizás, entre outros.

No Salón do libro Infantil e Xuvenil deste ano tamén se contará coa colaboración de institucións científicas como o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Museo de la Ciencia de Valladolid, o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Fundación Barrié e o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt).

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil será escenario de estreas e de espectáculos feitos especialmente tendo en conta a temática da súa XVI edición. É o caso de ‘A pel da auga’, de Pep Bou; de ‘O circo atómico das irmáns Faynman’, de Chévere; ‘A guerra dos números’, de María Lado, Lucía Aldao e o SPJ Trío; ‘Godzilla’, da Banda de Música de Pontevedra; ‘Luppo’, de Baobab Teatro; ‘A gramola gominola’; ‘O ritmo do camiño’, da Tropa de Trapo; ‘Peter Pan’, da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra; ‘A miña estrela’, da Orquestra de Cámara Lira, e o concerto do coro infantil do Conservatorio Manuel Quiroga.

A oferta expositiva deste ano do XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra inclúe unha mostra na Biblioteca Pública 'Antonio Odriozola' de Pontevedra con ilustracións da portuguesa Mafalda Milhões; a compilación de fotografías ‘Cociñando contos. Búscate no salón’, de Miguel Vidal na Galería Sargadelos, e as que varias entidades participantes amosarán nas instalacións do Pazo da Cultura e do Recinto Feiral, coa ciencia como protagonista.

O acto de inauguración do Salón terá lugar o vindeiro venres, 27 de febreiro, ás 19.00 h., nun acto conducido por Bea Campos no que os protagonistas serán, coma sempre, os nenos, neste caso os do CEIP San Martiño e o IES A Xunqueira I. A partires desa data, estará aberto de luns a venres en horario de tarde (de 17.00 h. a 20.30 h.) e as fins de semana e festivos de 11.00 h. a 14.00 h. e de 17.00 h. a 20.30 h.

 

 

Additional Info