Print this page

A Biblioteca 'Ánxel Casal' homenaxea a Neira Vilas cun mural realizado por 25 nen@s

Rate this item
(0 votes)

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal presenta, no marco da súa programación dedicada a Xosé Neira Vilas, a realización dun mural colectivo no que participarán 25 nenos de entre 4 e 11 anos. A actividade terá lugar esta mañá ás 11.00 h. no Salón de Actos, e, durante a mesma, os rapaces converteranse en pintores por un día deixando a súa pegada artística á vez que se divirten.


O deseño do mural e a coordinación dos rapaces para colorealo corresponde a Xoana Almar (Xoana Álvarez Martín) e Miguel Peralta, dous ilustradores formados en Granada e afincados en Santiago, que ofrecen o seu bo facer dun xeito xeneroso e desinteresado para a realización desta obra colectiva.

 

Unindo os seus estilos, Xoana Almar e Miguel Peralta realizaron xuntos numerosos proxectos como exposicións, murais ou libros ilustrados. Froito da súa produción teñen dous contos publicados, ‘¿Qué le pasa a la abuela?’ e ‘Los lunares de Lola’ (Editorial Triqueta Verde). Cando traballan con nenos comparten, ademais, as ideas do escritor Gianni Rodari: "se tivésemos unha Fantástica, como dispoñemos dunha Lóxica, descubriríase a arte de inventar".

 

O resultado desta obra colectiva poderá contemplarse na Biblioteca Ánxel Casal a partir do 2 de setembro, día da inauguración en Santiago da exposición ‘Querido Balbino. 1961-2011 Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego’, coa que a Xunta de Galicia homenaxea a Xosé Neira Vilas. Tras a inauguración, os nenos terán a oportunidade de participar nun animado coloquio co autor de Vila de Cruces.

 

A mostra ‘Querido Balbino’, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo e coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e a Deputación de Pontevedra, propón un percorrido pola vida de Xosé Neira Vilas que tamén permite coñecer a traxectoria da obra máis lida da literatura galega. A exposición itinera polas principais bibliotecas e museos de Galicia.