Print this page

A arxentina Mariana Ruiz Johnson faise co VI Premio Compostela de Álbums Ilustrados

Rate this item
(0 votes)

A forza expresiva de Mamá, da arxentina Mariana Ruiz Johnson, trunfa no VI Premio "Compostela" de Álbums Ilustrados, convocado por Kalandraka editora e o concello de Santiago e fallado o pasado venres. O xurado destacou a vitalidade, a forza e o manexo da cor dun libro que traballa un tema universal e especialmente próximo ao mundo da infancia. Destacouse tamén a pequena e lograda homenaxe que realiza a autora a grandes figuras da historia da pintura. Incidindo nesta valoración, Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, afirmou que é "unha obra feita dende a emoción e cunha enorme forza expresiva. É un poema no que moitas nais se verán reflectidas".

Panda, de Marcos Guardiola Martín, de Madrid, e Un día cualquiera, de Cristina Martín Recaséns, de Tarragona, recibiron senllas mencións especiais.

O xurado estivo formado polo ilustrador Emilio Urberuaga (Premio Nacional de Ilustración 2011), a escritora chilena María nx0woé Ferrada, a profesora Juana Vázquez, Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka, o xefe do Departamento de Educación do Concello de Santiago, Xosé Manuel Rodríguez- Abella, e a concelleira de Educación, María Castelao.

O Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado convócano o Departamento de Educación de Santiago e Kalandraka, no marco da Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago. A esta edición optaron un total de 374 traballos procedentes de 21 países como Hungría, Grecia, Italia, Portugal, Alemaña, Holanda, Polonia, Inglaterra, Francia, Irán, Líbano, Arxentina, Ecuador, Chile, Uruguai, Venezuela, Brasil, Colombia, México ou Estados Unidos.

Mariana Ruiz Johnson suma o seu nome ao dos gañadores das cinco edicións anteriores: A gañadora da primeira edición do Premio Internacional Compostela foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada Cerca. Na convocatoria de 2009 o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por Un gran soño. O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro A familia C. O uruguaio Martín León Barreto gañou a convocatoria de 2011 co álbum A viaxe de Olaf. E Bandada, dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez, foi a obra escollida polo xurado da quinta edición.

A gañadora Mariana Ruiz naceu en Bos Aires no ano 1984. Actualmente está rematando a Licenciatura en Artes Visuais no Instituto Universitario Nacional del Arte. A partir do ano 2005 comezou a formar parte, como ilustradora, da Escola de Arte Sótano Blanco co mestre nx0woé Sanabria. Tamén estudou con outros grandes ilustradores como Saúl Óscar Rojas e Claudia Legnazzi. Asistiu a workshops en Italia con Svetlan Junakovic e Gianni de Conno. Na actualidade traballa de maneira independente como ilustradora e ten publicado libros da súa autoría tanto en América como en Europa.

Amais da dotación económica estipulada nas bases do concurso, a autora de Mamá verá a súa obra publicada en torno ao mes de outubro en sete idiomas: galego, castelán, éuscaro, catalán, portugués, italiano e inglés.