Print this page

Un gran soño (Kalandraka) de Felipe Ugalde

Rate this item
(1 Vote)

O II Premio Internacional Compostela para albumes ilustrados lévanos a eses versos de Konstantinos Kavafis que nos convidaban a gozar da viaxe. O mexicano Felipe Ugalde móstranos en Un gran soño precisamente iso, deleitémonos coa aprendizaxe e quizais, ao final do camiño, consigamos converternos en estrelas.

Imaxes dunha gran forza xunto ao microrrelato que da pe a Un gran soño cativaron ao xurado deste certame que leva todos os visos de se converter nun clásico das letras infantís. A viaxe dun pequecho crocodilo dende que nace ata que se converte nunha constelación xunta neste álbum dous continentes, dúas galaxias cunha mesma fin. Un álbum ilustrado moi atractivo tanto para os mais cativos como para adultos que nos deixa diferentes lecturas, dispares conclusións, distintas interpretacións pero o mesmo goce ao traspasar a derradeira páxina. 



 

Dúas edicións do Premio Compostela e dous gañadores latinoamericanos. Parece que o voso traballo está en alza ou polo menos comezase a coñecer e a recoñecer aquí.

Parece que é así. Que dous latinoamericanos levaramos estas dúas edicións confirma que actualmente hai moito talento en Latinoamérica e que dalgún xeito compartimos unha serie de códigos visuais, estéticos... que están a gustar aquí ou que chama a atención por ser algo diferente ao que a xente está acostumada a ver nos albumes publicados en Europa.


Contades en México cunha gran tradición de álbum ilustrado?

Concretamente en México a ilustración máis o álbum ilustrado é un fenómeno relativamente novo. Aproximadamente dende hai máis ou menos vinte e cinco anos é cando se comeza a facer ilustración infantil, comezan a se publicar albumes ilustrados por artistas mexicanos. Este auxe ven asociado paralelamente ao interese, a nivel escolar, por este material, o que deu lugar a que en México xurda unha xeración moi talentosa de ilustradores novos.


Natalia Colombo, gañadora da pasada edición deste premio, explicaba que a súa obra principiara nun obradoiro de ilustración coa tamén ilustradora Claudia Legnazzi. No transcurso da celebración de entrega do premio vostede comentou que Un gran soño tamén nace nun obradoiro deste tipo. Qué importancia ten estes obradoiros na creación de obras e de albumes ilustrados?

No meu caso o obradoiro foi impartido por Javier Saez, un ilustrador moi recoñecido aquí. Os obradoiros son moi importantes no senso de que hai un intercambio entre nós que doutro xeito sería moi difícil de dar. Ten en conta que o noso traballo é moi persoal, moi solitario, de estar pechado, illado... Porén, estes obradoiros son moi enriquecedores porque vemos o traballo doutros compañeiros, as súas técnicas, intercambiamos ideas, compartimos experiencias, etc.


En Un gran soño o crocodilo da historia busca medrar, medrar e medrar. Deixar a súa pegada, ficar para a posterioridade. Unha alegoría do paso da vida e das dificultades coas que nos enfrontamos no día a día. Unha busca e unha loita por acadar un soño, un gran soño.

Teño para min que Un gran soño ten moitos significados, e todos eles abertos, co que cada quen ten a posibilidade de sacar unha conclusión diferente. No fondo o ser humano ten a necesidade de transcender, pero o realmente importante de todo iso é o coñecemento, a sabedoría, as experiencias que imos acadando no proceso. O que é máis importante, ao final, que a propia meta.


Vostede mostra neste álbum un retorno as orixes de México, concretamente á cultura maia: o crocodilo como representación astronómica da vía láctea.

A verdade é que non me baseei nas diferentes mitoloxías mexicanas. Foi algo que descubrín a posteriori.

Nun primeiro momento eu pensei que estaba inventando a constelación do crocodilo, pero tras investigar decateime que iso xa existía en moitas mitoloxías antigas, como na africana, na india, en Exipto, e por suposto na mitoloxía maia. En todas elas existiu unha constelación do crocodilo, por outra banda un animal moi venerado pola súa dualidade entre a vida e a morte e por estar moi relacionado coa terra e coa auga.

Tamén quixen determe na explicación que as diferentes culturas lle deron ao descoñecido, en Un gran soño no relativo ao universo, á creación e á representación das estrelas, das constelacións. Os maias fixérono así, representaron a vía láctea como un crocodilo, onde o lombo era o ceo e a bandullo a terra. Un animal que uniría o ceo coa terra.


Qué mensaxe lanza con este libro aos nenos e á nenas? Deben tomar como modelo o seguir os pasos do crocodilo?

Non, non creo que deban seguir os pasos del crocodilo. Sinxelamente é unha historia que fala das metas e do camiño que hai que percorrer para chegar ata un obxectivo. O que importa non é a meta, senón a aprendizaxe que hai ao longo do camiño.


En qué lugar incluiría este libro dentro da produción literaria e ilustradora que ven desenvolvendo nos últimos vinte anos?

Este álbum é moi importante para min porque é o primeiro no que eu son autor e ilustrador. Dalgún xeito é o máis persoal e o máis completo dos traballos que fixen ata o de agora. Normalmente o meu traballo se reduce a ilustrar textos doutros autores.


E seguirá con esta liña de traballo?

Si, sen dúbida. Seguirei intentándoo. Seguramente non chegue nunca a ser un escritor, pero gustaríame seguir con esta liña de contar historias, independentemente de que teñan texto ou non, xa que, evidentemente, a miña linguaxe é a imaxe, a ilustración. De feito, Un gran soño comezou sendo só ilustracións, ás que logo metín o texto para redondear a idea xerada coas imaxes, para complementalo.


Móstranos en Un gran soño unhas ilustracións dunha gran cor, representando a unha natureza salvaxe.

Eu levo moito tempo ilustrando e fago uso de moitas técnicas e materiais. Nestes momentos co que me sinto máis a gusto traballando é co acrílico, que me permite un grande abano de posibilidades e se adapta moi ben o meu estilo. O acrílico é moi rico tanto na busca desa cor á que chee refires como nas diferentes texturas.


No seu caso, que ilustra para un público tan esixente como é o infantil, ten presente á hora de desenvolver ese traballo esa capacidade de marabillarse, de sorprenderse da que dispón os máis pequechos?

É moi importante dispor desa capacidade de sorprenderse, de marabillarse e de divertirse, sen dúbida. No meu caso non teño moito contacto directo cos cativos, pero á hora de ilustrar penso en min mesmo e sobre o que me gustaría ou atraería ver nun libro ilustrado, todas esas cousas que me parecían divertidas cando eu era neno.


Centra todo o seu traballo en ilustrar libros infantís ou traballa tamén noutros ámbitos artísticos?

Aínda que a meirande parte do que fago está centrado nai lustración infantil, tamén pinto e realizo ilustracións para editoriais, artigos de revistas, etc.