Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

O esconxurador (Galaxia) de Xesús Manuel Marcos

Rate this item
(0 votes)

Xesús Manuel Marcos volve sorprender ao lector coa súa última novela. O esconxurador, publicada por Galaxia, é unha historia que recende a maxia e a historias lendarias contadas ao carón da lareira. O escritor de Seoane do Courel recupera do imaxinario ancestral a mouras, trasgos e bruxas para conxugar todo ese acervo popular coa cotidaniedade dando como resultado unha alquimia perfecta, (re)creando unha nova paisaxe.

Cunha linguaxe dunha gran riqueza e unha prosa que chanta ao lector no sofá, énos practicamente imposible despegar a atención dos sucesos que acontecen a Rentar e ao seu pai, o esconxurador, sentindo un fondo pesar ao non saber dos novos acontecementos que lles poidan suceder, deixando un pouso de mágoa no ar por non saber de máis historias do esconxurador e da súa filla. Unha magnífica novela que sen dúbida agradará a un amplo abano de lectores.



 

Nos dous primeiros libros de O Brindo de Ouro (Xerais) e neste O esconxurador (Galaxia) deixa correr unha imaxinación que arrecenden ás historias procedentes da tradición oral. ¿A fonte da que beben as súas novelas nútrese das lecturas do propio autor ou das lendas propias e historias da terra onde as sitúa?

Non é doado recoñecer unha soa fonte. Todo o que les, todo o que ves, todo o que vives fica contigo. Nese sentido, un escritor é unha esponxa que todo o recolle. Eu crieime nun bar onde escoitaba historias de todo tipo, tanto "reais" como "fantásticas". Co paso do tempo, algunhas volven e porfían por facerse literatura.

Ao final todo é un cúmulo: investigación, conversas, recollida de historias, lecturas... Tanto en O esconxurador como no Brindo de Ouro hai moito de literatura oral, moito de mitoloxía.

 


Volve situar as historias de O esconxurador en lugares reais que o lector podería localizar e fixar doadamente nun mapa.

Hai que ter moito coidado con iso. Lembrando a Novoneyra -aproveitando que este é o seu ano-, a súa obra é como o espello no que se reflicte o Courel. Porén, os lugares que aparecen nos meus libros son lugares pasados pola peneira da ficción. Son espazos novelados. Na orixe si pode ser este ou estoutro lugar en concreto, pero dende a ficción están cambiados de sitio, terxiversados, engádolles ou quítolles cousas, etc.


Rentar, a rapaza protagonista da novela, é o fío que une os mundos do real e do descoñecido. Os demos que aniñan no seu corpo atemorizan ao igual que atraen xente para sandar. Reflicte en si mesma a loita arquetípica do ben contra o mal onde fai acto de presenza a maxia. Un pouco ao xeito das antigas meigas.

En Sober, unha vila non lonxe do Courel, vivía unha muller á quen chamaban a Bruxa de Torbeo*. Baseeime nela para debuxar a Rentar. Filomena, que así se chamaba a señora, un día que estaba no fiadeiro, púxose mala de súpeto e botou uns días na cama. En canto sandou, comezou a ter certos poderes de curación e adiviñación, e chegou a ser moi famosa en Galicia e fóra dela.

Rentar é unha ponte entre dous mundos e nela se recolle o alén e o aquén. É unha meiga no antigo sentido, recibe o poder dende o punto de vista da esencia da natureza, e ela o utiliza para sandar aos doentes.

Dese tipo de meigas aínda quedan tres ou catro en Galicia, onde a maxia non é mover unha variña para que xurda un encantamento, senón que utilizan a enerxía da natureza.

Atoparase moita desa maxia tamén na terceira parte do Brindo de Ouro.

* Referencia á bruxa de Torbeo por Olegario Sotelo Blanco [prema aquí]


A figura do esconxurador, o pai de Rentar, é posuidor dos saberes ancestrais. Máis que un meigo sería un menciñeiro. Qué é o que buscaba coa representación dos personaxes do pai e filla?

O pai non ten o poder da filla. Rentar é filla de home e de moura, e polo tanto as súas posibilidades son inalcanzables para o esconxurador. O esconxurador coñece e utiliza o que lle dá a natureza para traballar, pero fica máis na tona das cousas, fáltalle esa enerxía que si ten a filla, que Rentar posúe froito da unión do pai coa nai, que é a que lle transmite esa enerxía do profundo da terra.


Rentar e o seu pai son desterrados da súa vila por mor do poder que emana dela. Son repudiados e estigmatizados pola ignorancia e o medo dos veciños. Tendo en conta que a novela está ambientada a finais do século XX, que hai de certo no aviso que lle fai o crego ao pai de Rentar, no momento de exorcizala, de que setenta anos antes sería queimada por meiga?

É unha maneira de falar, de demostrarlles a pai e filla por parte da igrexa de que a comezos do XIX poderían ter problemas moito máis graves aínda que o poder da igrexa xa non fose o de séculos anteriores, pero non por parte da propia igrexa, senón por parte dos veciños. Quere advertilos de que sería o pobo o que tería tomado medidas máis graves contra Rentar e seu pai. Hai innumerables mostras desta ira popular contra quen consideraban meigas. No libro fálase dese temor e desa carraxe contra quen culpaban de que as colleitas se estragasen ou os animais e persoas enfermasen. Malia todo, o castigo que reciben xa é grave dabondo, pois Rentar e seu pai son desterrados e obrigados a vivir na fraga de Outar.


A moura da encrucillada, As campás mergulladas, As nove doncelas... Lendo os títulos dos capítulos O esconxurador parece un feixe de lendas tradicionais en forma de novela, de feito poderíanse ler independentemente.

Poderían ser relatos independentes. O que os une en O esconxurador, o fío condutor, son os personaxes protagonistas: Rentar e o seu pai, o esconxurador. Agora ben, no proceso de escrita, primeiro nacen estes personaxes, o esconxurador e maila filla, e as aventuras e dificultades que deben superar veñen despois, nesta forma de lenda, e non ao revés.


Enfronta a imaxinación de O esconxurador ou da saga do Brindo co realismo de A lúa dos Everglades ou da que será a súa nova novela, O Bebedor de rakia, baseada nun soldado galego na guerra de Bosnia.

Si e non. Da segunda parte do Brindo, por exemplo, pode facerse unha lectura en clave actual. De feito, xa foi feita por algún crítico. Podes definir tanto esta novela como as do Brindo como fantásticas, aínda que eu non as considero como tal, xa que o que lle dá este carácter fantástico á escrita é o do contraste. É a través do contraste como funciona a literatura fantástica. Onde a imaxinación non ten límite, nada hai de fantástico. Porén, dándolle a volta ten moitos aspectos válidos para unha lectura contextualizada na actualidade. Destas cousas dáste de conta despois, por comentarios de lectores e críticos. Que eses dous supostos camiños, o real e o fantástico, se entrecrucen, pode ser tanto procurado como non procurado. A fin de contas, sempre estamos a falar do mesmo desde os primeiros clásicos gregos e latinos. Tampouco é algo no que medite longamente, pois encaro a escrita dunha maneira intuitiva e práctica.

A min interésanme estas dúas beiras da literatura, que verdadeiramente son unha soa. O Bebedor de rakia, a nova novela que publicará Xerais, é un regreso á realidade, a unha moi crúa realidade, mais a través da literatura, que é ficción. É a historia que quero contar a que marca o camiño, a forma, o xeito de narrar, o espazo e o tempo.

O que si é verdade é que novelas como O esconxurador sérvenme como efecto liberador. Pousar a ollada sobre o inmediato exclusivamente en clave "realista", dado o  mundo no que vivimos, pode resultar ata desalentador.


Tanto O esconxurador como a saga do Brindo aparecen en coleccións xuvenís. Hai un prexuízo por parte das editoriais para que estes libros cheguen a un público adulto? Existe unha infravaloración da imaxinación cara este público?

É un prexuízo alleo ao autor. Si que hai escritores que desexan "especializarse" en algo, o que respecto. Quen quere e lle gusta escribir literatura de detectives para nada lle importa que o cataloguen como tal. Se é boa literatura, sempre irá máis alá desa etiqueta. Eu non son autor de "literatura xuvenil". Son escritor (ou inténtoo) e punto. Penso que O esconxurador podería ser unha lectura tamén para adultos, ao igual que o Brindo de Ouro. Hoxe en día o mercado editorial está tan segmentado que non sabemos movernos sen etiquetas. Ata na lectura, que debería ser unha actividade, se queres, de busca, de misterio, de risco, unha aventura cara ao descoñecido e o sorprendente, precisamos ter todo perfectamente ordenado nos andeis correspondentes tanto da cabeza como do noso cuarto. Unha consecuencia máis dos tempos nos que vivimos.


Sendo Galicia un país cunha abondosa tradición oral, ¿Sería necesario a creación dun Museo sobre esta materia?

Hai moita xente traballando para que iso non se perda. Malia todo, unha gran parte desta riqueza desgástase, algunha actualízase e perdura en novas formas e outra leva camiño de desaparecer xunto cunha maneira de vivir, e quédalle o tempo que lle quede aos vellos que a gardan na memoria. Esa xente maior, mellor narradora que moitos escritores, xente da que un sempre aprende. Quizais a literatura poida aquí servir de algo. Non sei se un museo sería o mellor lugar para gardar este infindo e inesgotable legado, o que resulta unha mágoa é a súa perda.

 

 

Pedrafita do Cebreiro, Maio do 2010

 

Buscar en Entrevista >

Axenda LIX >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31

Nestes días >

No upcoming event!