Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Brinca vai! (Kalandraka) de Paco Nogueiras, Sr. Sagüillo e David Pintor

Rate this item
(10 votes)

Poderíamos resumir este Brinca vai! cunha soa palabra: mola. Ben, mellor en dúas palabras: mola moito!

Moita xente era coñecedora da existencia de Paco Noguerias e das súas cancións, especialmente no ámbito das escolas e dos centros educativos, que as empregaban como material lúdico e didáctico. Agora é a xente de a pe os que, grazas ao magnífico labor levado a cabo por Kalandraka, podemos gozar deste libro-CD-DVD nunha marabillosa edición. Porque se antes sabíamos da música, agora somos partícipes do traballo audiovisual do Sr. Sagüillo e da creatividade das ilustracións de David Pintor. O resultado, sinxelamente, é espectacular.

As cancións de Paco teñen un obxectivo principal: facernos brincar. Divertir, pasalo ben, gozar en compaña. Pero baixo diferentes estilos musicais como o rock, o reggea, o pop, etc. agóchanse unhas letras que abranguen dende o amizade e a igualdade ata o respecto pola natureza ou as nosas festas tradicionais. Cancións para cantar e partillar, cancións para nenos e para maiores.

E o Paco Noguerias músico da paso ao Paco Nogueiras personaxe nos videoclips do Sr. Sagüillo. Este artista audiovisual é o contrapunto perfecto á música de Nogueiras, unha reviravolta para volver gozar dende un novo enfoque as cancións de Brinca vai!.

Do audiovisual pásase ao impreso. As ilustracións de David Pintor contáxianse da enerxía que brota das cancións de Paco e aportan unha visión de conxunto a toda a obra porque, se o elemento indiscutible de Brinca vai! é Paco Nogueiras, o resultado final non sería o mesmo sen o traballo de Sagüillo e de Pintor.

Un refrescante libro para toda a familia. A que esperades para brincar?

 

 


 

 

paco_nogueirasFervenzas Literarias (FL): Coñecíamos o Paco Nogueiras músico e o Paco Nogueiras actor, dúas facetas que agora quedan reflectidas na edición de Brinca Vai!. Sen embargo, podemos afirmar que a publicación deste libro-CD-DVD é un novo paso dun proxecto que nin empezou aquí e que de seguro tampouco rematará aquí.

Paco Nogueiras (PN): Tanto as cancións como os vídeos estaban compostos dende hai un tempo atrás, pero dun xeito moi caseiro, moito máis familiar. Eran gravacións feitas con amigos, coa miña familia, con meus fillos. Eses vídeos, que estaban na internet, incluíronse nos blogs dalgunhas escolas. Foi un boca-orella virtual onde esta escola o comenta á outra, este neno a aqueloutro e así, como se fose unha bola de neve, pouquiño a pouco foi creándose unha comunidade. O punto “álxido” -por dicilo dalgún xeito- é cando no Nadal compoño a canción do Apalpador e en poucos días acada miles de visitas no YouTube. Ao final todo iso chega a oídos da editorial Kalandraka e pensan que pode ser un proxecto interesante e divertido para os cativos, para as escolas e para as familias. Daquela ponderamos o proxecto, dispoñemos de máis tempo e contamos con máis medios, pensando nun produto máis finalizado.

E logo está a nosa idea de que a publicación deste libro-CD-DVD sexa unha fiestra aberta ou unha canle onde o público poida participar activamente. Pedimos a implicación no proxecto de familias e de escolares facendo a súas propias versións das cancións, por exemplo; ou a súa propia coreografía; ou facendo o videoclip dunha canción. Se a xente repara, no DVD só hai dez videoclips de doce cancións, iso está feito a mantenta, para dar pe a que os “ousados” fagan o seu propio vídeo da canción. Nós estaremos encantados de publicalo na web de Brinca vai!

Pero o realmente bonito de todo isto é que os nenos vaian collendo práctica e experiencia, que dalgún modo poidan dicir: “Eu quero ser un Paco Nogueiras!”, porque Paco Nogueiras empezou precisamente así, xogando e brincando, facendo vídeos e escribindo cancións.

 

Que van achar as nenas e os nenos que se acheguen a Brinca Vai!?

PN: Sobre todo atoparán moita alegría, bo humor e moito ritmo. O compoñente común de todas as pezas que compoñen Brinca vai! é o seu ton desenfadado. Sempre dixen que o título de Brinca vai! acáelle moi ben a este libro porque realmente son brincadeiras, eu brinquei moitísimo facendo isto.

A nivel musical encontrarán unha grande variedade de ritmos, non hai dúas cancións onde sexa o mesmo. Sempre gustei de empregar estilos de música diferentes, xa que considero que todos eles teñen a súa parte creativa. Aquí hai variedade: rock, electrónica, reggae…

E logo están as cancións, das que eu sempre digo que son como minimonólogos, interpretados por un personaxe chamado Paco Nogueiras: un tipo alegre, un chisquiño torpe, con tendencia ao accidente, afable cos rapaces… Como se pode visualizar nos videoclips.

 

Ao longo das letras de Brinca Vai! iremos atopando as nosas festas máis tradicionais como o Magosto, o Samaín ou o Apalpador, por exemplo, aparecerá o respecto pola natureza, a cultura popular do país, etc. Como traballa vostede para volver cancións esa realidade coa que convivimos no día a día?

PN: Hai unhas determinadas nocións que procuras ter sempre un pouquiño claras. Por sorte teño moitos amigos que pertencen á comunidade educativa -incluíndo miña propia muller- que che van comentando cousas e vanche informando. Por outra banda está a propia curiosidade, onde colles as fontes consideradas máis óptimas ou veraces e, a partires de aí, fas un remexido da que xurde a túa propia versión desa celebración ou desa temática.

O que sempre sobresae é un reto: “E por que non?” Aquí expresado en: “E por que non podemos facer un Entroido bailando bakalao?” ou “E por que non podemos pensar nun Apalpador a ritmo de reggae polo Courel?”. O contrapunto soe dar pé a unha chispa polo xeral moi divertida. Busco a orixinalidade e, sempre sempre, o humor.

 

Cal é a importancia da música e das palabras no desenvolvemento dos máis pequenos?

PN: Á hora de compoñer Brinca vai! nunca pensei en orientalo a un público moi concreto. De feito nin sequera pensei que fose un produto dirixido aos nenos, máis ben un produto que consumen os nenos. Velaí están celebracións e temáticas sobre as que deberían de reflexionar os nenos, pero tamén os adultos.

De todos os xeitos non está feito a mantenta, eu considero que hai letras neste disco que, aínda que non sexan de difícil comprensión, si poden convidarte a pensar. Por exemplo Apertas que voan contén unha letra cargada de metáforas, dende o comezo ata o remate da canción. Sen embargo, os nenos acaban asumindo esa letra como súa a medida que a cantan. Eles están aprendendo a música a base da repeticións e o vídeo acláralles o que pasa na letra. É como unha dupla vertente: traballas ollos e oídos.

Eu preguntábame en moitas ocasións: “E chegarán a entender o mesmo que eu lles quixen explicar?”; quero dicir: “Chegará esa mensaxe na mesma dimensión que eu quixen expresala?”. E a dicir verdade normalmente é así. Alédame ver esa boa comuñón e entendemento entre os rapaces e máis eu, e viceversa.

 

Cancións optimistas, alegres, divertidas, empregas xéneros musicais diferentes e sobre todo, transcorren a un ritmo trepidante.

PN: O compoñente musical de Brinca vai! é evidente que vai acorde co espírito infantil. Sempre considerei que as pezas alegres, cun ritmo dinámico, sonche máis doadas de traballar cos rapaces.

Os nenos son seres cargados de positivismo e de enerxía, son inesgotables, teñen mentes abertas, desbordan imaxinación! Un dos grandes retos de Brinca vai! foi poñer este proxecto a súa altura.

 

Brinca vai! non se podería explicar sen a participación dos teus compañeiros de viaxe: o Sr. Sagüillo e David Pintor. Como foi o proceso de traballo con eles dous?

PN: Tanto o Sr. Sagüillo –nos videoclips- como David Pintor –nas ilustracións- souberon entrar perfectamente na idea de Brinca vai!. Pódoche asegurar que non lles tiven que explicar absolutamente nada, ambos os dous escoitaron os temas, viron os vídeos que eu tiña feito e colleron moi ben a idea.

Con David Pintor foi un traballo máis na distancia, evidentemente, porque el é unha persoa moi ocupada. Unha persoa con innumerables premios e que traballa en varios países. Coido que fisicamente nos vimos en dúas ocasións.

Co Sr. Sagüillo, o director dos videoclips, o traballo foi frenético. Concluímos a gravación dos videoclips en tres meses. Empezamos despois do Nadal e traballamos a un ritmo moi trepidante. Fixémolo modestamente en cuanto a medios pero profesionalmente no sentido de esforzo, imaxinación e ilusión.

Para resumir podería dicir que o traballo con David Pintor e co Sr. Sagüillo foi moi aberto, deixaron voar a súa imaxinación e penso que souberon engrandecer coas súas achegas o proxecto inicial. O que era só unha parte musical converteuse co seu labor nun tridente. Agora mesmo non sería capaz de diferenciar da parte musical a audiovisual ou a ilustrativa. Penso que chegaron a xunguirse dun xeito espectacular co espírito inicial.

 

E logo está o Paco Nogueiras personaxe, caracterizado por ese gorro azul e uns lentes que quedarán fixados no imaxinario infantil por moitos anos.

PN: Foi algo accidental, normalmente este tipo de cousas xurden dun xeito moi casual. Caracterízome de azul, que é a miña cor favorita, e ese gorro tíñao con anterioridade e empregábao en ocasións moi concretas, como no Entroido na casa. Síntome como eses actores de teatro que traballan con máscaras, póñenas e convértense no personaxe; a min ocórreme unha cousa similar, pouso o sombreiro na miña cabeza e deixo de ser o Paco Nogueiras persoa para transformarme no Paco Nogueiras músico e comunicador, pero xa che digo, aínda que agora a indumentaria sexa habitual nun principio non foi nada premeditado.

Por outra banda gustoume moito o detalle de Kalandraka de agasallar con cada exemplar de Brinca vai! unha careta co sombreiro e os lentes. Ese tipo de detalles fan que a xente se identifique co proxecto. É compartilo. Moitas e moitos están enviándonos as súas fotos a través das redes sociais co sombreiro e os lentes postos. Temos ata fotos de cans e de gatos!

 

Falamos de vós os tres pero seica houbo moita colaboración detrás deste proxecto.

PN: Teño que agradecer todo o agarimo que me brindou a xente, empezando pola editorial pasando por todas as persoas que colaboraron en Brinca vai!. Xente que nos abriu as súas casas para gravar os vídeos, escolas con cincocentos nenos participando, as familias, etc. Eu só escoitei “si” a propostas e a peticións que facía. E claro, cando ves o libro, quedas contento co resultado pero eu tamén quedei moi satisfeito de todo o camiño percorrido ata chegar a este punto.

 

Brinca vai! é un convite para gozar en compaña e brincar na rúa. Fuxir do individualismo.

PN: É moi raro que un neno, á hora de brincar, brinque só. Normalmente brinca cando o pasa ben, cando está en compaña, cando está nun ambiente de festa. Eu estou convencido que o mellor videoxogo para un neno é outro neno, un compañeiro de xogos, e Brinca vai! intenta ser a banda sonora desas brincadeiras que fan os nenos: disfrazarse no Entroido, mancharse as mans plantando unha árbore… Cousas cun compoñente moi social que axudan a medrar ao rapaz. Busco a interacción entre nenos, pero tamén a interacción de nenos cos pais a interacción de nenos coa comunidade educativa. Hai que loitar contra a incomunicación.

 

E por que traballar para o público infantil? Que lle aporta a vostede como artista?

PN: Teño traballado moito para o público infantil. Eu pertencía aos Quinquilláns, un grupo de teatro de rúa, estou no grupo de música infantil OS TRES TENedORES, impartín clases de teatro a nenos… E por que aos nenos? Por unha banda dan moita enerxía. Son un público moi sincero. Cando a un neno non lle gusta unha cousa sábeo inmediatamente (e cando lle gusta, tamén o sabes). E todo is o son cousas que eu agradezo moito. Tanto para o bo como para o malo. Penso que temos unha boa comunicación entre eles e máis eu. Ademais, eu nunca deixei de ser neno e penso que eles tamén me ven como a un neno grande co que poden falar, contar cousas e tratar de ti a ti. Entón eu síntome moi cómodo traballando para o que é o público infantil e familiar. Gusto de ver como a familias que levan a nenos aos teus espectáculos tamén o gozan. Séntense un pouco tamén como nenos.

 

SR-SAGUILLO

Sr. Sagüillo, seguindo coa pregunta a Paco, e a vostede que lle aporta, como artista traballar para o público infantil?

Sr. Sagüillo (SS): A miña formación e profesión foi sempre unida a eles en menor ou maior medida: dende a animación 3D, a ilustración ou, coma neste caso, os videoclips.

Como artista gozo moito facendo rir e ilusionarse os nenos, á vez que aprendemos xuntos, considero que o feedback con eles e sincero e moi nutritivo.

No proceso de crear para os nenos sinxelamente procuro sentirme e imaxinar coma eles e buscar que é o que me gustaría ver. Neste punto considérome un neno máis só que tendo á capacidade técnica para crear e realizar iso que quero ver.

 

Cómo foi o proceso de creación dos videoclips de Brinca vai!?

SS: Foi un proceso moi interesante dende o principio, en primeiro lugar tiven que afundirme nas letras e as cancións de Paco ata poder imaxinar como poderiamos expresalas en formato vídeo. Nese momento fixemos varias postas en común a fin de chegar aos mellores resultados e puxémonos a materializar o traballo. Buscamos localizacións, actores e todo o que precisamos para elaborar un traballo audiovisual coma este.

O traballo de gravación foi moi agradábel e fluído, grazas a que Paco ten moitísimas aptitudes para o humor e a improvisación. Os vídeos tiñan que ser divertidos e debían transmitir os valores e o concepto que Paco pensou para eles.

 

Paco Nogueiras xa tiña publicados uns vídeos (moi “caseiros”, segundo as súas propias palabras) antes da edición de Brinca vai! como o coñecemos agora. Supuxo un reto recrear esa visión primixenia? Como influíu iso na realización dos seus videoclips?

SS: Eu quixen ver os vídeos gravados por Paco dende un principio, foi un xeito de ver as súas capacidades e o ton do seu traballo. Dende a miña opinión e a de Kalandraka, os vídeos de Paco xa funcionaban en moitos aspectos, e decidimos facer una mestura entre o creado por el e as miñas propostas. O traballo creativo foi realizado en conxunto.

 

Un dos grandes divertimentos de Brinca vai! é a proposta que facedes para que os rapaces cren o seu propio videoclip, así como os pasos a seguir para conseguilo. É bo que os cativos se acheguen ao audiovisual dende idades tan temperás?

SS: Penso que é boísimo que os rapaces se acheguen ao audiovisual e ás novas tecnoloxías en xeral. Iso si, dun xeito adecuado para as súas idades. Neste caso convidamos aos nenos a que se divirtan aprendendo a traballar en equipo, adoptando de xeito lúdico roles do mundo do cine coma director, actores, cámaras... Penso que é un campo moi divertido dende o punto de vista dun neno, pero que os achega ás tecnoloxías dun xeito moi didáctico.

 

A maiores da edición deste libro, traballas con Paco na realización dos espectáculos que achegarán Brinca vai! a escolas e concellos galegos. Que se atoparán os asistentes destas actuacións?

SS: Nestes momentos as presentacións do libro-CD-DVD está levándoas a cabo Paco Nogueiras acompañado dos seus instrumentos e das súas cancións, pero si que é certo que estamos argallando un espectáculo audiovisual baseado no que fixemos na galería Sargadelos de Santiago de Compostela pero indo máis alá, implantando videomapping nas proxeccións e interactuación con elas. Agardamos presentárvolo para dentro de moi pouco, e promete ser moi innovador para o público infantil.

 

david-pintor 

Das cancións de Paco dicíamos que transcorren a un ritmo vertixinoso. Foille doade seguir ese ritmo? Coido que é un estilo que ao seu xeito de ilustrar acáelle á perfección.

David Pintor (DP): Seica un dos grandes méritos deste libro é que racha coa idea das cancións para nenos, no sentido que moitas veces se lles ofrecen estas cancións dun xeito moi suave, con cancións melódicas… Para min foi realmente refrescante empezar a escoitar o disco e decatarme de que hai un rap, logo unha canción techno, outra que é de estilo reggae, etc.; e cunhas letras que se moven entre o trangalleiro e o divertido, moi ben acaído neste tipo de libros.

Logo estaba o feito que nun libro con estas características o protagonismo tiña que ser para Paco. Convertelo nese personaxe, colega dos nenos e que lles acompaña ao longo de todo o libro. Foi o que fixen, deixándome levar por esas cancións e procurando seguir a liña do disco: orixinal, divertido e tamén moi moderno.

 

O protagonista das ilustracións é Paco Nogueiras. Ter o modelo pode axudar moito, pero non repetirse debe de ser un grande reto.

DP: Este libro-CD-DVD forma parte dun proxecto que ten a intención de ser moi global. Paco, a partires de Brinca vai! vai organizar unha serie de concertos e de actuacións, levando todo este material polos escenarios e polos colexios onde actúe. O elemento que une este proxecto é Paco e, polo tanto, semella lóxico que fora el quen protagonizara as ilustracións. Evidentemente iso conleva procurar evitar que non fose unha cousa repetitiva, pero o feito de ser o disco tan diferente, non só de ritmos senón tamén de temática, dábame pe a poñer a Paco en situacións totalmente divertidas e distintas, tanto a nivel de planos como de variedade de escenas.

 

Unha novidade que nos presenta aquí o tratamento dado á tipografía, que parece incorporarse á ilustración.

DP: Iso foi un divertimento que me permitín. O mundo da tipografía sempre me resultou moi curioso e atractivo e a de Brinca vai! está tratada como parte da ilustración. Empápase dese tratamento tolo, divertido, e tan libre que ten este libro. De feito, é unha mestura entre tipografía e ilustración e creo que axuda a singularizar o proxecto, ao ter unha especie de tipografía propia. Paseino moi ben, a verdade, foi unha cousa da que gocei moito.

 

Outra das grandes sorpresas que levamos vendo o seu traballo foi ver as súas ilustracións en movemento, o tratamento audiovisual que deu o Sr. Sagüillo a esas ilustracións.

DP: A animación é un campo que sempre me atraeu e espero e confío que nalgún momento haxa a posibilidade de facer algo nese eido. E si, foi moi curioso ver os meus debuxos animados. Ademais, o Sr. Sagüillo é un tipo que ten moi bo gusto e fixo cousas moi bonitas coas ilustracións. Algún día intentarase facer algo máis…

 

E por que traballar para o público infantil? Que lle aporta como artista traballar para este público?

DP: Eu son unha persoa moi inquieta no sentido de que me gusta abarcar moitos campos en canto á ilustración. Eu empecei o meu traballo no humor gráfico e a caricatura en prensa pero aos poucos fun diversificándome. A ilustración infantil é unha pola onde me sinto moi cómodo e permíteme experimentar con cousas totalmente novas e diferentes respecto a outros traballos que podo desenvolver. É un campo máis de experimentación sobre o que traballar.

 

 

 

 Santiago de Compostela / Teo / A Coruña. Xuño, 2014

Buscar en Entrevista >

Axenda LIX >

Nestes días >

No upcoming event!