Print this page

Saturno tamén é deus (Urco) de Uxía Casal

Rate this item
(3 votes)

Nos relatos de Uxía Casal a angustia e o horror que oprimen ao lector son moitas veces a consecuencia dun enfrontamento do individuo cos seus terrores máis fondos, xurdidos a meirande parte deles do cotián, do día a día. Esta vai ser unha das principais razóns pola que o lector de Saturno tamén é deus (Urco) sinta nas súas propias carnes como o relato se mergulla no subconsciente, nos currunchos máis escuros do ser humano.

Saturno tamén é deus retorna aos andeis das librarías vinte anos logo da súa publicación por Galaxia. Velaquí temos os trece relatos orixinais co engadido de O pequeno Mario, que xa aparecera no volume colectivo Narradoras, de Xerais. Unha nova edición revisada pola autora que nos ofrece un feixe de relatos imperecedoiros.

Uxía Casal manexa con especial acerto as atmosferas de cada relato. Impregnadas dun ar clásico que nos leva aos grandes mestres do xénero, Casal gusta de traer ao plano máis real da existencia esas imaxes onde conviven a angustia codescoñecido. Velaí unha certa actualización do xénero.

Saturno tamén é deus converteuse, por dereito propio, nun clásico turbador e emocionante de vez. Pero non só iso, sobre todo estamos ante un libro onde a autora manexa con grande pericia os tempos do relato curto. Esperemos que nun futuro próximo Uxía Casal nos agasalle con novas achegas literarias.

 

 

Saturno tamén é deus volve ver a luz logo de ser publicado por Galaxia, desta volta baixo o selo editorial de Urco. Como xorde esta re-existencia para Saturno? Que atoparemos aquí que non houbese nesa primeira edición?

Eu publicara Saturno tamén é deus hai agora vinte anos, da man de Galaxia. Desa tiraxe quedaron sen vender máis ou menos 400 exemplares. Estaban gardados nun almacén e eu falei coa editorial para ver a posibilidade de que mos vendesen, e fixérono a un prezo simbólico. Unha vez que os tiven, empecei a regalalos. O que eu quería é que se lese o libro, non que podrecese nun almacén. Eu vivo en Ribeira e aquí temos un club de lectura. Un día veu Tomás G. Ahola, que era un dos editores de Urco, presentar un libro seu. Como facía con todos os escritores que participaban no club, regaleille un exemplar de Saturno tamén é deus. Tomás leuno, gustoulle e propúxome reeditalo con Urco. Preguntoume se tiña escrito algo máis para engadir ao libro e decidimos meter o relato de O pequeno Mario, que saíra no libro colectivo Narradoras*.

Como novo esta edición de Saturno tamén é deus ten ese relato a maiores, pero todos os textos están revisados e corrixidas as poucas grallas que se escaparan da primeira edición, pero sobre todo algunhas manías que fun collendo, algunha expresión... Dos relatos en si quizais o que máis se modificou foi E soaron catro badaladas, pero todos foron cambios moi relativos. Polo demais o dito, pulín máis a lingua.

*Narradoras, publicado no ano 2000 por Xerais.

Tras vinte anos desa primeira edición, podemos afirmar abertamente que estamos ante un libro que envelleceu moi ben.

Eu estou convencida que non envelleceu para nada. Saturno tamén é deus non está escrito para un momento especial nin para ilustrar aos rapaces sobre algún tema en concreto nin para denunciar nada. Está escrito polo puro goce de escritora, coa finalidade de divertirme coas palabras, de crear un ambiente, de sorprender o lector... Ese era o xogo que tiña eu con este libro. Por iso digo que non envelleceu, non foi escrito para unha ocasión determinada.

Os relatos de Saturno tamén é deus afondan no psicolóxico, no estraño, na angustia e, por suposto, no medo. Transitamos por un libro que nos conduce polo lado menos amable e resplandecente da vida.

En efecto. Porque hai que pensar un pouco sobre cales eran os meus intereses daquela. Eu sempre gustei da mitoloxía, por riba o meu home é latinista, e coñecemos bastantes cousas da temática mítica. Cando escribía este libro estaba a pasar por unha etapa na que me sentía un pouco farta de que a vida tiña que ser luminosidade- felicidade-luz-pracer... Abofé que a vida é todo iso, pero a vida tamén é escuridade, é negrura. Iso aparece xa no propio título, no que se fai referencia ao deus Saturno, que devoraba os seus fillos, ou ao planeta Saturno, que está relacionado co lado escuro que temos todos. Sería, como di Jung, a “sombra”. Velaí está o xogo de partir do cotián e procurar desacralizalo , de introducir a “escuridade” neses espazos que aparentemente nos son confortables. Este libro é a afirmación de que non existe nada seguro, porque a protección total non existe.

Os relatos deste libro achégannos ás atmosferas dos autores máis clásicos como Poe, Le Fanu ou Henry James. Porén, teño para min que un dos grandes acertos de Saturno tamén é deus é que transporta, con total fortuna, ese ambiente clásico á realidade actual.

A eses autores e a Cortazar ou a Cristina Fernández Cubas, que para min é a “deusa”... O ambiente é universal. Non está centrado nunha época, nunha cidade ou nun escenario que sexa recoñecible. Agás algunhas pinceladas dalgún relato, como por exemplo en Monotonía, que aínda que non se diga explicitamente, o lector pode ver que unha parte discorre pola rúa do Progreso de Ourense. Pero non importa, porque iso é eterno. O nome das cidades, as épocas, os lugares... Non aparece esa información porque non cría que fose necesario para estes relatos.

Saturno tamén é deus está inzado de cousas aterrecedoras pero á vez cousas moi normais. O horror non xorde polos factores sobrenaturais, senón do día a día. Por unha sociedade que nos cerca e nos abafa.

Os diferentes relatos do libro parten do cotián. Está ese xogo que comentaba antes de desacralizar a rutina, o que nos é familiar. Na miña vida, na túa vida, nun momento determinado pode acontecer  algo inesperado que xorde do cotián, do doméstico. O horror, o terror ou o medo non teñen por que estar en situacións extraordinarias, están tamén no día a día, en calquera parte...  Poden aparecer en calquera momento.

Está o cotián, pero nalgúns (poucos) relatos achégaste ao máis sobrenatural, como por exemplo en O patio de Carmiña ou en Gaivotas no interior. Pero polo xeral non abusas deses recursos.

Máis que de sobrenatural, eu falaría de fantasía. Sempre me gustou unir  fantasía e realidade, integrar a primeira na segunda, case convertelas nunha soa cousa. É un xogo que se presenta a quen le e procuro intrigalo ou interesalo o suficiente para que entre nel e se deixe levar.  Trátase de conseguir verosimilitude nunha situación en principio estraña.

Falamos do horror pero particularmente eu agradezo que á hora de narrar fuxas do macabro. Lembro agora o relato de Ela sempre limpa ben por exemplo, onde máis que amosar, suxires. Apostas por facer que o lector sinta.

Ese relato, entre outros aspectos, describe unha dixestión. Alguén me comentou que Ela sempre limpa ben era case gore. Pero en xeral non gusto de contalo todo. Máis ben de suxerir, como dicías ti, de contar cun par de pinceladas e dar algunha pista... Nesta peza, en concreto, hai moita ironía; o contraste entre un lector compulsivo que ama e teme, ao mesmo tempo, os libros, e unha patroa case doméstica, sen grandes aspiracións culturais, pero que garda algo moito máis arrepiante que o que poida imaxinar o seu inquilino.

Esas pinceladas das que falas. A importancia do que non se conta. Ese convite ao lector para achegar algo á historia.

Práceme moito o impresionismo, conseguir cuns poucos trazos un ambiente, unha atmosfera determinada; con eles debería abondar para motivar o lector a que a complete cos detalles que crea conveniente ou que lle suxira o que le. Coido que hai pistas abondas –malia que poden pasar desapercibidas- para axudar o lector, pero en calquera caso, unha segunda lectura de cada conto creo que despexa as dúbidas que  poidan quedar.

O azar devén en protagonista de moitos dos relatos de Saturno tamén é deus.

O azar é a casualidade do cotián. É algo que forma parte das nosas vidas. Pódeche acontecer algo terrible por estar no sitio ou na hora equivocados. Ou, ao contrario, pódeste librar por unha casualidade.

O asombro, o xogo do gato e o rato que mantés co lector, onde ao final do relato dás unha reviravolta que sorprende.

Diso trata a literatura: de sorprender, de que a través de todos os elementos que se ofrecen ao lector no desenvolvemento do relato é posible chegar a ese final. Coido que pode estrañar pero non resulta inverosímil. Busco que esa impresión non produza desconcerto, que resulte lóxica, que efectivamente é algo que pode pasar, como en O pequeno Mario, por exemplo.

Outro xogo deste libro é a relación do primeiro relato co último, conectados entre si.

Sen aseguralo ao cento por cento, podería afirmar que esa conexión entre os dous relatos estaba pensada dende a concepción do libro. Algo raro en min, que non son unha escritora que planifique moito o que vou escribir, máis alá de discernir a idea principal e de saber como quero contala, pero non o teño todo medido nin previsto. Imposibilitaríame a escrita, sentiríame como nunha gaiola, pero ben, que podería pasar se un tipo cae dun oitavo piso e ten a desgraza de non morrer? Velaí está. 

Falando da concepción de Saturno tamén é deus, orixinariamente naceu como un libro unitario ou como unha compilación de relatos?

Eu pensaba escribir un libro das características de Saturno tamén é deus cuns relatos coma estes. Escribir un libro destas características imposibilítate facelo dun xeito... digamos que continuado. Non creo que sexa posible escribir o relato de O patio de Carmiña e de seguido, nada máis rematalo, empezar a escribir Monotonía, porque o discurso é totalmente diferente.

Algunha xente preguntoume a orixe de moitos dos contos de Saturno tamén é deus, e a orixe está –á parte de no teu pasado, da túa biografía vital- no momento, no que ti sentes no intre de escribir. Meu home e unha amiga que tiña daquela sempre me dicían que eu tiña retranca “negra”, e seguro que era quen de facer bos relatos de terror. Aínda inédito teño un libro de contos eróticos, e eles léndoo atoparon eses matices de macabro, de humor, sorpresa, porque tamén os relatos eróticos teñen ese final inesperado...  Fixéranme a suxestión e dixen eu: probemos co medo! Cando escribín este libro eu era moi medorenta, e todo aquilo que me facía a min sentir medo quedou aquí. E os medos fuxiron con estes relatos...

Unha das características de Saturno tamén é deus é a escrita tan coidada empregada á hora de construír os relatos.

Aínda que agora non corrixo tanto o que escribo, se cadra porque todo xorde dun xeito máis fluído, cando escribín Saturno tamén é deus si que precisaba de máis tempo para pulir os relatos, de ser certeira nas palabras, de fuxir da verborrea. Daquela eu era profesora e buscaba a precisión lingüística, tal e como intentaba ensinar aos meus alumnos. A variedade léxica dun idioma é incrible e resulta unha mágoa non intentar aproveitala; ocorre o mesmo cos recursos sintácticos e morfolóxicos: hainos a moreas e permítennos expresar unha idea de xeitos diferentes. Intento levalo a cabo todo o que podo.

Nunha entrevista en La Voz de Galicia, no ano 1998, afirmabas que non era bo publicar, nun mercado tan pequeno como o galego, un libro ao ano, cousa que, por desgraza, cumpriches.

Deixei de publicar, pero non de escribir. Agora mesmo ando metida na escrita doutro libro de relatos. O meu último libro editado é do ano 2006 (Vidas exemplares, Xerais), pero durante doce anos mantiven un blog, Gradicela*. E tiña outro de relatos, chamado Delirios**. Escribo moito en Facebook, na Voz de Barbantia cando mo piden e colaboro co que me propoñen se me parece interesante. Aí está todo para quen queira ler o que escribo. O caso da reedición de Saturno tamén é deus foi especial na literatura galega, pero hai moitos libros polo mundo adiante editados en distintos momentos por diferentes editoriais. E iso non sorprende a ninguén. É normal.

*Gradicela http://gradicela.blogspot.com/

** Delirios http://ficcions.blogspot.com/

 

 

 Ribeira, xullo 2017