Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Os privilexios dos somnámbulos (Alvarellos) de Pablo Bouza

Rate this item
(1 Vote)

A noite como faro que alumea as sombras. Velaquí temos un poemario que transita na escuridade, no silencio, no ir e vir das emocións que se mostran esquivas antes os nosos ollos. O poeta Pablo Bouza sae indemne deste percorido e o reflicte en Os privilexios dos somnámbulos, libro co que acadou o XXXIX premio de poesía Concello de Vilalba.

Dende o refuxio da intimidade, “agochado nesas horas / nas que a noite deixa / de ser inocente”, Pablo Bouza íspese ao lector cunha poesía escrita dende unha sentimentalidade e unha sinceridade radical, que convida á empatía, aínda que as veces ler sexa remoer na dor individual.

Sen embargo, hai dentro da poesía de Bouza (descoñezo se é a propósito ou non) unha axada de luz coa que queda o lector unha vez que remata Os privilexios dos somnámbulos. E é fermoso sentir esperanza dentro da negrura.

Doado identificarse na poesía de Pablo Bouza, estamos ante un libro (e un poeta) ao que debemos de prestar moita atención.

 

 

 


 

 

Fervenzas Literarias: Con Os privilexios dos somnámbulos acadou por quinta vez o premio de poesía ‘Concello de Vilalba’, un dos máis lonxevos e de máis tradición do país. Por que decantarse tan claramente por un galardón determinado?

Pablo Bouza: Gusto de afirmar que Vilalba é a miña patria poética, e non podo facer outra cousa que agradecer aos promotores do premio todo o traballo que desenvolven ano tras ano para organizalo e sacalo adiante.

O feito de presentarme a este premio ten un punto de anecdótico. Curiosamente eu comezo (ou retomo) os meus proxectos poéticos no mes agosto, coincidindo co inicio das miñas vacacións. Soemos ir a familia ao rural, a Mos, unha zona moi tranquila onde podo escribir tranquilamente polas noites. Como dicía, empezo en agosto e o concello de Vilalba convoca o premio no mes de abril, co cal podo ter rematado (ou non) ese poemario iniciado uns meses antes.

Por outra banda, unha das características do premio de poesía de Vilalba é que gañar o premio conleva a publicación do libro, aspecto este moi importante para min. Eu recoñezo que non son ningún poeta mediático, nin me movo por círculos literarios, nin son activista cultural… Se non fora deste xeito non creo que tivera doado publicar algún libro.

De todos os xeitos, creo que logo de Os privilexios dos somnámbulos estarei un tempo sen presentarme ao premio.

 

Rehabita neste poemario espazos que morara anteriormente en Ingrávido signo (Espiral Maior) pero que –curiosamente- rachou por completo no seguinte traballo seu e anterior a este: Na intimidade do azougue (Espiral Maior).

Ingrávido signo é un libro dedicado a meu pai tras a súa morte. Un libro duro que, aínda que me custou emocionalmente moito escribilo, saíu moi rápido. Na intimidade do azougue foi como un respiro tras ese libro, requiría escribir algo que me tranquilizara. Eu formuleino como un álbum fotográfico, como un diario de verán. A verdade é que o escribín moi a gusto.

Agora, con Os privilexios dos somnámbulos, retomo cuestións fundamentais na miña poesía, como é a memoria, pero a memoria formulada como o desacougo polo tempo perdido. Aquí este tema protagoniza o poemario aínda que aparezan outras fendas como o amor, as relacións de parella, etc.

 

Poema tras poema Os privilexios dos somnámbulos mergúllanos na densidade da noite. Que mostra a noite ao poeta?

Eu decote escribo polas noites, condicionado polo traballo e pola familia numerosa que teño. Na promoción de Os privilexios dos somnámbulos a editorial fala do aire viciado da noite e a verdade é que me agradou esa definición. Para min a noite está viciada de silencio e gusto del: do silencio na poesía e do silencio na noite.

A noite ten tamén ese compoñente escuro e de sombras, e o libro móvese nese sentido, sobre as sombras que todos temos, no significado máis rosaliano da palabra.

 

Principia o poemario un apartado titulado A modo de limiar. Un exercicio de autopoesía onde se mostra transparente ao lector, onde os versos foxen da metáfora.

Os poemas recollidos nese apartado escribinos moito antes do que é o corpus principal do libro. É verdade que poderían estar noutro lado pero eu quixen introducilos aquí a mantenta porque é poesía moi existencialista: o poeta enfrontándose consigo mesmo. Apetecíame emprazalos nese apartado porque son unha especie de presentación, de limiar do que será o resto do libro, que dan unha visión de min como poeta, tal e como se fose unha poesía da experiencia. Para min a poesía é verdade, e eses son poemas moi sinceros.

 

As trabadas do pasado perduran coma unha áncora fendida nas rochas. Ao igual que en traballos anteriores, rescata o acontecido tanto a través da poesía como da memoria, lembranzas que mancan, que se mostran como ese gume frío que nos fere.

A memoria está presente en todos os meus libros. En Ingrávido signo creo que toma un protagonismo moi especial polo que significa: cando perdes a teu pai parece que un dos piares da túa persoa racha. Decátaste de que ti vas ser o próximo.

A miña certeza é a miña memoria. En todos os meus libros falo da memoria, de conservala. Interésame a memoria pero vivíndoa dende o propio presente.

 

Poesía contra o esquecemento. Velaí un acto de valentía, certamente.

Os tiros van por aí. Interésame e estimúlame moito a memoria de lembrar aos seres queridos que xa non están, pero tamén as paisaxes perdidas. Eu son de Fene, pero meu pai é da Capela, un concello que está preto de As Pontes. Canda neno íamos moitas veces, pero logo pasaron moitos anos sen volver. Cando regresei a ese lugar, e sentín de socate o cheiro da herba recen segada, os silos, o olor das vacas… Tiven un sentimento de pertenza a ese lugar. Iso é memoria.

Con ese exemplo intento explicarche o que é para min a memoria: a sensación de pertenza dentro da miña biografía, dos meus devanceiros, a estar nun sitio, ou en varios sitios, como é o meu caso.

 

A vida, ás veces, é un arfante respirar de aleluias

Baixo o título de Vida amosa a relación entre sentimentos e dor. Sitúase vostede nese intre onde a contradición se toca.

Eu penso que a vida é iso: contradición. Non creo na felicidade perenne, senón nos momentos felices. Creo que nese poema que indicas intento mostrar ese choque que teño eu na vida. Recoñezo a dor de vivir, a súa dureza, o que custa vivir a vida.

 

Que lenta vai a noite / sen apertas / sen gadoupas de amante/ sen feridas […] / Que lenta vai a noite

A poesía é soidade fronte a noite?

Para min si. Aínda que eu son unha persoa que gusto arrodearme de xente tamén habito na soidade. Preciso dedicarme tempo, e iso só a noite é quen de ofrecermo.

Demando momentos de soidade non só para vivir senón para escribir tamén, e desa soidade abrolla a poesía. Sen saber como. Moitas veces afirmo descoñecer de onde saen os meus poemas. De verdade, non teño nin idea. Pódoche dicir que o poema xurde, pero se ti me preguntas sobre cal é o proceso creativo para que mane non te sabería responder. Concordo coas palabras de Leonard Cohen cando afirmaba que non sabía de onde lle saían as cancións, porque se o soubera abofé que faría máis e seguramente mellores. Eu tamén, o día que descubra como aparecen os poemas de verdade que farei unha poesía moito mellor. O que si che podo asegurar, tanto a ti como a quen se achegue á miña poesía, é que nos meus versos hai sinceridade, moita franqueza.

 

Ábrese a noite e espertan os demos que se acubillan en cada un de nós. En Os privilexios dos somnámbulos emprega vostede a poesía para remover nas entrañas da vida: o acto poético como unha forma de inmolación.

De verdade que esas son preguntas que eu non me fago, por mor da miña tendencia a escribir tan rápido, pero seguramente haxa algo diso que comentas. Seica pode haber ese trasfondo de inmolarme poeticamente. Como dicía antes, a poesía é verdade. E a través desa verdade móstrome ao lector; logo que el interprete os versos como mellor lle conveña. Isto para min é moi importante porque busco a complicidade sentimental do lector, que a poesía sexa pólvora e alguén prenda a mecha. Que o lector lea e sinta. E iso non deixa de ser poesía: comunicación.

 

A verdade é dos insomnes;/dos que zugan a cinza da lúa

Neste bloque, titulado Insomne, téndese á introspección. O poeta respira a través dos versos. Ata onde chega esa visión interna do poeta?

Aínda que custe moito, a poesía é emoción, é sentimentalidade. O poeta ten que ser honesto e chegar ata o final. Eu ás veces síntome espido ao escribir, como se me arroxara, como afirmaba Passolini sobre o feito de facer cine. A miña verdade está nos meus libros, procuro que o lector interprete a miña verdade e viva a súa propia sentimentalidade a través do que eu sinto, do que eu escribo. Coñecerme a través dos demais, isto é, poesía.

 

Esgota emocionalmente escribir poemarios como este Os privilexios dos somnámbulos ou Ingrávido signo?

Ingrávido signo si. Eu escribín ese libro en cinco meses, e é un poemario moi potente en canto a sentimentalidade, polo menos para min. Este, aínda que tamén ten a súa carga emocional, foi máis livián de escribir.

 

A poesía como vida.

É que máis que ser poeta gusto de vivir poeticamente. E vivir poeticamente para min consiste en vivir todo con sentimentalidade. Eu teño tres fillos e vivo poeticamente con eles, gústame transmitirlles a emotividade, que teñan sensibilidade polas cousas, pero polas cousas cotiás, achegarte ata o paseo marítimo e ver poesía no que te arrodea. Gústame vivir poeticamente, creo que nos fai falla a todo o mundo nestes momentos. Vivir poeticamente as cousas de todos os días. A poesía está aí.

 

O poeta libanés Kahlil Gibran dicía que “non se pode chegar ao amencer sen transitar a noite”. Déanos vostede un pouco de esperanza.

Estou agora a traballar noutro proxecto poético, onde volvo abrir a xanela, airearme. Neste traballo hai poemas que coido serán ben aceptados polos que gustaron de Na intimidade do azougue. Volvo outra vez a espirme, pero dunha forma máis divertida.

 

 

 Culleredo. Marzo, 2015

 

Buscar en De actualidade >

Axenda >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom

Nestes días >

No upcoming event!

Exposicións >

No upcoming event!