Print this page

Os instrumentos musicais na tradición galega (Difusora) de Pablo Carpintero

Rate this item
(2 votes)

Faltaríanos adxectivos para cualificar a obra que Pablo Carpintero nos amosa en Os instrumentos musicais na tradición galega, copublicado pola editorial ourensá Difusora e o Proxecto Ronsel. Un traballo enciclopédico para coñecer a historia dos instrumentos e a relación do galego con eles e coa música.

Dende o pínfano ao rabel, pasando polo sistro á corna, ata chegar ao instrumento por antonomasia de toda a familia que compoñe o instrumentario autóctono, a gaita de fol, Carpintero analiza cada instrumento para ofrecer ao lector toda a información que se pode procurar sobre os mesmos, dende como se construían, como e onde se tocaban... chegando a apaixoar ao receptor, quen chega a escoitar eses sons que durante tantos séculos puxo banda sonora á vida do país.
 
 

 

Botando unha primeira ollada a este inconmensurable Os instrumentos musicais na tradición galega o lector pode contemplar ducias de instrumentos musicais, fotografías, imaxes... Cal foi todo o traballo desenvolto para dar ao prelo esta obra enciclopédica?

Foron máis de dezaseis anos de traballo percorrendo aldeas e falando con músicos e músicas de Galicia, coñecendo cales eran os instrumentos musicais que se utilizaban no país durante o século XX. Un labor de campo recollendo datos, fotografando e gravando a xente tocando os seus instrumentos para finalizar cunha fase de laboratorio lendo libros sobre instrumentos doutros países, estudando a súa xenealoxía coa fin de pescudar a historia deses instrumentos e escribila para Galicia, a través do seu desenvolvemento, cando chegou aquí e como evolucionou dentro do país.

O que o lector atopará neste libro será fundamentalmente todo iso sinalado: a historia dos instrumentos, os seus usos tradicionais, quen e cando se usaban, como se tocaban, o proceso de construción... Todo o que se pode contar dos instrumentos, chegando incluso a unha exploración a nivel cognitivo sobre o significado dos instrumentos musicais para os galegos, que sería o mesmo que explicar o alcance da música para un galego ou a súa representación dentro dun sistema musical, que iso varía moito de cultura a cultura. En todos eses sentidos sinalados descríbense un total de 140 instrumentos.

 

Cando se decata vostede de que todo o investigado, todo ese labor de campo recompilado pedía estar presente nun libro destas características? Principiou con esa idea ou este proxecto tomou forma tras ver todo o material reunido?

Eu coñecía dende hai tempo un libro de Ernesto Veiga de Oliveira titulado Os instrumentos musicais populares portugueses*. Cando principiei este traballo, cando comecei a percorrer as aldeas buscando información, xa tiña en mente a idea de plasmar para Galicia o mesmo labor que fixera de Oliveira en Portugal: encher ese baleiro existente na nosa cultura. Entón podemos dicir que fun coa idea de facer este traballo dende o comezo, pero ben, ao principio eu o que facía era colleitar datos, sen saber como remataría, xa que editar un libro destas características non é nada doado. Finalmente caín do Proxecto Ronsel e decidiron que era interesante publicar este libro. 

* Ver referencia aquí

 

Falaba antes da exploración cognitiva. Qué representa a utilización dun instrumento en concreto e a música interpretada na alma do galego e de Galicia?

Para un galego, nun sistema de cultura tradicional, a música era moi importante. A música ten unha utilidade biolóxica -demostrada- que é a creación de grupo. A música é un dos soportes fundamentais para soster grupos sociais, tribais, por dicilo dalgún xeito. A música achega un vencello de creación social.

Para un galego significaba precisamente iso: un mecanismo para manter unidas as aldeas, as parroquias e a súas estruturas sociais. Antano en todas as aldeas organizábanse xuntanzas para tocar e bailar. Xerábase cohesión de grupo, de colaboración. Iso hoxe en día non existe, porque nestes tempos a sociedade non fai música, só a escoita.

Os galegos entendiamos a música como unha forma de indivisión. Ao igual que colaboraban tocando música xuntos axudaban indo sachar as patacas, na busca de leña ao monte, etc. Ese é o sentimento do galego cara a música, que por outra banda é un sentimento universal, non exclusivamente propio dos galegos.

 

Cómo é a relación do galego coa paisaxe visto dende un aspecto puramente musical? Vemos a utilización como instrumentos musicais de elementos da natureza como follas, cunchas, noces, etc... e de aparellos de traballo como ciceis ou ferramentas de labranza.

Da natureza obtíñanse moitos dos instrumentos musicais que utilizaban os nenos. É unha relación estreita: os nenos xa tiñan unha forte vinculación coa natureza e iso afianzábase aínda máis cando obtiñan materiais útiles dela para facer melodías directamente das herbas, dos árbores, do río... Son dúas cousas que van xunguidas.

 

A miña sogra morreu onte/ enterreina no palleiro/ os seus xenros a rezar/ i eu a tocar o pandeiro

A tradición oral tamén ten moi presente os instrumentos, tal e como reflicten os numerosos versos e coplas que recolle vostede neste libro.

As coplas galegas son satíricas, moi sexuais e evidentemente tamén aparecen os instrumentos musicais nelas. Musicalmente falando Galicia é un pobo moi rico e é normal que nas coplas aparezan os instrumentos musicais, abofé. Nas coplas falábase de todo, eu revisei unhas 25.000 ou 30.000 e recuperei algunhas delas para o libro.

 

O capítulo máis extenso do libro está dedicado aos instrumentos aerófonos e dentro dese grupo á gaita. Poderíase dicir que é o instrumento máis representativo dos utilizados no país?

No libro demostro que si. A gaita é o prototipo cognitivo de instrumento musical de Galicia. Cando unha persoa avalía se un útil é ou non é un instrumento musical, cando ti preguntas a un paisano: 'Isto é un instrumento musical?', aínda que el non o saiba, está facendo unha comparación inconsciente respecto á gaita de fol. A gaita de fol é o prototipo de instrumento musical, coas características de seu. É un arquetipo. Noutras culturas é outro instrumento, pero aquí éo a gaita de fol. É a cima da cadea, todos os instrumentos se comparan con ela. É dicir, a gaita de fol é a que fai a música perfecta, completa. Ela soa fai música, ela soa é un instrumento musical. Ten unha serie de marcadores cognitivos que a converten nun modelo. A gaita é o rei dos instrumentos galegos.

 

Houbo variación histórica nos instrumentos tradicionais ao longo dos séculos? Nalgunhas imaxes e fotografías que se amosan en Os instrumentos musicais na tradición galega correspondentes a gravados, elementos decorativos de hai séculos vemos que os instrumentos son os mesmos ou con moi poucas variacións respecto hoxe en día.

En Galicia ocorre unha cousa curiosa e moi estraña de atopar noutras culturas, que é a mantenza de todos ou case todos os instrumentos que se tocaron dende o paleolítico. As voadeiras, os fungos, determinados tipos de frautas... usadas polos nenos galegos empregábanse xa daquela. Todo isto está documentado nas escavacións arqueolóxicas de hai vinte mil anos do paleolítico superior. O marco cambiou, por suposto, pénsase que no paleolítico eran instrumentos rituais manexados por adultos, pero se conservou en mans de nenos como xoguetes ou como divertimentos.

En Galicia utilízanse instrumentos que se empregaron ao longo de toda historia no noso territorio: temos estratos que pertencen ao paleolítico, ao neolítico, moitos instrumentos das mulleres, medievais como a gaita de fol ou os rabeis, temos instrumentos renacentistas como o violín, etc. En resumo, todos os estratos están aquí, están en uso ou estivérono ata hai trinta ou corenta anos. O instrumentario galego é como unha fiestra ao pasado.

 

En qué medida se relacionan os instrumentos musicais galegos con outros da tradición musical europea?

Son análogos. Os instrumentos que che comentaba antes procedentes do paleolítico aparecen en Galicia e noutras partes do mundo. Son instrumentos que pertencen a un estrato histórico moi antigo que posteriormente evolucionan no tempo afianzándose en cada cultura e manifestando unhas particularidades propias. Segundo foi avanzando o tempo algúns deles se asentaron, velaí como un instrumento medieval como é a gaita de fol se toca en toda Europa. O que pasa é que cada país ten a súa particularidade e sinais de identidade propias, non é igual unha gaita aquí que unha gaita en Rusia, pero seguen sendo gaitas. Cada cultura dota dunha particularidade propia aos seus instrumentos.

 

Hai algún instrumento tradicional que sexa puramente galego?

Hai moi pouquiños. Poderíache dicir o charrasco ou a requinta, por exemplo, que son moi difíciles de relacionar con outros. Pero en verdade hai moi poucos que sexan exclusivos doutras culturas.

Logo está, como che dicía antes, que un instrumento aquí non é igual que en Francia, por exemplo, xa que cada cultura outorga a cada instrumento unha personalidade propia.

 

Dedica o último capítulos aos grupos musicais, que antigamente eran os verdadeiros animadores das festas de vilas e aldeas.

Os conxuntos musicais cumprían a mesma finalidade, a comezos do século pasado, ca que teñen hoxe en día as discotecas ou as salas de concertos. Era a música no máis alto nivel.

Nese capítulo tamén fago mencións aos grupos de mulleres, que cantaban nas ruadas ou nos fiadeiros, e cumprían unha función social: o de aportar música á comunidade, como dicía antes. 

Contratábanse a grupos de gaiteiros, que amenizaban as festas, pero había que pagalos e polo xeral non eran baratos. Logo había outras agrupacións musicais como os cegos que eran, digamos, os substitutos dos xornais e medios de comunicación de agora.

 

As imaxes de Xosé Ramón Marín Martínez engaden un valor especial aos textos.

Moncho Marín é un namorado da nosa cultura e apréciase nas súas excepcionais ilustracións. El tamén é músico e une no libro tres aspectos fundamentais: o amor pola tradición, unha visión clara do que son os instrumentos musicais e unha calidade excepcional no desenvolvemento das ilustracións. Creo que Moncho é o mellor deseñador etnográfico que temos hoxe en Galicia. As súas ilustracións dan moita vida ao texto e aportan cousas por enriba das fotografías.

 

Queda pechado ou terá unha continuidade este Os instrumentos musicais na tradición galega? Haberá unha continuación segundo vaian aparecendo novos instrumentos?

En breve sairá unha segunda edición do libro un pouco ampliada, con algunhas cousas novas. 

 

 

 

 Santiago de Compostela, Xullo do 2010