Print this page

Materia infinita (Follas Novas) de Xosé Carlos Domínguez Alberte

Rate this item
(6 votes)

Tomando como punto de partida o nacemento das súas fillas, Xoán Carlos Domínguez Alberte lévanos en Materia infinita (Follas Novas) nunha viaxe en espiral a través das cuestións e preocupacións que temos como pobo: a educación, as xeracións que quedan atrás, a vida, a identidade, o futuro, o rural, e especialmente a lingua, esa lingua que, parafraseando un poema de Materia infinita, únenos.  Sensibilidade, firmeza e compromiso despréndense de Materia infinita, onde Domínguez Alberte fía unha poética que mira ao pasado pero mellorar o futuro. Un libro para gozar, para comprender, para emocionarse e para comprometernos, abofé que si.

 


 

Toma a agulla de calcetar para tecer neste libro un diario sentimental e emocional do espertar e florecer á vida das súas fillas. Se o poeta chileno Nicanor Parra comentaba que a poesía é vida en palabras podemos afirmar que Materia infinita é a expresión escrita desa experiencia da paternidade.

Materia infinita era un proxecto que tiña dende hai tempo e foi xusto a raíz do nacemento da miña filla máis nova, hai xa un ano e medio, cando comeza a coller forma. Eu procuro neste libro facer un canto, tomando como pretexto o nacemento das miñas fillas -o equivalente a ese alumeamento da vida latente que se ve na primeira parte do poemario titulado Boa esperanza- para ensanchar, na segunda parte do libro (Encarnación), o discurso poético cara outros territorios, onde a poesía se retrotrae nunha lembranza ao que sería a infancia dunha xeración, esa que agora poderíamos chamar dos 50 e coa que temos unha serie de vivencias comúns e rurais.

Materia infinita principia co nacemento da vida e ensánchase ao pasado cunha prospección pondaliana cara o futuro.

 

O primeiro poema, titulado Quebracabezas, aventura o que vai atopar o lector: pezas poéticas estruturadas en poemas, prosa e incluso sentencias. Retallos onde afloran as diferentes temáticas, que van dende un sentimento de confusión do útero fecundado ata a preocupación polo mundo que nos arrodea.

Conceptualmente Materia infinita destápase ao lector en forma de espiral, abríndose nun non retorno. É unha espiral concéntrica, que ensancha horizontes, onde aparece o nacemento, a vida, a memoria, a terra e especialmente o fío que vai urdindo todo: a lingua.

Boa esperanza sería a expectación, a prevención ante o nacemento da vida, a eclosión, que logo se materializa e se transmuta na segunda parte, onde toma diferentes formas, tal e como é a vida.

 

Sobresae na primeira parte do poemario a inocencia do ser antes de nacer. Máis adiante escribe que En tempos de regras marcadas / as palabras dos marcos da infancia / sempre se escriben a man. En que momento da nosa vida perdemos a liberdade? Cando comezamos a asumir e cumprir con esas regras?

O meu discurso móvese tanto dende a perspectiva da concepción dos proxenitores até o papel que van ter eses novos seres que veñen á vida, rebelándome contra unha educación tradicional en prol doutra con abertura de miras, sen dogmas nin fe: “ningún mandamento”. Unha alegación que se unirá na segunda parte con poemas como Un conto de princesas e eses príncipes redentores sobre os que nos temos que sublevar. Temos que instruír os novos seres en valores de liberdade, dende o compromiso.

 

Aínda que estamos a falar dun libro que ten unha forte compoñente persoal, vemos como hai un tránsito da primeira á segunda parte -temáticamente falando- que vai do “eu” ata un “nós” universal, ese “nós” do que todos somos partícipes.

Si, na segunda parte o discurso expándese. Como comentaba antes, o libro nace cun concepto de espiral. Parto dun núcleo embrionario que amplía horizontes. Dende a latencia da vida e a chegada dela cara o pasado, cara a terra, e a lingua como fío condutor que nos leva cara o futuro.

 

Presenta en Sesión de baño e masaxe un achegamento ás cantigas populares, aos poemas onde os xogos de palabras, o ritmo dos versos toman protagonismo.

Ese poema ao que fas referencia é unha reivindicación do gozo que supón a transmisión idiomática. Sesión de baño e masaxe contén moitos vocábulos da miña infancia, de Ramirás e desta terra, termos que non se poden dar máis que en situacións concretas. Sesión de baño... simboliza a alegría de transferir a lingua, de xogar coas palabras e de trasladalas ás novas xeracións.

 

Macorrandeira, charouvía, supílfora, acocora, cotrola…

Son palabras todas que pertencen a un ideolecto ourensán. Outras son localismos propios de Ramirás ou de Escudeiros.

 

Nos pelouros brancos / da serra da Seixosa / empezábase a reconstruír / a montaña auténtica / da maxia da infancia

A infancia desaparece por mor das trabadas do tempo, converténdoa nunha lembranza efémera. Coa paternidade agroma unha nova reexistencia?

En certa medida si. A infancia é ese paraíso que todos conservamos. Nese poema xógase co concepto de transmisión de vivencias, de abrir novos mundos a eses seres que comezan a andar, ligando esa mensaxe coa nosa tradición cultural e neste caso concreto tamén vivencial. Eses pelouros da serra da Seixosa, en tempos moi próspera, xoga co concepto de loita, de non abandono, en prol do mundo rural galego. En Galiza temos esa cicatriz chamada autoestrada que fendeu o país en dúas vertentes: a zona próspera, industrial e desenvolvida da costa; e o abandono ao que está sometido a zona oriental, sobranceiramente as zonas do interior de Lugo e Ourense. Sería a rebelión contra iso, contra as políticas que dende o goberno se levan a cabo. É incrible que se aposte por unha zona, neste caso a costeira, e se abandone o interior e o rural galego. Noutros sitios, como en Francia, estase a defender o tecido rural, apóiase a súa riqueza agraria e forestal. En Galiza non pasa, témolo todo abandonado.

Materia infinita é igualmente un canto para mirar o futuro, de loitar contra o esmorecemento e o abandono, por poder vivir dignamente no territorio.

 

A modo de Manifesto indica en Tratado industrial do esquecemento que O tesouro virxe das veas inesgotabeis que sucan decontino o noso interior é o pulso que hoxe en día está por reanimar. A loita pola terra e a identidade de seu. O compromiso.

O que acontece é que meirande parte da clase política que temos non defendeu nunca os sectores produtivos do país. Botemos a culpa á Xunta ou ao Estado ou a Bruxelas ou ás nefastas negociacións que houbo. Galiza tivo todo para ser unha potencia leiteira e as políticas europeas deixáronos sen capacidade de producir leite. Somos potencia madeireira e non vivimos da mesma como fai Finlandia, por exemplo. Padecemos políticas contra os recursos produtivos do interior do país, que son o agrario e o forestal.

Creo que é obriga de todos ternos o compromiso e a intelixencia para crearnos xuntos un país próspero e dono dos seus activos. Temos unha riqueza eólica moi importante, están os encoros. Temos moitas cousas. E que beneficios quedan no país? Ningún ou case ningún.

Con Tratado industrial do esquecemento procuro un chamamento ao espertar da conciencia nas novas xeracións, para que se fagan donas dunha política de prosperidade para o pais.

 

Adícanse en Materia infinita varios poemas á nosa lingua (A lingua que nos une). Que cabida ou importancia ten o idioma dos antergos en alguén que nace, como no caso das súas fillas, no rural galego?

A lingua é todo. Se algo somos é por mercé da lingua. É a nosa identidade colectiva como pobo, o que nos diferenza. Nin mellores nin peores, senón diferentes. Se perdemos a lingua esvaécese a nosa identidade, disípase a capacidade específica de ser no mundo. A lingua vertebra toda Materia infinita, é a esencia.

 

En Interior con paxaros prosegue a loita pola conservación educacional do mosteiro de Celanova.

O mosteiro de Celanova é un ben común, un patrimonio cultural que debe estar ao servizo público. Neste caso con fins educativos, que sen dúbida é o mellor posible. Estamos a falar dun dos mellores centros de Galicia, non só en resultados como en acondicionamento arquitectónico e por equipamentos das novas tecnoloxías. É un ben publico común que agora quéreno cambiar para outros escuros fins, tense dito que para facer un parador ou un hotel. Tampouco se sabe moi ben o que, pero será con cartos públicos.

Se Celanova é culturalmente algo é por mor da sabedoría que emana desas paredes de pedra, e ten que seguir sendo así.

 

 

O Picouto (Ramirás), Xullo do 2011

 

{jcomments on}