Print this page

Hora Zulú (Galaxia) de Santiago Lopo

Rate this item
(12 votes)

Xa avisa o autor nesta entrevista: Hora Zulú (Galaxia) é como un mecanismo de reloxería. E é certo, no seu obrador Santiago Lopo confecciona con suma precisión unha historia onde o máis mínimo importa. Todo ten o seu espazo... e o seu tempo.

Nesta novela Lopo nos mostra as súas inquietudes sobre o tempo e a escravitude á que nos condena. Pero neste mecanismo articúlanse moitas pezas e, como dixemos, todas son de grande importancia. O lector, ao igual que o mariñeiro que recolle as súas redes, descoñece ata que sae a flote que hai ao final do fío. Nese senso Santiago Lopo manexa os tempos da novela dun xeito brillante. Pouco a pouco alimenta a un lector ávido de información, de coñecer máis, de avanzar.

Non enganaríamos a ninguén se afirmamos que Hora Zulú (premio García Barros) de Santiago Lopo é unha das novelas máis interesantes e orixinais publicadas no 2012. Unha proposta suxestiva dun autor que xa sorprendera con Game over (Biblos) e con Peaxes (Xerais).

 


 

A chegada dun paciente a un centro psiquiátrico serve para conformar unha mea de manelas que conforman Hora Zulú. Un dos elementos principais, un deses copos, é o tempo na súa magnitude física. Nesta novela presenta vostede unha reflexión sobre o tempo e como inflúe nas nosas vidas.

O meu obxectivo con Hora Zulú era razoar sobre o paso do tempo. O tempo é un dos elementos máis subxectivos que existen, xa que cada un de nós o entende dun xeito diferente.

Outro dos aspectos que quería abordar con nesta novela é o escravos que somos dese tempo. Roland Barthes dicía que “Existe unha ligazón cosubstancial entre poder e ritmo. Ante todo, o poder impón un ritmo (de todas as cousas: un ritmo de vida, de tempo, de pensamento, de discurso)”. Isto do contratempo horario acelerouse coa chegada da Revolución industrial. Vivimos para producir e as horas marcan as nosas vidas. Como di un dos personaxes de Hora Zulú,eu tamén gustaría de vivir sen ser escravo das horas e guiarme polo solpor ou polo amencer, por exemplo.

 

Outro dos aspectos nos que incide é a simultaneidade temporal na que vivimos. Esa Hora Zulú que da nome a esta novela.

Chamoume sempre a atención o feito de vivir en fusos horarios diferentes. Eu, que teño familia emigrada en Brasil, lembro de neno cando nos chamaban polo Nadal para felicitarnos. Sorprendíame moito que alí fosen as catro da tarde cando na miña casa eran as dez da noite. Dende sempre me apaixonou a elasticidade do tempo.

 

Aparece en Hora Zulú a cuestión do ecoloxismo. Son moitos os escritores que dende a literatura fixeron un alegado sobre esta materia. Velaí temos a escritores como Henry David Thoreau, Luís Sepúlveda, Manuel Rivas… Que se pode aportar dende a literatura ao debate do ecoloxismo?

Nesta novela quixen dar unha visión nova, pero penso que é fundamental ter un amor pola terra. A sensibilidade coa terra, co ecoloxismo, é fundamental. Hai persoas que deciden ser activistas dun xeito (como vemos en Hora Zulú), e outras que deciden selo dende a literatura, pero ao final o ecoloxismo é unha cuestión que nos atinxe a todos. Non ten que ser unha postura cara os demais senón que hai que sentilo dentro dun.

 

Vostede fai gala dun sutil manexo da intriga, un pouco ao uso da novela negra. É de agradecer esa dosificación da trama, que xurde dun xeito lóxico, sen grandes reviravoltas que descoloquen ao lector.

Estase a construír un puzzle no sentido de que se crea unha atmosfera de intriga, de suspense ou de que a historia vai dando aos poucos pistas do que vai acontecer. Esa dosificación da trama -de crear ese puzzle- foi un dos aspectos da novela que máis traballo me deu: como contar nin pouco nin moito. A estrutura da novela funciona como un mecanismo de reloxería, onde todo está moi estudado. Un crítico opinaba que esta era unha novela complexamente sinxela, sinxelamente complexa. Creo que lle acae moi ben esa definición, porque aínda que a novela poida parecer complicada e doada de ler; e ao mesmo tempo, a pesar de ser sinxela de ler, require o esforzo do lector para ir compoñendo as diferentes pezas que conforman Hora Zulú.

 

Entre esas pezas que vostede sinala está o emprego de moitas voces, ben sexan a través de emails, entrevistas, informes médicos, poesías …

Eu quixen empregar esa estrutura fragmentaria porque a historia pedía moitas voces e iso facilita que o lector asocie o que está lendo a unha voz. Unha das cousas máis dificultosas foi dar, a cada un dos personaxes, unha voz diferente. É complicado no senso de que en Hora Zulú aparecen moitos personaxes e empregar diferentes tipoloxías textuais como poemas, informes, textos literarios, cartas … para etiquetar unha voz e asocialas a unha maneira de expresarse, foime de gran axuda.

Todo está inventado en literatura, pero quixen experimentar coas diferentes tipoloxías. Eu quedei satisfeito co resultado pero a verdade é que supón moito esforzo. Aínda que sempre podes cometer unha equivocación ou un erro, tras moitas relecturas parece que todo concorda. Pode que algún lector sexa quen de atopar un desliz, pero en xeral é bastante coherente.

 

Como se formula un libro destas características, tan fragmentario, con todas esas voces e personaxes?

A miña intención era facer unha reflexión sobre o paso do tempo e sobre o control temporal. A partires de aí xorden outras ideas, crease a atmosfera da trama e aparecen as historias dos personaxes, aspectos todos eles que conformarán finalmente a novela.

O que non se especifica por ningures é a configuración dos personaxes. En ningún momento se lle di ao lector que este personaxe é así; vai ser o propio lector quen vai ir configurándoos a través dos fragmentos que lle van chegando. Creo que se trata dun proceso bastante natural e que non require gran esforzo no proceso de lectura.

 

Sen voz, outro dos protagonistas da novela é o centro psiquiátrico onde se desenvolve unha grande parte da trama.

Eu procurei mostrar do centro psiquiátrico a súa cara máis amable. Busqueino así porque, salvo momentos puntuais, é o normal. É dunha familiaridade absoluta.

 

A súa escrita caracterízase por ser dunha gran orixinalidade, imprimindo as túas obras aspectos novidosos. Ata onde queres chegar cando escribes?

Simplemente quero contar a miña historia e que esa historia chegue a moitos lectores. Sobre ser orixinal… Hoxe é moi difícil selo, quizais procures escribir algo orixinal e te pasas de freada, pero polo xeral creo que os lectores si que aceptan ben as miñas propostas. Descoñezo como serán as miñas futuras achegas literarias. Xa sabes, aínda que se queira ser orixinal os escritores acabamos sempre repetíndonos. Hora Zulú é a miña terceira novela e coido que ningunha delas é similar ás outras, pero tampouco descarto escribir algún día unha novela “ao uso”, na súa estrutura máis clásica.

 

Pontevedra. Xaneiro, 2013