Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Estrela do norte (Faktoría K) de Luís Rei Núñez

Rate this item
(4 votes)

“convoco o poeta por obter o amparo / dalgunhas palabras que traen calor” escribe Luís Rei Núñez, e vai ser un recollemento parecido a ese o que sentirá o lector ao ler os versos de Estrela do norte (Faktoría K), última proposta poética do autor de Alma mareira.

Xeografía de emocións e de lugares, Estrela de norte traslada aos lectores a unha viaxe que se move entre a tradición e a modernidade, (re)visitando eses espazos comúns onde grazas á sensibilidade de Rei Núñez toman unha nova forma; porque abofé que as cousas non cambian, senón que somos nós os que cambiamos, como dicía H. D. Thoreau, e a poesía que flúe de Estrela do norte permite coñecer e coñecernos hoxe a través dunha ollada do pasado e a man experta do poeta.

Por outra banda a poesía de Luís Rei Núñez é unha poesía extramuros, que voa en liberdade e chéganos cargada de emotividade, o que se traslada na poesía como un pintor de paisaxes, co mar sempre no horizonte. Sempre. Arrincando del versos e emocións. Grande poeta.

Estrela do norte é unha perfecta recomendación para este tempo de acollemento e de introspección.

 

 


 

 

Fervenzas Literarias: Retoma na súa literatura o vieiro da poesía tras un silencio de máis de dez anos. Influíu nesta decisión o grande éxito acadado no eido narrativo neste mesmo período? 

Luís Rei Núñez: Para min son igual de importantes as aventuras que emprendo na narrativa como as que emprendo na lírica. Acontece que -creo eu- quedou solapada a miña poesía por eses anos nos cales, cunha certa constancia, fun entregando novelas. Iso pode descolocar un pouco tanto á crítica como a unha parte dos lectores, tendentes a unha certa necesidade de encadrar. Eu preciso das dúas pernas para camiñar e non gustaría verme amputado de ningunha delas. A narrativa e a lírica son dúas maneiras de traballar: para unha novela é importante a constancia, prolongar o esforzo durante un tempo longo; mentres que os poemas nacen máis de epifanías, de loairas, de luces que de pronto se acenden e grazas a iso un ve na escuridade. A poesía permite viaxar dende a escuridade ata a claridade, polo menos no meu caso. De todos os xeitos, ben sexa narrativa ou ben sexa poesía, eu escribo para entenderme, para entender e para axudar a que o lector entenda.

 

Rehabitar espazos e recuperar textos e voces poéticas. Retoma en Estrela do norte parte do camiño iniciado en Alma mareira*.

É certo que rescato algúns poemas de Alma mareira. A miña idea é deixar que Estrela do norte medre, reescribir este texto no futuro e publicalo dentro de varios anos engadindo poemas novos. Avanzar ao igual que avanza a vida, do mesmo modo que acumulas experiencia e saberes poéticos. De todos os xeitos isto non é nada novo, fíxoo por exemplo Antonio Machado con Soledades, que logo foron Soledades, galerías y otros poemas.

De primeiras esa é a miña idea, ao mellor logo, segundo pasa o tempo, as cousas non se desenvolven como penso e considero necesario ver pechado este ciclo poético e considero imprescindible emprender un vieiro poético novo, pero a día de hoxe considero que a poesía que aparece en Estrela do norte é a miña voz poética, e grazas a este poemario puiden insistir nunha aposta que principiou con Alma mareira e que neste traballo logrou conformarse dun xeito moi coherente.

*Alma mareira, publicado no ano 2003 pola Deputación de Pontevedra na súa colección Tambo.

 

Sorprende atopar en Estrela do norte o emprego de métrica e de rima, recursos cada vez máis difíciles de atopar na poesía galega e en poetas actuais, onde hai unha aposta maior polo verso libre. No seu caso, esta forma de expresarse poeticamente subxuga ou polo contrario, desencadea?

Concordo coa túa apreciación de que a métrica e a rima están desatendidas e case que vilipendiadas pola meirande parte dos poetas actuais. No meu caso esta forma de ver a creación poética vai máis alá, porque escribir é manter un diálogo coa tradición. Coa tradición de cada un de nós. E a miña tradición é unha fonte de dous canos: o popular e o culto. A partires desa concepción inevitablemente chegas aos recursos métricos tradicionais que se foron desenvolvendo co idioma. Non é algo que me inventase eu ou que se concibise na actualidade, senón que camiña ao carón da poesía dende os comezos. Aínda que agora poidamos ler poesía en silencio ou na nosa soidade, non debemos de esquecer que a poesía tamén ten un compoñente ritual, social, e neses casos a poesía convocábase e víase axudada pola músicalidade.

De todos os xeitos, se para un poeta fixarse o reto de establecer na súa poesía tanto rima como métrica vai ser un corsé, ou vai ver limitada a súa capacidade de expresión, entendo que é mellor renunciar a iso e tirar por outro camiño. Pola miña banda considero que ao se acoller á protección dos límites gañará o poema e, polo tanto, en lugar de ser un problema, será unha solución.

 

Parten as naves gastando quimeras

A Estrela do norte como guía, como ese punto referencial que dende o ceo marca o camiño. Cara onde vai, cal é o destino que lle agarda ao poeta?

Dicía Schopenhauer que a felicidade é a ausencia de dor, e probablemente esa sexa a meta de todos nós. O camiño dos homes e das mulleres é seguir adiante, e para avanzar é importante dispoñer de soños, de guías. Estrela do norte é iso: seguimos cara adiante pero temos un norte; nese norte están as cousas importantes: o amor, a xustiza, a igualdade, o gozo polas regalías que nos dá a natureza… Cousas das que moitas veces non somos conscientes. Cando escribo aspiro a conseguir que a xente repare en cousas que antes non advertía. Se o consigo, estou a cumprir cunha das obrigas do poeta.

 

Aparecen ao longo deste poemario esoutras estrelas do norte en forma de xeografía perenne para o poeta: Muros, a Costa da Morte e, como se dunha áncora se tratara, o omnipresente Monte Louro.

Moita xente di desprezar os particularismos e autodenomínanse cidadáns do mundo. Parvadas! Ti es dun lugar, un lugar que che veu dado ben pola orixe familiar ou ben escollido por ti, pero sempre estás en algures. Nomeáchesme os espazos onde eu me sinto no mundo. A miña maneira de estar no mundo é estar aí.

Un dos libros máis universais do século XX é o Ulises de James Joyce, un libro dublinés. Un autor actual de renome como é Paul Auster escribe de persoas que se moven en Brooklyn. Por que se un personaxe de Auster vai a unha taberna de Brooklyn é cosmopolita pero se ti falas duns mariñeiros que toman calquera cousa nunha taberna de Carnota es localista? Iso anula e ademais é unha mentira.

 

Falaba vostede con anterioridade de manter un diálogo coa tradición. Velaí atopamos referencias máis ou menos veladas a Rosalía, Manuel Cuña Novás, Luís Pimentel, Machado ou a Lorca; e ese feixe de poemas que resume á perfección o anterior e titulado Seis cantares gallegos.

A literatura (e calquera arte en xeral) é unha carreira de fachos. No camiño eu atópome con Frei Luís de León, Garcilaso de la Vega, Becquer, nx0woé Hierro… e en Galicia con Rosalía de Castro, Luís Pimentel, Amado Carballo, Ramón Cabanillas… Hai un diálogo con eles e ti tes que situarte nunha liña de continuidade. Non creo que haxa que escribir pastiches rosalianos ou pastiches pimentelianos, pero si fixarse no que facían eles. Rosalía de Castro partía da tradición popular e da tradición culta, Machado máis do mesmo, e eu procuro aplicalo dende a miña modernidade. Nese sentido está o exemplo que indicabas de Seis cantares gallegos, xogando cos Cantares gallegos de Rosalía e os Seis poemas galegos de Lorca. Pero sen ficar só no epígrafe, acho que parte de ese espírito captouse nas estrofas e nos versos, sen deixar de ser a miña voz, para ben ou para mal.

 

Alalás, muiñeiras, cantares… É imposible non deterse no compoñente musical e no ritmo da súa poesía.

É deliberado, e por iso aparecen anáforas, aliteracións e estrofas e versos canónicos. Como na musa popular, cando a poesía ten que repartir melodías.

 

Fixo caer das maceiras/neve de pétalos brancos

Fainos vostede partícipe en Estrela do norte dese sentimento de admiración cara a beleza do mundo natural. Esa aliaxe entre a poesía e a natureza.

Están os partidos do século, mesmo un cada ano, o concerto dunha grande estrela do rock, a Festa da Barca… Podes asistir a esas convocatorias de masas, pero logo hai outras –máis económicos ou de balde- que temos diante dos ollos e que son insuperables. Eu marabíllome cando chego a un lugar da costa, tendo aí o Monte Louro e observar o mar sempre cambiante. Gústame pasmar e quero abraiar aos lectores.

 

Aparece poderosamente en Estrela do norte a presenza do mar, especialmente do Atlántico. Que é o que ve cando ve o Atlántico?

Alguén dicía que o mar é aquilo que con menos letras expresa máis, e o Atlántico é unha especie de resumo dos camiños que se abren ante calquera: a liberdade de ir por onde queiras. No fondo é unha enfermidade da que non queres curar, porque expresa a idea de totalidade.

 

Continuando co tema mariño titula precisamente así un capítulo de Estrela do norte: Cartas mariñas. Envolve cunha delicada poesía en prosa a que seguramente sexa a parte máis intimista do libro.

Aínda que houbo precedentes, foi Baudelaire quen puxo en funcionamento esa fórmula do poema en prosa, cultivada por exemplo por Luís Cernuda en Ocnos ou en Variaciones sobre tema mexicano, e en Galicia por Manuel Álvarez Torneiro ou Pepe Cáccamo. Cartas mariñas son poemas en prosa e teñen un espírito unitario todos.

Máis que dun compoñente intimista eu definiríao máis como filosófico, ou de indagación nos grandes misterios da existencia. Mentres que os outros poemas teñen máis que ver coa experiencia, os de Cartas mariñas están vencellados á inmanencia.

 

En Un bivaque de memoria recupera lembranzas, filmes, lecturas, amigos…

Canto laceran as lembranzas?

Un neno acabado de nacer non ten lembranzas. Para el, a memoria non existe, será a partir dos primeiros anos cando o pasado e a memoria comece a pesar. Un peso que se incrementará co paso dos anos, coa ameaza perenne de te decatar que o que pasou dificilmente volverá a pasar.

Para as persoas que xa vamos tendo certa idade a memoria ten unha importancia decisiva. Será sobre iso, o paso do tempo e a sensación de finitude sobre o que versa grande parte da literatura universal: o avance do tempo e as súas miserias nunha persoa.

Entón cando escribes nútreste da memoria, do pasado. Da memoria persoal e da memoria das lecturas, que son á súa vez lecturas que tratan sobre ese paso do tempo, ese camiño cara á desaparición que é vivir.

 

Vostede reside actualmente en Pontevedra, unha cidade dende onde se divisa a álxebra das nubes sobre a illa de Tambo pero onde non vai nunca á misa nin tampouco ó Casino.

Fálenos, por favor, desa dualidade de Pontevedra.

Ese poema parte dunha homenaxe a Castelao. El era de Rianxo pero viviu en Pontevedra por dezaseis anos. Cando sentiu que se achegaba a súa fin escribiu un texto que se titulaba xustamente así, Meu Pontevedra, no que reivindica o seu pontevedrismo. Castelao di que canda morra quere ser levado a Pontevedra, unha cousa que posteriormente se incumpriu. Eu recollo o mesmo pulo inicial que tivo Castelao e elaboro o meu Pontevedra. No meu Pontevedra está o que se di no poema, que é a cidade da memoria de Castelao, e de outros, a cidade que aprendín a amar, a cidade na que coido vivirei sempre, onde naceu a miña filla… Pero nesa Pontevedra non está a Pontevedra clasista e burguesa que non forma parte do meu horizonte diario.

 

No último poema de Un bivaque de memoria atopamos unha ollada moi fonda á nenez.

A infancia é a hora do mito, como afirma Seamus Haney, de quen precisamente recupera vostede unha cita ao comezo dun poema?

Pode que haxa algo diso pero nese poema hai un diálogo co meu bisavó. Nese longo poema, titulado A horta da casa dos valados, fálase da construción dunha casa, feita coas propias mans dun home, no concello de Muros, na caeira dun monte. Esa casa estivo longo tempo abandonada ata que a rehabilitei hai uns anos. No poema realizo un inventario das presenzas que sobreviviron ao meu bisavó, unha persoa que eu non cheguei a coñecer. Quedaron as ruínas que eu refixen e quedou a horta dos valados, nos bancais formados por pedras recollidas do propio monte por aquel home.

O poema é como abrir unha desas antigas latas de Cola Cao ou de marmelo e ir extraendo as vellas fotos familiares: esa vella laranxeira, ou a nespereira, … Son como vellas fotos que enviou o meu bisavó: “E tremo ó remover/entre as vellas raíces./Son postais do bisavó/que xuntaron dous países:/o seu, hai un cento de anos,/e este, que xa non existe.” Aínda que unha persoa desaparece, no caso de meu bisavó van alá sesenta anos, hai algunhas cousas que me fan recordalo e que estea hoxe presente.

 

Remata con Cómputo, o poema final, como índice e dar grazas.

É unha acción de grazas, e aí recóllese o meu agradecemento a todas as cousas boas da vida. Esas cousas que nos fan seguir vivindo. Hai cousas que quedaron fóra, inevitablemente, pero todo o que aparece aí é moi importante para min.



 

 

 Santiago de Compostela. Decembro, 2014

Buscar en De actualidade >

Axenda >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom

Nestes días >

No upcoming event!

Exposicións >

No upcoming event!