Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Diario de Crosses Green (Faktoría K) de Martín Veiga

Rate this item
(5 votes)
Martín Veiga Martín Veiga Foto: Paz Castro

Entrar no Diario de Crosses Green (Faktoría K) de Martín Veiga é deixarse levar polas augas do río Lee, que atravesa a cidade irlandesa de Cork, onde reside dende hai varios anos o poeta noiés. Descoñezo como é o fluír das augas desta arteria urbana, pero no Diario de Crosses Green Martín Veiga é quen de domear as súas augas (Séntese o marmurio tenso da corrente que non ha parar endexamais), ou máis ben mimetizarse nese entorno acuático (Río negro na noite pechada, cóbrega esquiva a escorregar sen pausa).

Martín Veiga aposta no Diario de Crosses Green por unha orixinal proposta na forma. Como se dun rexistro cursivo se tratara, Veiga vai debullando mes a mes, ao longo dun ano, as entradas dun diario onde ollada e sensación comparten o mesmo protagonismo, conformando un diario emocional (anatomía do espírito, encoro, diario dos adentros) que partilla espazo con outros poemas de corte tradicional manexados con grande mestría polo poeta.

Estamos ante un poemario que nos obriga a ler devagar, que nos mergulla nunha paisaxe de imaxes, pero tamén é un convite á reflexión, porque a lectura deste Diario de Crosses Green incita a parar constantemente á lectura, a deixarse levar polas augas, demanda un momento de sosego para interiorizar o que estamos lendo.

Diario de Crosses Green supón un novo acerto da colección Tambo, que dirixe con grande tino Luís Rei Núñez e que, a pesares de agasallar aos lectores con poucos títulos, hai que recoñecer que esa cadencia na publicación vese recompensado con creces pola calidade dos seus títulos.

 


 

Diario de Crosses Green aparece dez anos despois da súa última obra poética, Fundaxes (Espiral Maior), e supón o quinto poemario dende que en 1990 publicara Tempo van de porcelana (Concello de Noia). Fai vostede, da lentitude na escrita, eloxio?

Coido que o silencio poético non precisa de xustificación, pero no meu caso hai dous motivos principais: efectivamente eu son un poeta lento, traballo devagar, sen precipitacións, concedéndolle a cada proxecto poético o tempo que considero, precisa. Vexo a poesía como un traballo de reflexión demorada, dalgún xeito de sedimentación de ideas, de lecturas, de experiencias vitais para chegar, dalgunha forma, á formulación do que pode ser o poema ou, no caso do Diario de Crosses Green, un poemario.

Todos os meus libros desenvolvéronse de distinta forma, cada un deles coas súas propias necesidades, e no caso deste libro, que tardei case quince anos en rematar, medrou de forma moi orgánica. Eu precisaba dese fondo vital para consolidar o concepto do que quería expresar, que non é unha idea sinxela senón un conglomerado de ideas.

Todo iso por unha banda, e por outra hei de admitir que nestes últimos anos centreime moito no traballo académico, que é igualmente un traballo de escrita, de investigación e pescuda. Dinlle a este traballo académico, por imperativo profesional, total prioridade. Ao longo deste tempo estiven máis concentrado no eido académico que no poético e por veces foime moi difícil compaxinar ambos os dous, como se a parte académica acaparase espazos vitais que noutras circunstancias dedicaría á escrita poética. Levoume bastante tempo saber compaxinar esas dúas escritas, tan diferentes entre si pero que dalgún xeito poden chegar a conciliar. Lembro unha conversa cunha escritora irlandesa, amiga e poeta eminente, Eiléan Ní Chuilleanáin. Ela foi ata hai pouco catedrática de filoloxía inglesa no Trinity College de Dublín, onde traballou case toda a súa vida e durante esa vida académica publicou moita obra poética. Eiléan dicíame “Martín, non podes trazar esa división, tes que tratar a poesía como se fora o traballo académico. Parece doado de dicir pero se pode facer”. Ela era o exemplo. Efectivamente esa conversa foi para min clarividente, o maior problema é de espazo mental, de deixar sempre un sitio para a escrita creativa. E niso estou. 

Chama a atención o formato deste Diario de Crosses Green, por unha banda atopamos poemas cun formato máis tradicional e por outra o diario en si mesmo, ese diario dos adentros referenciado no primeiro poema.

A combinación deses dous discursos diferentes non me resultou doado. Eu considérome un poeta de corte clásico, polo que os formatos non convencionais, como pode ser a parte do diario, non saen de seu, e tiven que pensar moito para me decatar de que ese era o formato que precisaba, o que podía abranguer toda a complexidade do que eu quería expresar. Na miña vida levei un diario, este foi unha especie de experimento de laboratorio. Gústame definilo como laboratorio de imaxes, empregar imaxes case que diarias para intentar captar a realidade da contorna, de todo o que me arrodeaba, esa proximidade máis inmediata, e ver se a través dese retrato minucioso da vida máis próxima podía chegar a conformar unha visión máis ampla da vida, en termos xerais.

Os poemas de corte máis convencional, intercalados ao longo dos meses do diario, teñen como obxectivo convocar un diálogo entre a miña voz, as miñas inquedanzas poéticas e as entradas do diario. Coma que as imaxes dalgunhas das entradas do diario convidasen á escrita de certos poemas. Non digo que todos os poemas xurdisen dese diálogo co diario, hai outros que xermolaron doutros compoñentes. Hai diversidade, pero en moitos casos si xurdiu unha especie de interacción entre ambas formas. 

Un poemario escrito e concibido na cidade irlandesa de Cork, o teu fogar dende hai xa uns cantos anos. Hai unha colisión, á hora de crear, de escribir, entre ese mundo irlandés no que te moves e o galego no que escribes?

Está o choque da distancia, de transterritorialidade. Eu son un poeta en lingua galega que non ten contacto cotiá coa súa lingua. Iso supón non só un impacto inmediato na miña concepción do idioma senón tamén na miña convivencia coa linguaxe. Ao longo dos anos pensei que podería ser unha ameaza estar exposto a outra lingua como é a inglesa e a falta de intimidade co galego como lingua literaria. Con todo aprendín a ver esa posíbel limitación en termos construtivos. Agora escribo en galego con maior liberdade que a que sentía antes de marchar a Irlanda, quizais fágoo con menos prexuízos e cunha sensación de entrar no idioma sen sentir limitacións, con naturalidade. Logo hai outro aspecto que non ten tanto que ver co idioma senón cunha rede de influencias e afinidades que se van xerando. Na miña vida en Irlanda entrei en contacto –inevitablemente- con moitas poéticas, con moitas autoras e autores, voces diferentes, e seica isto puido influír na miña obra dos últimos anos. Eu sigo dende a distancia o que xurde na poesía galega pero tamén estou en relación con outras voces, e esa apertura a novas poéticas inflúe máis que a falta de contacto coa poesía galega.

Como sitúa a súa poesía nese entorno de espazos e voces? 

Cork é a segunda cidade do país e ten bastante actividade cultural e tradición literaria, especialmente poética. Eu, que non son moito de andar na vida literaria, por mor do meu traballo na universidade entrei en contacto cunha comunidade bastante ampla de escritoras e escritores en lingua inglesa e irlandesa, sobre todo a través de lecturas, recitais, colaboracións, festivais de poesía, etc. Nisto acontéceme unha cousa singular, decote eu recito en galego e logo ben eu ben outra persoa recita en lingua inglesa a tradución do que leo, que curiosamente é o que soe acontecer aos poetas que recitan en gaélico, que logo recitan en inglés. Daquela case que me sinto como un poeta gaélico en galego, abofé que é curioso.

Nada perturba a quietude líquida da noite

Vostede fai do silencio o seu espazo. A voz muda como convite á reflexión. 

A miña poesía dos últimos anos foi derivando a unha tendencia cada vez máis meditativa e iso percíbese de forma máis clara neste Diario de Crosses Green. Non son para nada un poeta moi dado ao silencio, gusto das construcións elaboradas, síntome cómodo no poema longo e narrativo, sen embargo no Diario de Crosses Green o silencio si xoga un papel importante, como parte desa contemplación, por veces nocturna, e esa observación da pé a unha reflexión sobre a existencia. Velaí entramos a valorar a poesía como espazo para a meditación demorada das cousas, daquela quizais conduza ao silencio, algo que non casa coa miña voz poética que, sen chegar a ser esteticamente barroquizante, si é máis elaborada. Ese aspecto reflíctese no Diario de Crosses Green, as entradas procuro que non sexan imaxes minimalistas, senón que vaian máis alá.

O piñeiro murcha vagaroso no xardín onde enredan grallas témeras.

Moitos dos seus poemas nacen da ollada do poeta e transitan cara á reflexión, a ese mirar cara dentro. No proceso creativo, é máis de fiar a observación que a inspiración?  

Para min a observación e a reflexión sobre o observado (entendendo isto dende un sentido amplo) é máis produtivo, produce máis resultados que a inspiración, sexa o que sexa isto da inspiración. Nos meus primeiros libros quizais eran as viaxes e a exposición a un mundo as que me conducían a esa observación renovada da realidade, aínda que tamén as lecturas. Agora, co paso dos anos, heille de engadir o pouso da experiencia que se vai conformando como espazo.

Hai  tamén unha mirada cara o interior, cara as emocións e as vivencias íntimas, non só sentimentais senón á vivencia íntima do mundo, da realidade, que eu tento desenvolver dende sempre nunha especie de comuñón directa a través das emocións con ese mundo. Cada vez concibo menos a poesía como un fenómeno, porque emana da vida, como di Gamoneda, pero no meu caso (ao igual que no de tantos outros poetas) esa emanación da vida ten que ir acompañada dunha elaboración estética. A observación e a ollada evidentemente son moi importantes no Diario de Crosses Green pola propia natureza do diario, pero tamén estaba presente noutros libros meus, como en Ollos de ámbar, onde xa no propio título destaco a importancia da mirada, e que  comparte con este Diario de Crosses Green unha ollada poética sobre a vida, sobre a realidade, filtrado a través das miñas propias experiencias, como resposta ao mundo externo. Logo están os poemas convencionais que coma dicía antes, responden dun xeito diferente. 

No diario parece fotografar a percepción íntima do que lle arrodea, por veces dun xeito descritivo, outras introspectivo e por veces incluso chegando ao aforismo, pero sempre semella estar presente unha perenne loita por  atrapar o instante.  

Poida que na miña poesía sexa unha constante a reflexión sobre o tempo e os seus efectos sobre as persoas e as cousas. O Diario de Crosses Green, na súa demorada observación ao longo dos meses, dos días, das horas, ten esa vontade de conxelar o transcorrer do tempo. Tamén emprego a metáfora do río Lee, vida máis que metáfora, fluíndo diante dos meus ollos. Eu observaba o río Lee dende a miña casa, dende esa atalaia que se abría a Crosses Green. O diario ten a intención de deter o río, o fluír da vida, o tempo... pero tamén, ao mesmo tempo, de intentar apreixar o espazo. Chus Nogueira, na presentación que fixemos deste libro en Compostela, falaba da poética do territorio. Concordo coa súa apreciación, eu fago meu un territorio moi concreto, eminentemente urbano, pero que convive de xeito harmónico coa vida natural. 

Falas de fotografar. Algúns teóricos da fotografía concibían esta arte como o procedemento que permite captar a esencia dun momento. O Diario de Crosses Green ten moito diso, dunha maneira que non definiría como documental pero si fotográfico no seu sentido máis visual. David Pérez Iglesias afirmaba na presentación deste poemario en Noia que algúns momentos do diario as entradas mostrábanselle como haikus, el falaba precisamente desa sublimación do instante que pode ser como unha imaxe fotográfica.

Esa fervenza de imaxes lévame a pensar, e hei de recoñecer que incluso me intriga un pouco, sobre como o lector vai enfrontarse a este libro. Non sei se lerán o diario de principio a fin ou se serán lecturas de entrar e saír. Nas lecturas que fixen en público nunca lin un mes enteiro, xa que me pareceu que sería moi difícil interiorizar tantas imaxes. Penso nas greguerías de Ramón Gómez dela Serna, que compoñía esas xenialidades breves que logo xuntaba nun libro. Como se le un libro de greguerías? Pola esencia do seu formato non lle acae, na miña opinión, que se poidan ler moitas, precisamente por esa forte sucesión de imaxes que se lle amosan ao lector. Algo semellante penso pode ocorrer co Diario de Crosses Green pero ben, iso xa non depende de min senón de cada un dos lectores, que fará a lectura que máis  lle preste.

Encoran as augas por baixo dos arcos do cai: lecer das barcas

Concordo con David Pérez Iglesias nesa aproximación ao haiku, non na forma, pero si no espírito. 

De verdade, non foi algo consciente, a propia esencia do formato levoume cara ese terreo. É curioso, este é un diario que se mantivo ao longo dos meses e experimentou distintos procesos e períodos, e quizais houbo momentos máis introspectivos, outros máis descritivos, outros máis opinativos, de intervención, pero sempre coa liberdade interior de non someterme a ningún formato previo. Se ti, ou David ou outro lector o identifica cos haikus non foi algo premeditado, hai un diálogo coa natureza, pero nunca me formulei escribir un haiku. 

Deixando de lado o haiku, ese diálogo coa natureza lévanos a pensar en Uxío Novoneyra e a esa natureza sentida. Aquí o poeta, dende esa atalaia que é Crosses Green transforma en verbo a emoción ante o que observa.

Afágame que me poñas ao pé de Novoneyra, de quen admiro moito a súa poesía. Interésame a vivencia da natureza, esencializar esa comuñón coa vida natural. Eu experimentábao así e intentei reflectilo coa mesma intensidade. Ao igual que no caso do haiku, non tiña presente dunha forma consciente á hora de escribir a Uxío Novoneyra, pero ao longo da miña poesía, tanto neste libro como nos anteriores, algo que me presta moito é a contemplación da vida natural, e é unha poética que me interesa noutros autores que son poetas da natureza e poetas da paisaxe. En lingua inglesa hai poetas moi celebrados neste estilo, e na nosa hai tamén moita poética da terra, do ruralismo, etc. Eu intento ir un pouco máis alá de todo iso...

O río é un camiño vello, preguizoso / que o leva todo cara o mar, / que a todos leva cara ao mar, cara ao esteiro

O río Lee asolaga nun sentido heraclitiano todo o poemario, pero en Diario de Crosses Green as beiras tamén teñen a súa importancia, o que permanece inamovible.  

A presenza do río Lee é inevitable en toda a cidade de Cork e por suposto é un dos grandes protagonistas do libro, vertebra case a totalidade deste poemario. No libro é evidente que está esa vontade de apreixar as augas do río, de deter o que é imposible de deter. Nese sentido podemos falar como unha metáfora arcaica pero realmente o río é unha presenza diaria, cotiá, vital, é algo máis que unha simple metáfora. Temos por unha banda o transcorrer, o movemento que chega ata o esteiro, que é o final, e por outra banda están as beiras. Penso que dalgunha maneira o primeiro poema que escribín deste libro titúlase Escuro lugar, trata dunha imaxe da cidade de Cork pero enfocada nas beiras, centrándome no que queda suspendido nas ribeiras lamacentas do rio. O Diario de Crosses Green foi medrando a partires dese texto.

Carol dixo: só unha vez o río olla os campo / as pontes, os almacéns vellos do porto / Nunca van cara atrás, as augas.

Estes versos reflicte moi ben todo iso que comenta.

Efectivamente esa é unha imaxe moi heraclitiana de transcorrer, de fluír. Intenteino transmitir especialmente na parte do diario, e que avanzara cara a construción dunha imaxe global dun tempo e dun espazo. Os poemas van en contrapunto dialogando con esa anatomía das augas, anatomía que acaba derivando tamén nunha anatomía do espírito. Había un poeta americano, do que non lembro o nome, pero que dicía que hai moitos temas na poesía, pero que seguramente todos poden resumirse nun, que sería a dialéctica que se establece entre o interior da persoa que escribe e o mundo exterior. Nesa dialéctica é onde eu atopo a poesía.

E esa mesma auga amósase en completa ambigüidade. Ben podería ser Eire, ben podería ser Noia e o Barbanza.

É unha ambigüidade sentida e de apropiación total dos espazos. Por moitos anos os meus espazos vitais foron galegos, e emocionalmente falando fórono Noia e a súa contorna. É algo que teño moi interiorizado. Síntoo así cando escribo e cando respiro. Nalgúns poemas intento conciliar o mundo irlandés (que xa é meu) con estoutro das orixes, isto aparece cando os teus referentes xeográficos deixan de importar a nivel visual e empezan a facelo dunha maneira sensitiva. Nunha entrevista falaba de que os poemas intentan instaurar unha visión sobre a paisaxe pero non soamente no plano físico senón tamén nun plano mental e emocional.

Ábrese aos ollos do lector, eufónicamente, unha galería de topónimos: Dingle, Fonforrón, Cobh, Arnela, Beamish, Orro, Lough, Lesende…  Fúndense o espazo xeográfico cunha xeografía das emocións.

Estas realidades que postas no papel poidan parecer contrapostas, ou que poden dar pé a esa ambigüidade da que falabas, para min non é nada ambiguo, é a miña vida diaria: esa convivencia natural de dúas facetas xeográficas pero tamén vitais. En inglés exprésase con moita claridade sobre esta multiplicidade cando falan de landscape cando se refiren á terra, pero tamén falan de seascape, referíndose ao mar, e cityscape para referirse a espazos urbanos ou mindscape cando o fan para referirse ás paisaxes da mente. O Diario de Crosses Green intenta xogar con esas ideas de que a paisaxe non é única senón que se pode definir de diferentes xeitos, e fronte a esa disxuntiva (que non o é en realidade) entre paisaxes galegas e paisaxes ou topónimos irlandeses para min é a esencia da miña vida diaria.

Saír da matria-berce aporta unha visión da que un non se decata ata que se ve arrastrado dese mundo onde está inmerso?

No meu caso si, pero é unha cuestión moi persoal e cada individuo vaina experimentar de xeito diferente. Iso expresouno moi ben Edward Said en canto á cuestión do exilio. El falaba do exilio como unha vivencia constante en contrapunto, onde sempre hai dous puntos que están en permanente dialéctica. Iso é exactamente o que experimentamos a diario os que estamos fora. De todos os xeitos eu levo tantos anos vivindo en Cork que esta cidade é o meu mundo, a miña casa, teño a miña vida moi asentada. Seguirei sendo por sempre un estranxeiro en terras irlandesas aínda que eu non me sinta como tal, estou integrado tanto no persoal como no profesional, e cada vez máis no emocional e no poético.

Lembro o caso de Avilés de Taramancos, sobre quen estudei moito. El viviu por vinte anos en Colombia e cando nos anos 80 regresa a Noia sinte o que el denomina “saudade revertida”. Saudade dende Galicia polas terras colombianas. Como eu aínda non regresei non teño esa experiencia de Avilés, pero tampouco teño unha saudade pola miña vida en Galicia nin por Galicia como concepto, porque está presente de maneira moi constante e daquela é inevitábel que agrome dalgunha maneira na miña obra.

Maria Mariño, Yeats , Ávilés de Taramancos, Patrick Kavanagh ou o citado Novoneyra son algúns dos nomes cos que dialogas en Diario de Crosses Green.

En realidade é un libro onde vou envorcando moitas das miñas preocupacións e teimas. As voces coas que dialogo na miña poesía son voces que van conxugando ámbitos territoriais e lingüisticos moi diversos, tal e como se reflicte nos poetas que nomeaches. En realidade hai momentos no Diario de Crosses Green no que se reflexiona sobre a propia construción poética, é dicir, o libro como un artefacto que é consciente do seu propio quefacer, da súa propia elaboración. Na escrita deste poemario, a parte da miña vida, das miñas experiencias a través da observación, tal e como dicía antes, o dialogo coa poesía e con outras voces é ineludible.

Como deter esa onda que asolaga a moradía / onde fica o xa perdido, onde habitan os recordos 

Como é o proceso de transformar a memoria en poesía? 

É lento, é un proceso lento. É un desenvolvemento que a min me gusta equiparar cos procedementos románticos, penso sobre todo na idea de William Wordsworth da poesía como a emoción relembrada na tranquilidade. Cando a emoción repousa, acalma, é cando se recupera. Volvendo a Avilés de Taramancos isto tamén está moi presente na súa poesía, a figura do paraíso perdido, da ollada cara atrás, a nostalxia... Estaba igualmente noutros libros meus, quizais a diferencia no Diario de Crosses Green é a contraposición entre esa mirada nostálxica cara atrás coa propia forza do rio, hai unha reflexión que vai dende a vida vivida cara a vida por ocorrer. En Ollos de ámbar definía a memoria como un arca quebradiza que está chea de semente, e o que temos que facer é meter a man na arca. É un proceso lento porque non xurde de maneira inmediata, o proceso de xermolar a semente as veces é devagar.

Chegou por fin o tempo/de abandonar o fluír desatado das correntes,/de entrar na cerna da vertixe/e ficar no amor

No último poema do libro, Oráculo, parece pechar unha etapa vital e poética. 

Son consciente de que co Diario de Crosses Green pecho unha etapa vital. Ese último poema, Oráculo, indica dunha maneira clara o final dun tempo e dun espazo. Acabou ese momento. De feito dende hai catro anos nin sequera vivo en Crosses Green, mudeime, quedou atrás e agora a miña vida transita por outros espazos xeográficos e vitais. Polo tanto, unha etapa vital si que queda pechada, a etapa poética non o sei. Penso que a miña poesía vai medrando de maneira orgánica e é difícil saber se pechei un ciclo ou se abro outro. De todos os xeitos penso que ese poema supón un final bastante optimista: inaugura un novo tempo.

Fáleme, por favor, e xa para rematar, da garza, cuxa presenza é constante no Diario de Crosses Green, aparecendo incluso na capa do libro.

A garza é unha metáfora do inmediato e do simbólico. A garza, en Cork, conviven de forma natural coa xente, teñen unha aclimatación moi grande. Paseas polas rúas e podes velas aí, quietas, como a garza que tan elegantemente fixo María Maquieira na ilustración da capa. A min como observador da vida natural gústanme moito as aves e a garza paréceme unha ave con moita personalidade. Nunha observación literal da vida é inevitábel que vaian aparecendo.

 

 

 Noia, 2016

 

Buscar en De actualidade >

Axenda >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
10
Data : 10/05/2018
11
Data : 11/05/2018
12
Data : 12/05/2018
15
Data : 15/05/2018
16
Data : 16/05/2018
17
Data : 17/05/2018
31
Data : 31/05/2018

Nestes días >

No upcoming event!

Exposicións >

No upcoming event!