Print this page

Cita en Fisterra (Xerais) de Luís Rei Núñez

Rate this item
(9 votes)

Hai libros que te chegan ata moi dentro, ata tocar a raíz da emoción; que premen no primixenio, na orixe. Somos o que somos polo paso sucesivo das xeracións, polo legado que nos deixaron, por todo o que os nosos antergos viron, tocaron e sentiron. Todo iso rodéanos, témolo aí, se alzamos a man somos quen de agarimalo.

Luís Rei Núñez nos presenta nesta Cita en Fisterra (Xerais) un libro raiano con moitos xéneros. Velaí está o libro de viaxes, a crónica, os testemuños... Pero tamén é un libro que explora a sentimentalidade das nosas orixes. Os devanceiros, a infancia e as amizades sincretízanse con esoutro patrimonio colectivo que moitas veces cústanos coidar e arrolar. Porque Cita en Fisterra é un libro que abrangue a alma da Costa da Morte. Amosa historia e historias, pero tamén unha paisaxe única, senlleira. Unha paisaxe moitas veces sometida ao maltrato. Por iso Cita en Fisterra é un canto ao ecoloxismo, á perdurabilidade dunha natureza que se nos mostra fermosamente indómita ante eses desmandos do home.

Un libro para contemplar e para sentir.

 




Aínda que o lector poida mergullarse nesta Cita en Fisterra coa idea de estar diante dun libro de viaxes –máis ou menos canónico, máis ou menos literario-, ese mesmo lector vai achar unha bitácora erguida coa forte carga sentimental e crítica conferida ao viaxeiro protagonista deste libro.

Hai case vinte anos fixen algo similar a Cita en Fisterra nun libro publicado pola editorial Ir Indo titulado Imán Fisterra. A miña idea era recuperar aquel texto, sometelo a unha corrección e engadir unha parte nova, a xeito de epílogo, onde se reflectise ese mesmo territorio vinte anos despois. O que aconteceu é que antes de introducirme coa revisión me puxen a escribir esoutra parte e decidín que era mellor facelo a través dun percorrido de sete días -sete xornadas- pola Costa da Morte. Isto excedeu á que nun principio era a idea orixinal e pasa a se converter en Cita en Fisterra, que responde ao mesmo impulso daqueloutro libro pero que a súa vez introduce moitas novidades. Cita en Fisterra é un libro máis seguido, máis fiado, onde os motivos para a queixa vinte anos despois son máis acentuados. Tamén pretende ser, ademais dunha viaxe literaria e dunha viaxe pola miña memoria individual e desa zona colectiva en particular, unha denuncia das agresións sometidas a unha paisaxe que deberíamos de coidar moito máis.


Este é un libro de paisaxes e de historia(s), pero tamén de persoas.

Hai moita historia nese “Condado do Solpor”. Velaí tes monumentos megalíticos, castelos medievais, pazos barrocos, tradición popular... Atopamos historia e atopamos paisaxe, todo xunguido con episodios da miña propia historia persoal e con amizades. Hai en Cita en Fisterra unha rede moi ampla de complicidades con xente desta zona que son moi importantes na miña vida. Pero tamén están os descoñecidos, que cando os coñeces pasan a formar parte do teu círculo.

Cita en Fisterra é un libro para a queixa pero tamén para a admiración, esa satisfacción ao ver cousas ben ideadas e ben feitas. Hai moitas cousas na Costa da Morte que pagan a pena.


No prólogo do libro El río del olvido outro gran viaxeiro como Julio Llamazares sinala que a paisaxe é memoria. Que Fisterra leva vostede na memoria?

Fernando Pessoa, na súa faceta de Bernardo Soares, ten unha cita que eu reproduzo nun par de ocasións onde ven dicir que “viaxar é existir”. Concordamos en que este non é un libro de viaxes no sentido xenérico; normalmente escríbese sobre sitios que o autor non coñece e aquí o territorio relatado é moi coñecido por min. Pero seguindo a Soares podemos dicir que o feito de erguerse cada mañá é unha viaxe ao longo desa xornada. Vai sumándose unha xornada tras outra e niso consiste a vida, vivir. A viaxe fana o viaxante, e a paisaxe é o que somos. Entón, nesa medida Fisterra é o que eu son, e espero que calquera que me acompañe neste periplo tamén sexa parte de Fisterra. Esa é a miña idea de viaxar.


Nunca sabes se vai ser a derradeira vez que vexas o que ves”. Denunciase en Cita en Fisterra o empeño do home por corrixir a natureza.

O home pode actuar dunha maneira emendable ou pode actuar dunha maneira contundente, sen volta atrás. Todo o que se constrúe normalmente queda. E precisamente iso é o que eu penso que está a estragar este territorio.

Borges dicía en El Aleph que se pode construír no ceo ou no inferno, e moitas veces construír ben e construír mal custa o mesmo. Creo que deberíamos chamar a atención sobre isto. Fagamos cousas que respecten uns mínimos e coido que non se pode corrixir iso ata que non teñamos a sensación de que nos estamos a danar a nós mesmos.


Cal é o papel dos diferentes poderes ante esa deleiba da paisaxe?

Eu non lle boto a culpa totalmente aos poderes. No franquismo o alcalde era nomeado polo Gobernador Civil, pero agora os alcaldes ponos os veciños cos seus votos. Se hoxe en día un alcalde prepara unha desfeita e sae reelixido é porque os veciños o votaron de novo para que siga a facer esas falcatruadas. A culpa éche de todos.


Os habitantes da Costa da Morte e de Galicia en xeral son conscientes de toda esa riqueza que posúen?

Hai cousas e actividades económicas que a sociedade demanda. Se me din “Imos instalar en tal sitio unha factoría que dará emprego a X miles de persoas”, ante iso podes pensar en buscar un lugar idóneo deixando un pouco de lado o impacto que poida ocasionar. Pero cando a compensación é tan ínfima en comparación co dano que se fai entón si que temos que nos rebelar. Se por exemplo unha piscifactoría emprega o mesmo persoal que un barco de baixura... iso non compensa. Paga a pena cando se benefician desa actividade económica un número amplo de persoas, cando ese beneficio que rende á colectividade é maior que o dano que lle causa.

Conviría, ademais, non dar por bo todo o territorio, senón ordenado. Destinar os territorios a diferente usos. Iso beneficiaríanos a todos e converteríaos en máis atractivos ante os demais. Por iso coido que unha das grandes bazas coas que debería de contar a Costa da Morte é co turismo. E non calquera, senón un turismo de xente á que lle di algo o mito de Fisterra, por exemplo. Cada vez hai unha cantidade máis ampla de xente que fai o Camiño de Santiago e considera que para completalo ten que chegar ata Fisterra. En calquera época do ano ves peregrinos e non deberíamos defraudalos. Eles arriban a Fisterra cunha idea establecida polo paso sucesivo das xeracións; unha publicidade gratuíta e acadada co paso dos anos. Habería que facer as cousas cun pouco de sentidiño, porque ese tipo de xente receptiva ao engado fisterrán demanda algo máis que o que pide xente que vai a outros lugares tipo Benidorm.

Creo que agora damos por boas unha serie de cousas que a xente non parou a pensar nelas, e se a literatura pode axudar a tomar consciencia disto benvida sexa.

 

Literariamente Cita en Fisterra é un libro raiano con diferentes xéneros: novela, viaxes, reportaxe, debuxo, fotografía, crónica, poesía, xornalismo, etc… Que supón este libro respecto á visión de Fisterra que tiña en obras anteriores?

Este é un libro máis de madurez. É un libro de viaxes, da paisaxe, onde se recollen testemuños, é un libro doutros libros e de lecturas... Cita en Fisterra toca moitos paus pero foi medrando dun xeito moi natural. Cada unha das páxinas teñen un coidado moi especial pero tamén deixei que foran xurdindo sobre a marcha, sobre todo o que ía atopando.


Contra o final de Cita en Fisterra hai unha cita onde expresa que “A literatura galega necesita saír máis ó aire libre”. Sempre se reclamou que a literatura galega fose máis urbana e menos rural. Temos que volver de novo a esas raíces literarias?

Poderíase dicir que a literatura galega nace ao abeiro do nacionalismo, e o imaxinario nacionalista por excelencia é rural e agrario, polo que a Costa da Morte -agás o precedente de Manoel Antonio- sae dese mundo por ser zona máis mariñeira que rural. Máis adiante, co éxodo do rural e cun maior peso das cidades empeza a se reclamar máis a presenza das cidades na nosa literatura. Todo vai asociado.

E agora estamos no polo oposto, a meirande parte dos escritores residen na cidade, desenvolven o seu labor profesional nun ámbito urbano e ese é o mundo que retratan nos seus libros. Creo que volta chamar a atención para un retorno as orixes, pero feita dende a mirada e a mentalidade de hoxe. Penso que sería bo para a literatura galega escribir tendo un pe no urbano e outro pe no rural. Axudaríanos a coñecer e a ter consciencia desoutro mundo que temos aí tan preto de nós.



Santiago de Compostela. Febreiro, 2012