Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Carlos Casares. Un contador de historias (Galaxia) de Henrique Monteagudo

Rate this item
(7 votes)

Moitos lectores parabenizamos a elección de Carlos Casares para o Día das Letras Galegas deste ano. Estamos ante un escritor que abrangueu moitos espazos literarios, como o ensaio, a literatura infantil, o xornalístico, pero especialmente lembramos de Casares o feito de ofrecernos algunhas das mellores novelas galegas da segunda metade do século XX. Bo exemplo disto son Xoguetes pra un tempo prohibido, Ilustrísima ou Deus sentado nun sillón azul, por destacar só algunhas.

Pero a figura de Casares transcendeu a súa vertente literaria en parte por mor da súa necesidade de servir ao país. Velaí están as súas facetas como político, como membro da Real Academia Galega, presidindo a editorial Galaxia ou o Consello da Cultura Galega, escribindo o seu artigo diario para o xornal, etc...

E todo isto é que nos presenta en Carlos Casares. Un contador de historias (Galaxia) o profesor e académico Henrique Monteagudo, fondo coñecedor da obra de Casares, con quen mantivo ademais unha estreita relación de amizade e laboral. Estamos ante un libro breve, doado de ler e moi ilustrativo. Monteagudo repasa as diferentes etapas vitais do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas intentando descifrar as claves vitais e intelectuais de cada época. Estamos ante un libro que se afasta dun estilo academicista pero que supón un inmellorable primeiro contacto tanto coa figura de Carlos Casares como da súa obra.

 

Nun breve ensaio de Carlos Casares sobre Torrente Ballester que agora ven de publicar Galaxia*, Casares afirma que “cando teño que falar de Torrente atópome cunha dificultade, a de separar o escritor [...] da persoa a quen eu tratei como amigo durante tantos anos”. Pasoulle a vostede algo semellante á hora de abordar este Carlos Casares. Un contador de historias, tras manter con Casares unha estreita relación tanto persoal como profesional?

Casares repite esa mesma idea que ti comentas sobre varios escritores que aparecen nese libro, como do mencionado Torrente Ballester, de Ánxel Fole e incluso de Manuel Luís Acuña e Rafael Dieste, que son figuras que se non as coñeces en persoa pérdese moito.

E ao igual que eses personaxes dos que el falaba en O expreso da literatura e outros ensaios, Carlos Casares foi unha persoa que pagaba moito a pena coñecer. No meu caso eu tiven unha relación con el de amizade e de traballo e foi unha auténtica fortuna que me deu a vida coñecer a unha persoa como Carlos.

*O expreso da literatura e outros ensaios (Galaxia, 2017)

Á hora de afrontar a escrita deste libro foille moi complicado separar a parte científica da parte humana, da relación persoal?

Cando realizas un traballo deste tipo, de carácter biográfico, tes que ter moito coidado, á hora de escribir, de non apaixoarte en demasía, e máis cando mantiveches unha relación co autor. Tamén é fácil que te deixes levar polo coñecemento que ti tes desa persoa e que non está ao alcance da meirande parte do público.

Cando eu empecei a escribir Carlos Casares. Un contador de historias a miña idea era intentar explotar o coñecemento que eu tiña da persoa. Moitas das cousas que eu conto no libro escoiteinas a el directamente, pero era consciente de que tiña que ter moito coidado de non guiarme tan só polo que el dicía, porque Carlos elaboraba moito, tanto nos seus escritos como falando. Pero a dicir verdade, cando realizas un traballo biográfico sempre hai un desafío, sexa a persoa que sexa.

De todos os xeitos, no caso desta biografía trato moito máis sobre aspectos iniciais da súa vida, que é un período no que eu non o coñecín e do que eu aprendín despois da súa morte. Dos anos que eu o tratei falo de aspectos persoais máis ben pouco. Esta é unha estratexia que seguín para evitar eses perigos aos que facía referencia.

Na primeira parte de Carlos Casares, un contador de historias, vemos como xurde nel a capacidade de asombro neses anos: a fascinación polas historias, o contacto coa natureza, as longas tempadas co seu tío o abade de Beiro... No caso de Carlos Casares, e parafraseando a Octavio Paz, o misterio da vocación literaria ten que ver coa infancia?

Unha das cousas que eu descubrín escribindo este libro é que a infancia e a adolescencia foron moi importantes para Carlos. E si, totalmente, estou convencido de que a vocación literaria tena dende pequeniño, velaí está, por exemplo, a anécdota de El Averno, a revista que fai nos seus anos no Seminario. Cando Carlos chega a Santiago ten clarísima a súa vocación literaria. Curiosamente primeiro tivo unha inclinación cara á poesía, aínda que creo que por sorte acabou desviándose á prosa.

En Casares o pasado fala nos seus libros. Vemos como moitas das súas obras veñen inzadas de sucesos daqueles anos, como se a súa escrita non tivera dereito ao esquecemento.

En toda a obra de Carlos Casares habitan moitos elementos da súa biografía e sobre todo da súa biografía temperá. Logo dunha primeira lectura das súas obras eu non reparara niso, agás en casos moi evidentes como Xoguetes pra un tempo prohibido ou en Deus sentado nun sillón azul, por elementos que eu xa coñecía del e por outros que el nos contara, pero no resto da súa obra non tiña reparado ata que punto na súa escrita hai unha penetración na súa memoria, especialmente da infancia, ata que o coñecín moito máis e tras novas relecturas da súa obra.

A segunda parte do libro (Soños prohibidos) coincide coa súa chegada a Compostela a comezos da década dos 60. Dese período na capital de Galicia poderíamos resaltar dous aspectos importantes: a formación intelectual e a formación como escritor. Da primeira destacará especialmente unha loita contra o dogmatismo nunha universidade moi polarizada politicamente. Unha contenda que levará por bandeira ao longo da súa vida, segundo se desprende neste libro.

É un tema seu, eu non descubro nada. Casares insiste moitísimo niso e por outra parte despréndese claramente da súa obra.

Carlos estivo residindo en Santiago durante dous cursos, no 62-63 e no 66-67, pero el é moi consciente do que quere facer. No primeiro curso participa nas Festas Minervais, onde acada o terceiro premio; participa na primeira festa de celebración das letras galegas que fai a Universidade de Santiago e os poemas que le aí aparecen logo no número 1 da revista Grial; participa tamén na inauguración da Fundación Penzol... Nos grandes fitos culturais dese ano podemos ver como Casares sempre anda aí polo medio.

E o 66-67 é un curso de espertar no mundo estudantil, e el tamén estará aí, como cando Raimón ofrece o recital no estadio da residencia e Carlos, xunto a Salvador García-Bodaño, realizan a tradución ao galego das letras do cantautor valenciano. Casares ten a visión de aproveitar as ocasións. Por iso digo que vexo na súa figura a unha persoa con moita claridade de ideas desde moi cedo.

O caso do dogmatismo é un leitmotiv constante, era un aspecto que o singularizaba no panorama da esquerda, sobre todo ao comezo. Na entrevista que mantivo con Freixanes en 1975* Carlos fala sobre algúns aspectos que agora poderían resultar máis ou menos banais pero que naquel momento soaba un pouco excéntrico, como cando se reivindica como unha persoa antidogmática. Se ti ves a tradición da esquerda, endurecida na resistencia á ditadura e nunhas condicións moi difíciles, vías que esa esquerda tiña unha posición moi dogmática.

De todos os xeitos, todo o episodio compostelán plasmeino máis a fondo no libro Casares e Compostela, que acaba de publicar a Universidade de Santiago para celebrar o Día das Letras. Eu fixen unha parte dese libro e desenvolvín máis este episodio.

*E publicada un ano despois no libro Unha ducia de galegos (Galaxia, 1976)

Na parte literaria, aínda que comeza coa poesía, xa dende o seu primeiro libro, Vento ferido, parece ter moi claro cara onde quere ir coa súa narrativa: achegarse ao lector. De feito, nesa entrevista con Víctor F. Freixanes do ano 75 Casares recoñece que ese primeiro libro seu é unha contraposición a un Gonzalo Rodríguez Mourullo moi en boga na época, pero autor dunha literatura cun difícil encaixe entre o público maioritario.

A Carlos non lle interesa a literatura que estaban facendo nese momento os Mourullo, Ferrín ou Queizán. Todo o que se deu en chamar Nova Narrativa Galega. Non lle interesa unha literatura hermética, excesivamente simbólica, desapegada da realidade. El quere unha literatura moito máis próxima á realidade galega, sen ser unha literatura realista. Coido que iso lle ven de Pavese e da evolución que tivo o neorrealismo italiano na literatura e no cinema. Unha literatura, unha arte comprometida coa realidade pero non segundo unhas pautas do socialrealismo que non era do seu gusto para nada.

Carlos consideraba que a realidade galega necesitaba dunha expresión artística que non tiña na literatura. El tiña como desafío gañar un público para a literatura galega, niso foi un visionario. El entende a literatura como un acto de comunicación e non concibe unha creación literaria sen un público. Tivo isto clarísimo dende o primeiro momento, a pesares de que recibirá moitas críticas, que se o seu galego era moi castrapista, moi fácil, que non era un galego depurado... E non é que el non soubera, simplemente non quería. Non desexaba levantar unha barreira co público. El quería que o lesen por gusto, porque ao lector lle apetecera ler, non por un acto de militancia. Tamén hai que situarse historicamente no momento, onde a literatura galega é unha literatura militante, que sobreviviu durante o franquismo apertando filas. Casares mira cara ao futuro, vía a necesidade de crear unha literatura destinada ao gran público. Por iso tamén o seu interese de colaborar en prensa. El mantén un desafío consciente respecto a este tema ata o final.

En Compostela Carlos Casares vai coñecer a Ramón Piñeiro, de quen profesará unha fonda admiración ("Nunca admirei tanto a ninguén, o mesmo desde o punto intelectual que do humano", recolle vostede no libro). Aínda que cos seus altibaixos, Piñeiro vai colocar a Casares na órbita de Galaxia. Que supuxo para o mozo Casares este feito?

Ramón Piñeiro daquela era unha especie de oráculo galeguista para a xente moza. Ten en conta que daquela o único traballo que tiña Piñeiro era como editor de Galaxia, isto supoñía que os benefactores da editorial lle pagaban un soldo para vivir cunha grande austeridade. El estaba entregado en corpo e alma a Galaxia, aos contactos coa literatura galega de fora, velaí está o seu enorme epistolario, e tamén atraer a xente moza, do ambiente universitario, para a literatura galega. Piñeiro foi creando unha escola de seguidores, que empataron coa súa figura, pero o de Carlos foi un caso especial, porque houbo unha sintonía persoal moi grande entre os dous. Eran dúas persoas onde se xuntaron unha intelixencia extraordinaria, unha bondade extraordinaria e unha vocación de servizo ao país extraordinaria. Estoica e austera no caso de Piñeiro, doutra forma no caso de Casares... pero si, eles dous tiveron unha compenetración moi grande.

A terceira parte do libro (Vento de cambio) principia coa morte do ditador e o novo horizonte político que se abre tanto en Galicia como no estado español. De feito, Casares formará parte, aínda que como independente, do PSOE-PSdG nas eleccións do ano 1981. Tiña máis afinidade Carlos Casares co PSdG que cos partidos galeguistas que se presentaron a esas eleccións? Lendo Carlos Casares, un contador de historias parece que foi máis unha decisión de Galaxia que do propio Casares.

Casares tivo unha evolución ideolóxica bastante común no seu tempo e nel podemos destacar dous aspectos: por unha banda Carlos parte dun cristianismo social que se foi facendo cada vez máis comprometido en tempos do Concilio Vaticano II e que engancha con todo ese movemento da teoloxía da liberación, e por outra banda o contacto que vai ter con Suecia* será fundamental: Vai ser un socialdemócrata absolutamente convencido. Con todo isto que acabo de sinalar podemos ver por que el probablemente se sentira máis cómodo na órbita do PSdG. De todos os xeitos, esa operación nas eleccións do ano 81 prodúcese nun momento de salvación da autonomía. Ramón Piñeiro, que será o cerebro político de todo iso e non Galaxia, está convencido de que o nacionalismo non vai ser eficaz para construír a autonomía galega. De feito, o groso do nacionalismo era contrario á propia autonomía, instalados nunha posición moi radical, e no propio electorado galego tampouco existía un apoio para partidos galeguistas. Piñeiro presentárase no ano 77 na Candidatura Democrática Galega  ao Senado, unha candidatura creada por practicamente toda a oposición democrática do país para lle facer fronte á UCD. A experiencia sáldase cun rotundo fracaso. Na provincia da Coruña só sae elixido Iglesias Corral (que logo se pasaría á UCD), por Pontevedra sae Valentín Paz Andrade, pero na de Lugo, onde Piñeiro vai canda Isaac Díaz Pardo, sacaron pouquísimos votos. O nacionalismo tampouco saca nada, en Galicia os votos son para os partidos estatais. Daquela Piñeiro pensa que sen un pacto coas forzas estatais non haberá nin un estatuto nin un desenvolvemento autonómico aceptable para Galicia. Por iso, algunha xente de Galaxia irá á UCD, como Marino Dónega; Gerardo Fernández Albor, que sen ser do núcleo duro si é afín a Galaxia irá por AP; e eles, que sen ser militantes agás del Riego, van polo PSdG. A idea era sacar adiante unhas leis consideradas básicas e fundamentais para que a autonomía galega tivera un mínimo de contido político, como a Lei de Normalización Lingüística, a lei do Consello da Cultura Galega, etc. Carlos Casares déixase ir grazas a súa afinidade co PSdG como partido socialdemócrata mentres que no nacionalismo el vía que a corrente socialista derivaba cara un radicalismo co que el non concordaba. Digamos que foi unha aposta de realismo, de pragmatismo.

*Hai que lembrar que a muller de Carlos Casares, Kristina Berg, era dese país [Nota do transcriptor] 

Non repetiría a experiencia nas seguintes eleccións.

Nas seguintes eleccións non repetiu Carlos nin ninguén dos que foron con el, agás Alfredo Conde. Carlos comentaba que lle ofreceron volver nas listas, pero dicía que de facelo xa debería de afiliarse ao partido, xa que non tiña sentido volver presentarse como independente. El explicaba que presentarse daquela vez tiña moito de compromiso para acadar uns obxectivos moi concretos, pero realmente non tiña vocación política.

Nesa época Carlos Casares dá ao prelo algunhas das súas novelas máis exitosas, como Xoguetes pra un tempo prohibido, Os escuros soños de Clío ou Ilustrísima. Sinala vostede neste libro que tanto os lectores coma os críticos acompañan con fervor as creacións literarias de Carlos Casares. Cales serían para vostede as características das obras de Casares para que tiveran esa gran aceptación por parte do público e da crítica?

As obras de Casares teñen unha lectura distinta. Cando saíu Vento ferido tomouse como emblema dunha nova literatura en galego nun momento dun grande auxe do movemento estudantil. No caso de Xoguetes pra un tempo prohibido houbo toda unha xeración que se identificou con esa traxectoria vital que se conta na novela: a infancia durante o franquismo, a experiencia da universidade, etc. E no caso de Os escuros soños de Clio e sobre todo Ilustrísima, da que moita xente di que é a súa novela preferida de Casares, son obras moi doadas de ler.

Creo que é un autor co que o lector empatiza e ademais é un escritor moi orixinal, velaí está Os mortos daquel verán onde introduce o tema da memoria histórica cando aínda non estaba de moda.

Por outra banda Carlos Casares vaise facendo un nome, tanto polo seu labor como columnista en La Voz de Galicia como nos medios en xeral, e unha novela co seu nome era garantía de que ía ser unha boa novela. Era un home que xeraba unha grande simpatía entre a xente. Escoiteino, non a el pero si a xente de Galaxia, comentar que Casares era o autor que máis libros vendía, incluso máis que Castelao ou Cunqueiro.

Nesa década dos 80 parece canonizarse literariamente a Casares como escritor. Faltaban referentes nun momento no que os escritores da Xeración Nós e de preguerra van falecendo?

Para os lectores a novela é o xénero máis importante, e como novelista Carlos Casares non ten parangón. El fai da facilidade de lectura, do esforzo por comunicar, un elemento principal nos seus libros.

Tamén se buscaban novos referentes, porque os máis clásicos estaban mortos. Morrera Otero Pedrayo, morren Cunqueiro e Celso Emilio [Ferreiro]...  e Carlos Casares vai ofrecer unha literatura onde conxuga unha alta calidade literaria cunha lectura relativamente accesible. El tiña moi claro, e facíao sen complexo ningún, de que unha literatura doada de ler non tiña por que ser unha literatura de baixa calidade.

De todos os xeitos, se te decatas, el nas súas novelas fai unhas apostas técnicas bastante complexas, incluso en Ilustrísima, que pode que sexa a novela de maior aceptación. Realmente é un escritor moi sofisticado, aínda que nos engane coa facilidade de lectura.

Vemos que a creación de Casares sufre un impás na década do 80, dende Ilustrísima que publicou precisamente en 1980 ata Os mortos daquel verán (1987) non publicou nada. Supeditou conscientemente a súa creación literaria a todo o que estaba a vivir neses momentos? O traballo cultural que viña desenvolvendo en diferentes eidos devorou ao creador?

Non creo. El publica en pouco tempo Xoguetes pra un tempo prohibido, Os escuros soños de Clío e Ilustrísima, e logo de Ilustrísima a Os mortos daquel verán pasan seis ou sete anos. Máis tempo pasa desde Os mortos daquel verán ata Deus sentado nun sillón azul, case nove anos. E tampouco é que non escribira, porque todos os días sacaba o seu artigo en prensa.

El gastaba unha especie de snobismo de lacazán, de que perdía moito tempo por aí, que andaba moito na moto, gustaba de parolar... pero era mentira. Moitos tragábamos con iso de que Carlos papaba moita mosca, pero logo, cando comprobas todo o que fixo, asómbraste! O que pasa é que Carlos practicamente non durmía. Podía estar contigo de tertulia ata as catro da mañá e estar en pé ás sete. Durmir é unha perda de tempo, dicía.

Realmente Carlos traballaba moito. Acontece que el era un escritor lento e moi perfeccionista. Alí na Fundación Casares, no seu arquivo, de capítulos de libros teñen ata once versións. Detrás desa aparente facilidade que vemos nos seus libros á hora de lelos hai un traballo enorme. El tiña aquilo de que escribía porque lle gustaba escribir pero tamén tiña moi claro que non quería levar unha carreira estritamente literaria, porque ben sabía que a literatura galega non daba para vivir dela. Tiña que ser profesor, facer outras cousas.

No último número de Grial* aparece unha entrevista con Casares feita por María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo. Na mesma o noso autor dá a entender que está a traducir algúns grandes clásicos da literatura (A illa do tesouro, As viaxes de Gulliver ou Alicia no País das Marabillas) para un público xuvenil, orfo de lecturas na escola. Estaba Casares condicionado dalgún xeito, á hora de escribir, non tanto sobre o que el quería, senón polo que el pensaba que necesitaba daquela o sistema literario galego? Ten Casares unha loita interna entre compromiso versus liberdade do artista?

El ten esas dúas vertentes. Na década dos 80, dentro desa vea visionaria que el tiña, decátase de que a literatura galega precisaba dunha literatura xuvenil. E mentres non a tiveramos, traduciriámola. Son cousas que el vai vendo dende moi pronto. Ten en conta que el xa publicara A galiña azul no ano 1968.

Polo que preguntas, sobre se Carlos se subordina á hora de escribir, a miña resposta é que non agás na literatura infantil. Xa o ten dito el, fíxoa porque pensou que era necesario facela.

El no groso da súa obra literaria escribe o que lle peta, sen ningún tipo de condicionamento. Outra cousa é como dicía co tema infantil, e incluso atreveríame a afirmar que co xornalístico tamén. No caso de Á marxe moita xente criticouno por non se implicar máis en determinados temas, o feito de non facer crítica, que se mantivera, precisamente, á marxe. Pero no caso da súa colaboración en prensa Casares quere que o lea todo o mundo. Unha das súas preocupacións é que estaba habendo unha identificación, na mentalidade da xente, entre o galego e o nacionalismo, a protesta. El pensaba que iso non era bo para a lingua, que a xente tiña que asociar a lingua como unha cousa máis normal, amable, simpática. É unha opción que el toma. Non é que Casares decidira lavar as mans e non meterse en problemas. Creo que cando se lle critica esa columna é inxusto que non se lle teña tamén esoutro aspecto. Outra cousa é que che guste ou non o que el escribe, pero eu entendo perfectamente cal é a aposta que el fai.

*Grial 213. Xaneiro, febrerio, marzo 2017.

Desta época son as súas últimas dúas novelas: Deus sentado nun sillón azul e O sol do verán. Cara onde navegaba a literatura de Casares nesa derradeira etapa da súa vida?

Deus sentado nun sillón azul é sen dúbida a súa obra máis importante e unha das grandes novelas galegas do século XX. E se xustamente antes estabamos falando de que na columna Á marxe Casares non se implicaba moito, Deus sentado nun sillón azul ten unha carga de compromiso intelectual, de lectura da realidade política, moi fonda.

Eu creo que o arco central da traxectoria narrativa de Carlos, o que vai dende Xoguetes pra un tempo prohibido ata Deus sentado nun sillón azul, coa paréntese de Os escuros soños de Clío, ten unha grande unidade de contido, de sentido. Son libros que conteñen, como dicía Castelao, as tres pragas: clericalismo, militarismo e capitalismo.

Pero O sol do verán, a derradeira novela de Casares, racha con todo iso, rompe con todo o anterior. Incluso no sentido de volver atrás e vivir o que non viviu. É un pouco de liberación persoal. E ten en conta que agora lemos O sol do verán como a súa derradeira obra, pero dadas as circunstancias nas que morreu el non pensou que O sol do verán fose a ser a súa derradeira novela. Non sabemos o que viría despois...

Contra o final de Carlos Casares, un contador de historias sinala que durante a década dos 90 a dimensión pública de Casares medrara de forma extraordinaria, tanto en Galicia como fora dela. Tras a súa prematura morte, que podería ter feito un home que nos deixa con tan só sesenta anos e que estaba na plenitude da súa actividade pública, intelectual e literaria?

É realmente difícil sabelo. Creo que Carlos estaba pouco a pouco sentíndose cada vez máis afogado polas súas responsabilidades públicas. Pode parecer dende fora que el vivía nun momento de auxe, pero realmente estaba un pouco abafado, todo lle pesaba. El cría, el estaba convencido, de que tiña que facer todo iso, non quero dicir que non lle gustara, pero el tiña a sensación de que estaba envellecendo e que ter tanta responsabilidade sobre el... é que el gustaba de facer o que lle petaba! Nun infarto o primeiro factor de risco é xenético, indubidablemente, pero tamén é certo que Carlos era un home que estaba sempre a cen por hora, que non descansaba, con moito estrés. Tocoulle vivir uns anos complicados, era o tempo do fraguismo, era insoportable, un período de putrefacción, de parálise política, o nivel de miseria cultural que se estaba impoñendo no país. E Carlos tiña que tragar con aquilo porque tiña que tragar. Era o director de Galaxia, era o presidente do Consello da Cultura Galega e sentía a responsabilidade de ter que estar aí, pero non estaba nada contento con esa situación. Tiña que apandar con moita trangallada sen poder dicir nada. Dígoche isto porque me resulta difícil de saber que viría despois, se Carlos racharía e diría “ata aquí cheguei, eu xa cumprín” e se dedicaría a outras cousas máis tranquilas. Pero el estaba nunha encrucillada persoal onde pesaba moito a responsabilidade e é moi difícil saber cara onde tiraría. É a miña opinión.

Entrando na súa faceta como académico da Real Academia Galega, e tendo en conta que o xénero máis consumido polas lectoras e os lectores é a novela, pensa vostede nese sentido que foi un acerto a elección de Carlos Casares para o Día das Letras Galegas? Creo que dende o ano 1997 con Ánxel Fole non se lle volveu dedicar a un novelista esta data.

Eu creo que a elección é afortunadísima e oportunísima. As letras galegas necesitan de público, de lectores. Manuel María é, por exemplo, un autor moi difundido, tanto os seus libros como os seus poemas como a utilización de poemas seus para cancións. Pero tamén é certo que a poesía é unha literatura máis minoritaria se a compraramos coa narrativa.

Cando se fixo a elección do Día das Letras eu tiña moi claro que a escolla de Casares era moi oportuna porque as letras galegas necesitan aire, necesitan chegar á xente e Carlos Casares é un bo autor para ese propósito. Pero seica na cuestión que formulas ti, sobre os poucos narradores dos últimos anos, penso que reflicte o feito de termos unha literatura máis poética que narrativa. Quizais non agora mesmo, pero anos atrás si.

De toda a obra de Casares, a nivel persoal, cal salientaría?

Dende logo, como dixen antes, para min a obra máis interesante é Deus sentado nun sillón azul, aínda que tamén gusto moito da súa obra ensaística, a cal me parece moi atractiva. Da narrativa gústame toda, incluso as obras das que el non estaba convencido, como Cambio en tres, que me parece moi digna e de lectura deleitosa.

Para rematar, un bo epitafio para Carlos sería este co que subtitula o libro: un contador de historias?

Si, pero el fixo un epitafio, moi camusiano, que reproduzo no libro, cando ía nunha viaxe por Europa no Expreso da Literatura: “Aquí xace alguén que nunca quixo morrer, e que tivo sorte de nacer home, non deus”. Os que o coñecemos sabemos que iso expresa moito del, era un home que non quería morrer porque amaba a vida por riba de todo.

 

 

 Bertamiráns (Ames), maio 2017

 

Buscar en De actualidade >

Axenda >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
8
Data : 08/11/2019
15
Data : 15/11/2019
16
Data : 16/11/2019
27
Data : 27/11/2019

Nestes días >

No upcoming event!

Exposicións >

No upcoming event!