Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Conversamos con... Xurxo Sierra Veloso

Rate this item
(2 votes)

xurxo_sierra_velosoXurxo Sierra Veloso séntese abraiado cando lle definen como escritor, e abofé que a súa traxectoria literaria lle permite ostentar ese privilexio con maiúsculas. Cun brillo nos ollos e o sorriso perenne, Sierra Veloso vai debagando nesta conversa a súa obra desde o xerminal e adolescente Os ollos do rei de copas ata o seu recente Os nomes do traidor, pasando por Licor de abelá con xeo e por esa pequena alfaia que foi Os mércores de Fra.

Afastado dun discurso filosófico ou moralizante, a súa prosa consegue engaiolar ao lector desde a primeira á última páxina, conducíndoo a través dunha lectura compulsiva ata pechar o libro desexando, na penúltima páxina, que aínda non remate a súa historia...




 

Fervenzas Literarias: Publicou Os ollos do rei de copas (Cumio) con apenas vinte e cinco anos. ¿Qué o que se sente con esa idade ver o seu primeiro libro nos andeis das librarías?

Xurxo Sierra Veloso: Creo que é unha idade moi prematura para ser consciente do que un acaba de facer, pero por fortuna eu son o suficientemente inconsciente para non decatarme moi ben das cousas que fago.

Para min foi o final dun proceso. De rapaz, cando tiña dez ou once anos, non sabia moi ben que quería ser de maior, pero si tiña claro que me gustaba escribir e que algún día querería publicar algo. Cando Carlos Blanco (que en paz estea) me entregou, nunha bolsiña de plástico, os vinte e cinco primeiros exemplares d’Os ollos do rei de copas, de primeiras sentinme un pouco intruso, cunha sensación que aínda permanece en min. Pero ao mesmo tempo foi unha satisfacción moi grande, porque era o culminación dun soño: escribín unha novela e ademais publiqueina.

Ao mesmo tempo éncheste de responsabilidade porque decontado sentes que tes que seguir, hai moitas historias na cabeza que piden ser escritas.

Supoño que a palabra que resumiría todo aquilo foi confusión. Creo que se nota que é a novela escrita case por un adolescente. Os ollos do rei de copas foi a novela inicial, chea de inseguridades, pero tamén digo “bendita inxenuidade”. Eliseo Pelán é o contrapunto de todos os personaxes que viñeron despois. El é un cándido, unha persoa que vai pola vida cunha inxenuidade e unha inocencia abraiantes, que cre no ser humano; non como todos os que virán despois. Todo o “bo” que podería haber en min metino no personaxe de Eliseo Pelán.

 

Nese libro xa aparecen detalles que se verán nas vindeiras entregas: como as obsesións dos personaxes, un humor sutil, uns halos que referencian á novela negra, a soidade na que viven os protagonistas, entretecer historias que se xuntan nun punto da novela...

Esas son cousas que, alarmantemente e ao meu pesar, se repiten moito no resto das miñas novelas. É certo que volven temáticas como a obsesión: a obsesión de Eliseo polo amor de Mabel, a de Fra pola morte, a de Delanuit con esa persecución…Todas as súas vidas se reducen por mor de algo que os comprime, que lles impide ver o que hai máis alá, e iso é algo típico de todos os meus protagonistas.

Outro dos factores que creo que se repite, agás en Os mércores de Fra (Sotelo Blanco), é o multiperspectivismo. A min gústame moito ver a vida, as cousas que suceden… e facelo desde diferentes ópticas, con diferentes personaxes. Ver a mesma cousa desde diferentes perspectivas. É o meu xeito de ver a vida e procuro transmitir iso aos meus personaxes; o malo é que eles, coitados, están tan obsesionados co asunto que sexa que non dan vivido conforme é debido.

 

Outra referencia utilizada a posteriori é o tema da espera ou da agarda. En Os ollos do rei de copas Eliseo Pelán espera por un amor non correspondido, o amor de Mabel.

Si, están todos agardando. Todos os personaxes das miñas novelas están esperando por un acontecemento que os libere de si mesmos, un acontecemento que os faga estoupar, que os libere, que lles dea a vida. Uns personaxes que agardan por ver que lles sucede, e ao final non pasa nada. Na vida cotiá á propia xente sucédelle iso. Estamos obsesionados con algunha cousa concreta e por culpa diso renunciamos a outra vida, algo bastante irresoluble, porque se escolleramos outra vida tamén teriamos que renunciar a outra diferente.

Pero ben, os meus personaxes son así. Nun futuro gustaríame escribir un libro totalmente diferente, cuns personaxes que non estean tan atrapados, supoño...

 

Eliseo sente cara Mabel un amor forte de adolescencia... que quizais está reflectido no libro, por mor da idade coa que o escribiu, dun xeito máis tanxible, máis real: un amor intenso, cegador, que oprime ao amante, obsesivo... un amor levado a tal límite que é o que lle impide conciliar o sono a Eliseo neses catro anos de ausencia da amada. A idade axuda á creación dos personaxes? Polo menos, Os nomes do traidor (Xerais) creo que é a súa novela máis madura.

Agora non podería contar un amor coma o de Eliseo, daquela déronse iso da idade que comentas e as circunstancias adecuadas para expresalo. Algunha xente di que se trata dun libro moi autobiográfico e eu contéstolles que en parte si e en parte non. Un personaxe non é o trasunto dunha persoa real, pero non cabe dúbida de que eu escribo sobre min, das circunstancias da xente que me rodea, mesturadas coa ficción, por suposto. Mabel, por exemplo, é un collage de varias persoas que coñecín. Iso contribúe a darlle un ar de misterio, ninguén sabe onde está Mabel; hai xente que me din que Mabel non existe, que é un invento de Eliseo Pelán; gústame moito esa interpretación.

Tamén é certo que agora non podería escribir un amor coa pureza e a sinceridade de Eliseo. Cos meus case corenta anos escribo sobre cousas que lle suceden ás persoas da miña idade.

 

Ao longo de Os ollos do rei de copas sucédense paralelamente dúas historias: por unha banda a desaparición do Cristo da Victoria e por outra a historia de Eliseo. Ámbalas dúas historias conflúen, na parte final, nunha explosión de liñas argumentais dos personaxes que aparecen na novela e o toque un chisco surrealista con que remata a historia. Rebeldía ou unha licenza de xuventude? Serían recursos que utilizarías hoxe en día?

Ese capítulo contrapuntístico de todos os personaxes, ese estoupido final... non sei se o faría hoxe. Naquel momento parecíame a solución perfecta, aínda que co tempo pareceume unha solución demasiado precipitada. Eu creo que hai moitas novelas que se botan a perder por un final moi apresurado (empezando polas miñas). Dá a sensación de que o escritor se ve atrapado e non sabe como saír dela. Pode que suceda algo así no capítulo ao que te refires.

Houbo un crítico fulminante de A Nosa Terra, Xesús González Gómez, que me fixo unha crítica que era boa e mala ao mesmo tempo; comentaba que había detalles de humor na novela que lle gustaran pero que ao final pecaba un pouco dunha cousa que el chamaba humanismo cristián. Eu non o nego; de feito, sempre fun moi respectuoso coas opinións dos lectores. Recoñezo, en todo caso, que o encontro entre Eliseo e o Cristo (fose unha solución facilona ou non) foi moi divertido para min, quero dicir á hora de escribilo, aínda que talvez hoxe me gusten máis os finais máis misteriosos, mesmo un pouco gore, como en Os nomes do traidor.

 

Aparece xa en Os ollos do rei de copas unha vontade de escribir para entreter, sen ofrecer ao lector asuntos transcendentais, ou tons filosóficos,...

Eu quero pasalo ben escribindo. Velaí a principal intención. As miñas historias non creo que sexan de gargalladas pero si de sorriso, son os libros que me gustaron e que me gustan, libros con historias contadas con humor.

Algunhas veces quixen escribir libros moi serios, como por exemplo Os mércores de Fra, pero contra o final hai unhas cantas escenas que cando eu estaba corrixindo as probas dicía: “pois isto é divertido”. Pero é que a vida real ás veces tamén nos depara situacións divertidas a pouco que ti as vexas con ollos de bo humor, case todo ten o seu lado humorístico. Polo xeral, en todo o que eu escribo está presente o humor, supoño que porque eu son así.

Outro exemplo, en Os ollos do traidor, se lemos capítulo a capítulo podemos sentir que é un libro máis ben tráxico, pero en conxunto eses personaxes dan un pouco de risa, como o Sampaio.

En definitiva, para min o sentido do humor é fundamental, gústame a literatura irónica, como a literatura de Carlos Casares, con ese humor sutil, suave, que lle da un ton amable á historia... Casares podía contar unha historia tráxica pero narrada dun modo tan suave, tan suave, que convida ao sorriso ao lector.

 

Tras doce anos de Os ollos do rei de copas chega Licor de abelá con xeo (Sotelo Blanco). Qué pasou en todo ese tempo de baleiro literario?

Foi un tempo no que eu estiven de bolseiro no Centro Ramón Piñeiro; logo preparei oposicións e fixen algúns traballos… pero entre medias houbo unha novela xa rematada que se malogrou polo camiño. Ía ser publicada por Cumio pero coincidiu coa morte de Carlos [Blanco] e cos cambios que houbo na editorial non chegou a publicarse. Co tempo eu case que prefiro que fose así. Máis tarde quíxena reconstruír en formato de relato curto pero non funcionou. Como anécdota, o primeiro capítulo desa novela apareceu publicado nun suplemento de La Voz de Galicia.

Logo si que houbo un período de seca ata que cheguei a Zamora onde, unha vez asentado, xurdiu unha especie de “torrente” coa publicación de Licor de abelá con xeo e Os mércores de Fra.

Vouche contar unha anécdota sobre esas dúas novelas: Os mércores de Fra, aínda que foi publicada despois, é anterior. Escribín unha primeira versión de Os mércores que tiña cen páxinas máis que a versión publicada e, mentres estaba metendo tesoira, escribín Licor de abelá con xeo e presenteina ao Premio Lueiro Rey, onde resultou finalista e polo tanto publicouse antes.

 

* Licor de abelá con xeo aparece, no catálogo de Sotelo Blanco, como anterior a Os mércores de Fra [Nota do transcritor]

 

Comezas esa novela co personaxe do escritor fracasado. Se temos en conta todo ese período de seca ao que aludías anteriormente, qué paralelismos atopa o lector entre o escritor personaxe e o escritor real? Qué hai de certo de todo isto na novela?

Hai paralelismos que son moi evidentes: Reboreda é funcionario, volve as fines de semana a Galicia, conducindo un Seat pola autovía… Cando pasa pola zona de Sanabria e ve as cores da paisaxe sente unha impotencia incrible por non saber como expresar tanta beleza… Iso mesmo sentino eu. Evidentemente aí hai un paralelismo, pero ben, ti vas escribindo sobre as cousas que coñeces, que sentes ou vives, pero logo xogas e experimentas sobre diferentes situacións.

Nunha ocasión unha amiga lectora díxome que identificara tres ou catro personaxes de Licor de abelá con xeo que poderían ser eu. E quizais sexa certo, pero con algunhas salvidades, por suposto, Reboreda ten uns niveis de frustracións que eu creo que nunca tiven.

 

En Licor de abelá con xeo caricaturizas en parte o mundo “oculto” da literatura galega: os premios, aos críticos, os enganos literarios... Sen embargo, presentaches o libro a un premio literario. Isto non ten un aquel de brincadeira?

Si, si, moito. Licor de abelá con xeo é unha grande brincadeira. A xente normalmente só quedou co tema do xurado, pero na novela tamén aparece un alcalde, un concelleiro de cultura, etc. E a figura da viúva do escritor, que a min sempre me pareceron personaxes excepcionais, moi típicos do Día das Letras, cando aparece o político local dándolle o brazo á viúva do homenaxeado, que a ves abraiada, como se estivesen a pensar no seu defuntiño e puxesen en dúbida os seus méritos. A min interésanme moito esas historias, e é o que quixen reflectir coa muller de Serafín da Chave. Aínda que na novela aparece un xurado e un premio literario, unha das miñas intencións era caricaturizar o Día das Letras Galegas.

 

Xa que sacas o tema das Letras Galegas, es partidario, como xa alzaron tantas outras voces, de cambiar a concepción deste día?

Totalmente. Eu son dos que pensan que hai que reorientar e reconducir o día das Letras Galegas. O que se fai agora non sei se terá unha grande utilidade.

Ese Día ten que servir para fomentar a lingua e a literatura. É nefasto que sexa dia festivo, é unha idea moi desafortunada. Ao final o que consegues é que vaias pola rúa e vexas nos escaparates das axencias de viaxe ofertas para a ponte das Letras Galegas. É paradoxal que xusto o día onde se fomentan as Letras Galegas, as librarías, ao ser festivo, estean pechadas. Creo que a Academia debería reconsiderar a celebración, por outra banda unha petición que levo escoitando polo menos dende hai vinte anos.

 

Escribes case ao mesmo tempo unha novela dinámica como Licor de abelá con xeo e unha novela plana (no bo sentido da palabra) como é Os mércores de Fra. A primeira con varios personaxes e a outra contada nunha primeira persoa por un personaxe ao que poderíamos acusar de mesquiño e cunha vida que de primeiras carece de interese,...

Gustoume moito escribir esta novela en primeira persoa poder meterme na pel dun personaxe como Fra, compartir as súas obsesións… Creo que Os mércores de Fra ten varios niveis de lectura. Un lector pode ver, simplemente, a historia dun tipo contada en primeira persoa. Perfecto, non hai máis que engadir. Pero se alguén leu antes Os ollos do rei de copas decátase de que Fra é o antagónico a Eliseo Pelán. Todo o que de bo tiña Eliseo, coa súa inxenuidade, ese ser tan amoroso e cándido, teno Fra de ruín, de egoísta, de xoto, de esquivo. Como comentaba antes, escribín Os mércores de Fra tras Os ollos do rei de copas e eu quería, literariamente, desfacerme do recordo de Eliseo Pelán. Fra carece de todo o bo que tiña Eliseo.

 

Pero sen embargo o lector pode chegar a manter un sensación de amor/odio cara Arturo Fra. É o personaxe central da novela, o protagonista, chegas a sentir as situacións que lle acontecen pero por outras parte é un tipo que da noxo como ser humano.

Eu quería, desde a primeira á última páxina, que Arturo Fra caese mal ao lector. De primeiras creo que temos a tendencia natural de crear unha certa empatía co protagonista de calquera novela, e máis cando ese protagonista nos está falando en primeira persoa, pero non, eu quería que pouco e pouco e dunha maneira progresiva Fra foise caendo mal.

Creo que a imaxe que mellor define a Fra é cando volve ao traballo despois da cita co médico e se atopa con que un dos seus compañeiros foi asasinado polo outro. Fra nin sequera se preocupa de cal dos dous foi o que morreu, a el dálle igual, tómao con total pasividade.

 

Os nomes do traidor supón un cambio radical en canto á estrutura respecto as súas novelas anteriores. Aquí pasas a crear unha historia, aínda que tamén narrada en primeira persoa como en Os mércores de Fra pero por seis personaxes, con todo o traballo que supón á hora de definilos, como pode ser concibir as súas personalidades, todas elas diferentes entre si, xerar os diferentes puntos de vista dos feitos que se desenvolven...

Para min iso é un xogo moi divertido. Eu pásoo moi ben construíndo personaxes, é o que máis me gusta de escribir.

Máis que crear un determinado estilo ou imaxinar unha ambientación prefiro meterme na pel dos personaxes, imaxinar como evolucionaría esta persoa, cales serían as súas frustracións, os seus pesadelos ou soños… Nese sentido repito que o pasei moi ben escribindo Os nomes do traidor porque me permitiu xogar moito, como co personaxe de Sampaio que, aínda que estea na cadea, é o autenticamente libre de todo o libro. Posibelmente Sampaio sexa o personaxe do que estou máis satisfeito de toda a miña obra literaria.

 

Outra vez, como nas anteriores novelas, o protagonista é o prototipo do antiheroe. Qué lle supón de interese contar historias, por dicilo dalgún xeito, de perdedores?

Literariamente os perdedores son os personaxes máis interesantes que hai, os máis rendibles. Contar a historia dun tipo que acaba a carreira de económicas, que logo monta unha empresa e gaña moitos millóns non ten interese. O interesante é a xente que fracasa, que leva golpes, ver como se enfrontan aos seus problemas… Ben, por outra banda, todo o mundo na vida ten a sensación de ser un perdedor. Eu supoño que tipos como Bill Gates ou Amancio Ortega, debaixo desa fachada de éxito, teñen amarguras, teñen sensacións de fracasos. Todo o mundo tivo a unha Mabel que non lle fixo caso, ou un problema de identidade como Delanuit… Como dixo Sabina na canción que lle dedicou a Cristina Onassis:” Era tan pobre que no tenía más que dinero” ou, dito doutro xeito, detrás de cada gañador tamén hai un perdedor.

 

Delanuit fala da vida pensando na morte. De primeiras permanece atento, asustado sobre todo o que sucede ao seu redor, pero remata resignándose a súa sorte.

Delanuit decátase de que non ten nada que facer, pensa que a pesar do que faga ao final van ir a por el. A morte é un tema que está moi presente nas cousas que eu escribo dunha maneira moi obsesiva, porque realmente é a única certeza que temos.

 

Fuxe dos diálogos en prol das descricións, non dos personaxes en si mesmos, senón de sentimentos, psicanalizándoos... Os diálogos nas súas novelas son mínimos, case que secundarios.

Os diálogos, ademais de mínimos, son pretendidamente minimalistas, son diálogos moi insubstanciais. Eu sempre digo que nas miñas novelas os diálogos teñen unha función respiratoria. Cando hai un parágrafo longo e creo que o lector se pode perder ou aburrir, entón, coa introdución doutra voz, propoño un certo alivio, un descanso antes de principiar o novo parágrafo.

Vouche poñer un exemplo. Hai unha técnica televisiva nos documentais, que creo é moi interesante e atraínte como recurso literario. Cando nun documental están explicando calquera cousa cunha voz en off, logo aparece intercalado un personaxe real constatando os feitos narrados anteriormente. A min esa mestura de voces resúltame atraínte para plasmar no libro.

Houbo algunha xente que me dixo que Os nomes do traidor ten moita técnica cinematográfica e sempre contesto que non é cinematográfica, senón televisiva. Eu non son cinéfilo, pero si consumo televisión. A miña xeración –os que estamos sobre os corenta anos- xa consumimos televisión dende pequenos e inevitablemente, a maneira de construír a realidade, de fragmentala, creo que é televisiva. En Os nomes do traidor vese moi clara esa influencia.

 

Pelán, Fra, Reboreda, Delanuit,... Realmente é vostede moi desapiadado cos seus personaxes.

Non me gustan os finais felices. Os finais felices están ben para a vida real, pero para a creación artística ou literaria non me gustan, creo que perde beleza e que perde grandeza o texto. Eu quero que os meus personaxes sufran, que o pasen mal… ao fin e ao cabo son personaxes literarios. Pódome permitir estas pequenas crueldades.

 

Caraqueño de nacemento, con raíces en Silvaoscura (Ramirás), vigués de corazón e fisicamente en Zamora. Podería vostede configurar unha xeografía humana coa súa vida.

Eu digo moitas veces que a miña verdadeira patria é a autovía, a A-52. Ao cabo, debe de ser un dos lugares nos que paso máis tempo. Falando máis en serio, creo que teño o corazón ampliado (non me gusta dicir dividido) entre Vigo e Silvaoscura, os dous lugares absolutamente imprescindibles. E tamén estou moi agradecido a Zamora. Deume unha estabilidade moi beneficiosa, por exemplo á hora de emprender estes asuntos literarios dos que estamos a falar. Ah, Venezuela, ben, esa é unha anécdota. Nacín alí porque os meus pais foron emigrantes. Xa ves, unha historia nada orixinal neste país noso.

 

Codirixiu en Vigo o programa radiofónico “Os mundos de Horacio Oliveira”. Que lembranzas e recordos lle quedan desa etapa?

Foi en Radio Ecca, unha emisora educativa que, segundo creo lembrar, funcionaba ao abeiro dos xesuítas. Lémbroo como unha experiencia divertidísima, moi enriquecedora. De feito, ás veces penso que debín seguir por aquel camiño, converterme en xornalista ou algo así, pero creo que xa é tarde para lamentos. O principal recordo que teño daquel tempo é a complicidade co meu compañeiro de programa Antonio Rey, un dos tipos máis cultos e simpáticos que coñezo. Agora vive en Albacete e vémonos moi pouco, pero mantemos a lealdade dos vellos tempos.

 

Mantén aberta dúas ciberfiestras: por unha banda a bitácora “Rei de copas” e dende hai pouco tempo “Na lingua”, un lugar de encontro, de reflexión e de debate sobre a lingua galega. Qué nos poderías dicir desa segunda bitácora?

Que a teño moi abandonada. Empeceina nun momento de optimismo, pero o natural en min é a negrura, polo menos cando se fala de asuntos sociolingüísticos. Mira, eu creo que o pobo galego, no caso de que exista algo que se poida chamar así, decidiu, por maioría absoluta, que non lle interesa para nada manter o seu principal sinal de identidade, a lingua. É máis, mesmo hai xente que ve nese rexeitamento un exercicio de liberdade. En fin, alá eles, a min paréceme un suicidio, que non conten comigo.

 

Goethe escribiu a comezos do século dezanove que “a literatura nacional é un termo que xa está desprovisto ata certo punto de sentido. A época da literatura universal está ao alcance da man e cadaquén ha de se esforzar por apresurar a súa chegada.”. Cómo escritor tende máis a esa literatura global ou cre nun compromiso cara a súa terra?

Eu non teño unha gran opinión sobre os meus libros. Creo que a miña obra é perfectamente prescindible e que non lle pasaría nada á Literatura Galega se eu decidise deixar de escribir para sempre. Vaia, a min gústame dicir que o que tento facer é literatura universal en lingua galega. Na práctica, conformaríame con escribir algún día unha historia xeitosa, desas que lle gustan á xente e que teñen un protagonista de carácter, un auténtico personaxe de novela.

Buscar en Conversas >

Axenda >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
27
Data : 27/01/2017

Nestes días >

No upcoming event!

Exposicións >

No upcoming event!