Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Conversamos con... Xosé Ballesteros

Rate this item
(3 votes)

Xose_BallesterosAínda que naceu co obxectivo de achegar aos máis pequenos os grandes clásicos da literatura infantil, dez anos despois Kalandraka publica en varios idiomas e os seus libros son lidos desde Latinoamérica até Xapón ou China.

Xose Ballesteros é escritor, tradutor e director de Kalandraka Editora. Repasamos con el como foron os comezos e a traxectoria desta editorial pontevedresa que cambiou a forma de ver e de traballar a literatura infantil e xuvenil de noso país, como é o proceso de edición, como nace unha nova literatura infantil nas escolas a comezos da década dos 80, a súa faceta de escritor. Todo contado ao ritmo que marca o Rock dos Gordibolas.






 

Fervenzas Literarias: O 2 de abril, coincidindo co Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil  Kalandraka cumpre o seu 10 aniversario. Por que e como xurde Kalandaka?

Xosé Ballesteros: Kalandraka Editora nace dunha primeira experiencia na cal a Escola de Expresión Dramática Kalandraka e Edicións Xerais coeditan os dous primeiros títulos dunha serie. Como anécdota podemos dicir que o xermolo desta iniciativa xurde nun encontro casual, nunha viaxe, na que eu coincido con Carmen Muruve, unha ilustradora andaluza. Nese encontro nace a idea de publicar a serie “Os gordibolas”.

Pasados os anos, e en vista de que aquela serie funcionou tan ben, desde a Escola de Expresión Dramática Kalandraka, e froito tamén dun traballo de investigación literaria dirixido por Federico Martín Nebras para a aula de teatro onde a Escola Kalandraka levaba a dirección, plantéxase a posibilidade de abrir unha fenda no panorama literario para os máis cativos e aproveitar un espazo que estaba totalmente baleiro, como eran os álbums ilustrados en galego. A partir de aí, dúas persoas vinculadas a Kalandraka Teatro, máis catro persoas relacionadas dunha forma ou outra ao mundo do libro, dan pé a que naza Kalandraka como editorial.

En resumo. Había un baleiro de álbum ilustrado en galego e un grupo de persoas que traballabamos en programas de animación á lectura e de formación ao profesorado, aos bibliotecarios… tiñamos que botar man, para as nosas actividades, de libros en castelán. Nós soñabamos que os nenos galegos puideran ler na súa lingua os libros que para eles se estaban escribindo, mais tamén os contos tradicionais, porque daquela non existía absolutamente nada nese campo. O cativo que quixera ler a Carapuchiña vermella ou Os sete cabritos tiña que facelo en castelán porque non existía en galego. Digamos que eses foron os alicerces do proxecto.

 

Nos comezos Kalandraka apostou por un formato de álbum infantil totalmente novidoso en Galicia, fóra do libro para a escola, que era o máis habitual daquela. Non houbo o temor de que aquela proposta non saíra cara adiante?

Remontándonos hai dez anos, non había temor de que saíra adiante ou non, porque as persoas  que conformabamos Kalandraka non pensabamos que a editorial ía ser un medio de vida, senón que en calquera caso era un proxecto para cubrir un baleiro editorial.

É certo que daquela as editoriais que facían traballos para os máis pequenos -non había ningunha editorial especializada- como Xerais, Galaxia, Ir Indo, A Nosa Terra… sempre alertaban de que non sería posíbel manter unha liña de libros para rapaces que estivera fóra do circuíto das escolas: o circuíto dos libros recomendados. Nós asumimos desde o principio que o álbum ilustrado non ía estar dentro dese circuíto de libros recomendados porque estaban destinados aos máis cativos, e o profesorado só recomendaba libros a partir de quinto e sexto de primaria. Publicar para idades máis temperás, en galego, era unha temeridade. Ademais nós pensabamos facer tiraxes de dous mil exemplares, tiraxes necesarias polo menos para cubrir os custes. Había que intentar facer os libros coas maiores calidades de papel, tapas en duro, que tiveran boas e coidadas ilustracións…

A maiores, hai uns condicionantes que creo que foron importantísimos para que o proxecto Kalandraka comezara a andar con éxito. O primeiro foi que en Kalandraka sabíase da necesidade de facer actividades de animación á lectura nas escolas. Deseñouse unha campaña a tal fin e isto nos permitiu, en 1998, estar presentes coas nosas novidades en máis de cen colexios. O outro factor foi que en Pontevedra acababa de nacer a Facultade de Belas Artes. Kalandraka contactou con algúns creadores que máis tarde chegaron a ser, por primeira vez en Galicia, Premios Nacionais de Ilustración: Óscar Villán e Federico Fernández. Había unha serie de licenciados en Belas Artes que, aínda sen estar en contacto co mundo da literatura para nenos, entenderon perfectamente cal era a idea, a mensaxe, o proxecto de Kalandraka; uníronse ao noso proxecto e con eles comezamos a publicar libros de produción propia.

 

Nestes momentos Kalandraka publica en galego, castelán, catalán, portugués, éuscaro,  inglés, agora comezades tamén co italiano, ademais de distribuír os vosos libros por medio mundo. A maiores participades con stands propios nas feiras nacionais e internacionais máis importantes, tedes varias sedes, e todo isto en só dez anos. Como foi  a traxectoria e o traballo de Kalandraka nestes anos para conseguir todo isto?

Eu creo que o grande salto prodúcese cando, no ano 2000, e despois dun debate importante, decidimos publicar en castelán. Ata entón Kalandraka era un proxecto monolingüe, xa que en parte naceu coa intención de contribuír á normalización da lingua galega e cubrir eses baleiros de inexistencia de contos clásicos. Ese era o noso primeiro e único obxectivo. Estar no espazo galego.

Pero nós tamén estabamos atentos ao que se facía no ámbito internacional en álbum ilustrado. Dalgunha maneira, cando saiamos a mostrar o noso traballo en outros foros, en Madrid, Catalunya, etc... había indicios que nos dicían que as nosas publicacións serían ben acollidas noutras linguas. Creo que a decisión de facelo, visto o visto,  foi moi acertada.

Os ingredientes do labor desenvolvido nestes dez anos son: crer no que fas, traballar coa idea de que todo o esforzo colectivo é para manter un proxecto de calidade, coñecer o mercado, investigar... En definitiva, saber onde queres chegar e para que. Para acadar ese obxectivo é necesario, ante todo, un equipo ben coordenado, un colectivo que sexa profesional, pero tamén vocacional.

 

Kalandraka como marca de calidade. Que é o que ha de ter un libro para que apareza publicado nunha das vosas coleccións? Como seleccionades os libros que aparecerán baixo o selo Kalandraka?

Os nosos criterios de selección baséanse no que consideramos a base: a calidade literaria e a calidade estética. Especialmente cando falamos de álbum ilustrado, que vén sendo máis ou menos o oitenta por cento da nosa produción.

En Kalandraka alimentámonos da recuperación de obras clásicas que sabemos de antemán que son dunha calidade incuestionabel, como poden ser Os tres bandidos ou os libros de Leo Leonni, Arnold Lobel, Maurice Sendak...

Ao mesmo tempo, á hora de producir novos proxectos, como nos chegan todos os días gran cantidade de propostas, estas son sometidos a unha selección moi rigorosa. Temos un comité que é quen decide o que se publica e o que se descarta. Case sempre traballamos por consenso, pero tamén hai debate e posicións encontradas. En calquera caso, procuramos buscar as que consideramos mellores obras para os nosos lectores, sen deixármonos influír por quen asina.

No noso facer editorial están tamén textos de autoría orixinal, como Avós ou O sorriso de Daniela; proxectos onde recibimos un texto e o noso traballo é intentar conseguir ao ilustrador máis adecuado para conseguir un bo álbum. Realizamos probas, traballamos con distintos ilustradores... Aí entramos nun traballo dialéctico entre un texto, que quizais se reformule segundo vai tomando forma a obra, e o traballo de ilustración.

Outras veces chégannos proxectos xa case rematados. Por exemplo, agora estamos cun de Rocío Martínez [que xa publicara en Kalandraka O gato Guille e os monstros] que está facendo un traballo integral sobre o Rainbow Warrior [o mítico barco de Greenpeace]. Rocío presentounos un texto e os esbozos das ilustracións. Estes son os proxectos que nos levan máis tempo, pero tamén son os que vivimos con máis intensidade, xa que os ves medrar desde o inicio. É un labor que supón moito esforzo, xa que hai que ter en conta a ilustración, o texto, a edición, o formato, o papel, a impresión... en fin, moitos compoñentes que o público descoñece.

Un traballo que non ter nada que ver co feito de mercar os dereitos doutras obras que publicamos e que son as máis cómodas de producir: os libros que xa foron publicados noutras linguas, onde o único problema é saber canto van custar os adiantos e poxar contra outras posibles editoriais que estean interesadas en conseguir eses dereitos.

 

Cos libros onde o autor e o ilustrador non se coñecen, como desenvolvedes este proceso dentro de Kalandraka?

Hai que distinguir entre un álbum ilustrado onde o texto e a ilustración forman unha simbiose, que teñen que estar no mesmo plano, buscar o equilibrio. Como dicía Maurice Sendak, que sexa unha costura onde non se note o fío. Outra cousa é cando un texto ven acompañado de ilustracións, se neste caso coinciden autor e ilustrador pois marabilloso, perfecto. Se non é así, como por exemplo os libros que temos de Úrsula Wölfel, onde nun dos libros o ilustrador é arxentino [27 historias para tomar a sopa], en outro é portugués [28 historias para rir] e noutro a ilustradora é catalana [29 historias disparatadas], o reto é conseguir un mesmo formato para as tres obras, pero experimentando distintas técnicas ou propostas plásticas que ao mesmo tempo varíen a oferta cara o lector, pero que á vez teñan unha certa coherencia.

Outro exemplo sería o caso de Só un segundo, onde o autor é arxentino [Silvio Freytes] e o ilustrador é brasileiro [Flavio Morais]. Eles non poden quedar para falar do libro, ademais de que se expresan en linguas distintas. Aquí a ponte créalla a propia editorial.

 

Dúas preguntas atrás falaba da recuperación e adaptación de contos. Non cre que hoxe en día a revisión dos clásicos son levados ao politicamente correcto dunha forma extrema?

En Kalandraka, no tema da recuperación de clásicos, procuramos ser completamente respectuosos coa versión orixinal. Por poñer un exemplo, no conto de Tío Lobo, recollido por Italo Calvino dos contos populares italianos e publicado por Kalandraka en todas as linguas da península, a protagonista acaba comida por Tío Lobo. Recordo que nos chegaron algúns correos de distintos lugares dicindo que iso era unha aberración. Pero nós non temos ningún tipo de prexuízo en manter os textos tal como os presenta a tradición. Ademais non pasa nada, os contos tradicionais son así dende que os creou a humanidade: unha escola para a vida.

Si é certo que nestes tempos do “politicamente correcto” hai unha tendencia a dulcificar, a mutilar e a limpar os contos tradicionais porque non se comprende o seu significado, o seu simbolismo, nin a súa función.

 

Comezaron o ano do seu aniversario co álbum Guernica de Heliane Bernard e Olivier Charpentier. Qué actos ou actividades teñen preparados para este ano?

Temos moitas actividades programadas ao longo do ano, pero non imos facer unha grande festa como acto central, porque é complicado. Kalandraka xa é un proxecto plurinacional e é difícil que nos xuntemos todos os que formamos a editorial para celebrar ao mesmo tempo o décimo aniversario. O máis significativo creo que vai ser que o día 2 de abril imos dar a coñecer o I Premio Compostela de Álbum Ilustrado e logo, ao longo do ano estaremos facendo outras actividades conmemorativas en diversos lugares. Ademais, nesas datas do noso aniversario Kalandraka estará presente na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Bologna.

Tamén estaremos desenvolvendo a VIII Campaña de Animación á Lectura co Concello de Santiago, durante todo o mes de abril. Convocaremos tamén algún acto cando o Premio Compostela se convirta en libro como tal, que será en outubro ou en novembro deste ano, e daquela será un bo momento para facer unha celebración.

 

Hoxe en día, cal é a responsabilidade dun editor, á hora de seleccionar os títulos e os contidos dun libro para rapaces?

En Kalandraka hai unha especie de código non escrito. Se antes falaba da calidade literaria dos textos e da súa calidade estética, creo que tamén nos podemos considerar como unha empresa que se proxecta, ou á inversa, no que publica. Neste sentido podémonos definir como unha editorial de corte progresista, no sentido máis amplo da palabra. Evidentemente nunca publicaremos un libro que promova a xenofobia, a violencia ou que cuestione a igualdade de xéneros. Todo o contrario. Pero tamén é certo que non desexamos contribuír ao “didactismo”. Non facemos a ecuación literatura para nenos igual a proposta didáctica. De feito, os nosos libros non teñen, nin van ter, propostas didácticas ou guías de lectura. Entendemos que os libros e a literatura han ser algo pracenteiro, estimulante e que non pode estar constrinxido a esa idea adulta de converter os libros en ferramentas exclusivamente didácticas ou educativas.

Tamén loitamos por erradicar a concepción  “ñoña” e “hortera” nas obras para cativos. Moitos adultos cren que os nenos se poden conformar cun libro con moitos colores (canto máis estridentes mellor) e historias facilonas. Ese reduccionismo non respecta en absoluto a intelixencia e a creatividade dos nosos nenos.

 

Os informes e as estatísticas afirman que o nivel de lectura en rapaces é moi alto. Sen embargo, este mingua segundo van medrando. Como rebater este feito? Como pode competir o libro fronte ás novas tecnoloxías?

Eu non creo que teña que competir. As novas tecnoloxías están aí, se non estiveran habería calquera outro aliciente para os rapaces. A adolescencia sempre foi unha idade convulsa, onde ás veces pode ser máis interesante para un rapaz falar cos amigos ou coas amigas, darlle voltas ás cousas, ou non facer nada, antes que ler un libro. Sen embargo, creo que o libro sempre foi un grande acompañante nesa etapa onde un por primeira vez comeza a se facer as preguntas absolutas. Por experiencia propia e as de xente moi achegada, unha grande parte das persoas ten no libro unha especie de confesor, de conselleiro ou de bálsamo neses momentos conflictivos da adolescencia. E creo que ese papel medicinal da lectura acompáñanos ao longo da nosa vida.

É verdade que agora hai máis onde elixir, pero non creo que o libro teña que competir. Un bo lector, aínda que nunha parte da súa vida poida distraerse noutros camiños, acaba volvendo á lectura.

 

Falando das novas tecnoloxías, o libro electrónico está xa á volta da esquina. Como se prepara Kalandraka fronte a estes novos cambios?

O libro que facemos dificilmente se pode converter en libro electrónico pola importancia que ten a ilustración. Non é o mesmo ter un álbum ilustrado na man que descargar un PDF e imprimilo ou levalo nun aparato portátil.

Non sei que pasará co futuro do libro en formato papel, pero polo de agora nós non temos feita ningunha reflexión ao respecto.

 

Colaboran coa asociación BATA (Baion Asociación Tratamento do Autismo) na colección Makakiños, coa edición de libros baseados no sistema de pictogramas SPC (Sistema Pictográfico de Comunicación). Como é o proceso de traballo con este colectivo? Que resultado obteñen destes libros?

Imos máis lento do que nos gustaría porque é un traballo moi complexo e laborioso. Á hora de publicar un destes libros, Kalandraka fai a proposta do texto e despois BATA ten que probalo cos rapaces. Logo eles facilítannos os pictogramas e prodúcese un traballo de elaboración do material que á súa vez hai que testalo. Neste caso é moi importante que sexa o propio ilustrador quen se achegue ata BATA. Nestes libros as ilustracións han de ser de todo menos simbólicas, deben ser moi concretas.

Estamos falando dun código de lectura totalmente distinto e, de feito, todos os ilustradores que ata agora publicaron libros con BATA son galegos, e ademais próximos, para que poidan achegarse ata Baión (Vilanova de Arousa).

Os primeiros libros da colección Makakiños tiveron moito rebumbio cando saíron, de feito apareceron en diferentes programas de televisión e de radio. Fixemos unha primeira tirada de dous mil exemplares que se nos escaparon das mans, xa que foi a primeira vez -e polo de agora a única- que se fixeron este tipo de libros.

Cos rapaces tivemos experiencias moi emotivas, houbo xente que nos escribiu de diferentes sitios do mundo hispánico e nos contaban como foi a primeira vez que o neno lía o libro, que o volvía ler, que o levaba con el a todas partes... A colaboración coa xente de BATA segue aí e seguiremos facendo cousas. Dentro de pouco sairá un novo libro con eles. Os vindeiros libros serán totalmente diferentes e non terán nada que ver co que se fixo ata agora.

 

Tamén colaboran con colexios e concellos nunha labor continuada de animación á lectura, está a libraría “Libros para soñar” en Vigo con contacontos... Que importancia lle dan a estas actividades de fomento da lectura e o contacto directo cos rapaces?

Realmente non sei se para nós todo iso é a prolongación do noso traballo de editor ou máis ben ao contrario. Seguramente é achegarnos ás fontes do noso traballo. Kalandraka comeza xustamente así, realizando actividades de animación á lectura, contando contos que logo se converteron en libros.

Para nós é fundamental porque nos permite estar en contacto directo co noso público. Podemos coñecer que libros son os que funcionan mellor cos rapaces, é un traballo de promoción moi pracenteiro. Agora mesmo estamos movendo dous equipos de animación á lectura por Galicia, formados tamén por músicos . Dalgunha forma xa é un mini-espectáculo que está rulando por todo o país e incluso con incursións por outros lugares da península.

Na libraría “Libros para soñar” hai funcións e actividades de balde para rapaces todos os venres, e todos os mércores cada quince días para os bebés. Desde que naceu a libraría hai unha dinámica de actividades con eles. Todas estas son actividades gratuítas, que non están subvencionadas por ningunha institución nin entidade financeira.

 

Hoxe en día a literatura infantil e xuvenil galega é o máximo expoñente da nosa literatura no mundo adiante, temos autores con algúns dos premios nacionais e internacionais máis importantes e as súas obras incorporadas nos catálogos de máis sona. Todo isto tendo en conta que a literatura galega para mozos ten pouco mais dun século de existencia. Que é o que atopan os editores máis os lectores foráneos na nosa literatura infantil e xuvenil?

Pois a dicir verdade non sei. Supoño que atoparán historias interesantes, divertidas, ben contadas, ilustracións ás veces espectaculares... De todos modos, non me gusta moito estar destacando as súas virtudes porque en algúns casos son evidentes. Quizais a LIX galega sobresae porque noutras zonas do Estado non hai tanto.

Tampouco creo que sexa debido a unha eclosión do mundo editorial galego, porque non é que haxa máis editoriais aquí en Galicia que en Valencia ou en Euskadi, por exemplo. Quizais a nivel de ilustración, os focos -que sempre estiveron en Madrid ou en Barcelona- agora tamén apuntan a Galicia.

Eu, sen embargo, non faría fincapé en que Galicia, agora mesmo, é o lugar onde a LIX está desbordando. A literatura galega para nenos formouse a partir dun sector do profesorado que se converteu en escritor, un feixe de mestres e mestras progresistas que formaron parte do movemento de renovación pedagóxica; falo en concreto de Agustín Fernández Paz, de Xabier P. Docampo, de Fina Casalderrey, Miguel Vázquez Freire e tantos outros.

Aquí non existían creadores para nenos agás Paco Martín, Manuel María ou Neira Vilas. Hai unha liña no tempo que vai madurecendo con escritores que veñen dunha traxectoria da escola, de traballar cos nenos. Todos eles moi ‘rodarianos’. Creo que todos deberon ‘mamar’ de Gianni Rodari e da súa Gramática da fantasía. Por outra banda, está a rica cultura popular galega. Esas historias, lendas e contos que foron conformando o noso imaxinario colectivo. Podemos dicir que hai unha base, un pouso literario, e chega un momento en que están o suficientemente maduro como para facer obras literarias moi importantes.

Pero é certo que existe un mercado que é a propia escola. A escola galega, no momento en que a lingua galega se converte en materia curricular, nunha lingua que hai que estudar, hai que alimentala con lecturas, e esas lecturas non existen. Así, por necesidade -a necesidade crea funcións- quen pode escribir en galego para nenos? Pois os profesores, os mestres que están dando clases en galego e que á vez son docentes que están instalados na vangarda, no asociacionismo renovador.

Supoño que algo semellante puido ocorrer no resto de España, pero en España tamén aparecen escritores que non nacen na escola, aínda que viven dos libros recomendados nos colexios, como por exemplo Jordi Sierra i Fabra ou Joan Manuel Gisbert. Tamén hai que destacar dentro do panorama da LIX que unha cousa son os libros que se compran nas librarías, e outra cousa é toda esa corrente subterránea que son os libros recomendados nos colexios, que moitas veces nin sequera pasan polas librarías. De aí nacen grandes nomes que se converten en figuras da literatura para nenos. Casos paradigmáticos son os dous autores comentados anteriormente.

Galicia, en menor medida, digamos que é un fenómeno máis recente pero ten tamén o seu reflexo: Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey... son escritores que escriben moi ben pero que sen a escola serían posiblemente grandes descoñecidos. Non teñen nada que ver con esa outra forma de chegar ao público como Laura Gallego, ou mesmo autores de culto como Phillip Pullman, ou fenómenos de masas como Harry Potter.

En resumo, a literatura galega para nenos nace na escola galega, se non existira todo ese proceso, que por outra parte é un proceso totalmente natural, non poderíamos ter esas figuras que foron nacendo e modelándose dalgunha forma porque traballaban no medio, e que contribuíron a cambialo e a que medrase. Pero tamén foi o propio medio quen foi alimentando para que se convertesen nesas grandes figuras da literatura e evidentemente teñen unha obra universal que se pode ler en calquera outra lingua. Agora xa non dependen da escola, pero si que nacen na escola, cunha visión progresista da escola.

 

Cal é a vosa experiencia na exportación de libros fora de Galicia? Cal é a aceptación neses mercados dos álbums asinados por autores e ilustradores galegos?

Para nós o exemplo máis claro é o libro de Avós [de Chema Heras e Rosa Osuna] que está publicado nas tres linguas asiáticas máis importantes, que son o coreano, o xaponés e o chinés. Sobre todo tendo en conta que, aínda que publicar en coreano é doado porque é un mercado absolutamente voraz, non é así en Xapón ou en China. Vender dereitos para esas  linguas é algo do que podemos presumir, xa que son contadas as editoriais españolas que o conseguiron

Cando exportas un libro fóra non che preguntan se o autor é galego ou se é andaluz, non é significativa á súa orixe porque cando ti vendes dereitos, basicamente o que vendes é un libro ilustrado. Cando imos ás feiras, sempre procuramos levar un primeiro achegamento da obra en inglés. Se eses dereitos vendidos son de autores e ilustradores galegos a satisfacción é dobre, xa que coñecémolos e alegrámonos por eles.

 

No 2005 nace Faktoria K baixo o auspicio de Kalandraka. Cal é a relación que manteñen estas dúas editoriais?

Basicamente de irmán maior e de irmán pequeno. É unha relación fraternal. Nalgúns casos compartimos algunhas cousas. Pero o traballo de Faktoría non ten nada que ver co proxecto de Kalandraka. Faktoría é un proxecto moito máis diverso, abarca xéneros que en Kalandraka nunca pensaríamos tocar. Por exemplo, Faktoría K non publica contos tradicionais, e polo de agora só publican álbums de produción externa, tamén publican banda deseñada e narrativa de adultos, libros de arte... En principio non hai colisión de intereses entre ambas editoriais, máis ben de complementariedade.

Logo hai outra cousa que compartimos: a distribución, realizada por Kalandraka; polo que tamén hai unha complementariedade á hora de conxugar os planos editoriais. Cando Kalandraka vai a algunha feira do libro, aínda que ás veces van pola súa conta, nalgunhas ocasións veñen connosco.

No que é a edición dos libros, cada unha ten os seus propios equipos de selección, os directores de edición non teñen nada que ver os de Faktoría K cos de Kalandraka.

 

No 2007 aparecen once libros onde Xosé Ballesteros figura nos créditos como tradutor, adaptador, editor literario... Supón isto moito traballo a sumar ás súas obrigas profesionais dentro do organigrama de Kalandraka?

Non, non é moito traballo porque forma parte dalgunhas das miñas obrigas como director de Kalandraka. Pero ás veces hai traballos de adaptación ou de tradución que son doados de facer, xa que moitas veces son textos breves  que tampouco che complican demasiado o día a día. Son traballos gratificantes.

Ás veces hai outros que son un agasallo. Por exemplo, sairá en breve o primeiro texto en galego para nenos de Julio Cortázar. Un álbum ilustrado que se vai chamar O discurso do oso, en coedición con Libros del Zorro Rojo, que o publicará en castelán; Kalandraka edítao en galego e en portugués. Para min Cortázar é un autor esencial, moi querido, e teño a oportunidade de traducir o seu texto: é un gran agasallo para min.

 

Que lembranzas lle vén se escoita aquilo de Ola, ola, ola,/son un gordibola,/teño, teño, teño/redonda a cachola?

Un sinte sobre todo nostalxia. Supoño que algún día os volverei publicar; os dous libros máis o terceiro, que está escrito pero non está publicado.

Foi unha etapa moi divertida, entre outras cousas porque percorrín moitos colexios cantando o Rock dos Gordibolas. Aínda agora, de cando en vez, algunha nai que se cruza comigo, ás veces me recorda as lecturas que daqueles libros facían os seus fillos que hoxe xa son adolescentes...

 

Máis recordos... Supoño que O coelliño branco, escrito por vostede e ilustrado por Óscar Villán (co que foi Premio Nacional de Ilustración no ano 1999) e con varias edicións e traducións ás costas, é un dos seus libros máis queridos. Incluso hai unha escola en Santiago de Compostela que leva por nome O coelliño branco.

Si, si, ese foi un libro moi especial, porque era un conto que eu xa contaba antes de que existira Kalandraka Editora. É un conto tradicional portugués ao que eu lle fixen unha adaptación xogando coas palabras: tamaños, diminutivos, aumentativos... Os cativos, despois de oírme contar nos colexios e bibliotecas, querían coñecer ao coelliño branco e por iso foi un dos primeiros libros que  desexamos publicar en Kalandraka. En O coelliño branco tivemos a sorte de poder contar con Óscar Villán, que entendeu moi ben o conto e o converteu nese coelliño que agora coñecen tantos nenos por todo o mundo.

Creo que foi un libro que naceu tocado pola maxia. Foi o primeiro Premio Nacional de Ilustración para Galicia. A partir de aí Kalandraka xa entrou noutra fase, o libro acompañounos a todas partes, é un libro que presentamos alá onde imos.

 

Imaxina animais, o seu último libro, con ilustracións de Juan Vidaurre, podería ter xurdido dun hipotético encontro entre Álvaro Cunqueiro e Andy Warhol. Unha obra que poderíamos definir como pop-art máxico.

Non sei como definila... Eu escribín uns textos a partir dunhas ilustracións que me ofreceron. Neste caso,  unhas fotomontaxes de Juan Vidaurre que me pareceron moi atractivas e suxestivas. O equipo de edición propúxome que eu fixera os textos porque saben que a min gústame moito a escrita creativa a partir de estímulos externos. Imaxina animais foi un claro labor de literatura potencial a partir dunhas ilustracións. Un divertimento de Vidaurre e mais meu.

 

Leva tempo escribindo, adaptando e traducindo obras para rapaces. Como autor para adultos gañou o premio Manuel García Barros de narrativa con Talego (Xerais). Volverá á narrativa de adultos?

Gustaríame moito, de feito teño algunhas cousas no caixón, pero a verdade é que non teño tempo. Dedico moitas horas ao meu traballo diario de coordinar os distintos departamentos e as distintas Kalandrakas que están espalladas pola xeografía.

Escribir é un traballo para o que se necesita moita tranquilidade, moita introspección e concentración. Supoño que terán que pasar aínda algúns anos para que volva escribir para adultos. De todos xeitos, creo que o mundo tampouco perde nada se escribo para adultos ou non.

Talego foi unha novela escrita en pouco tempo, unha escrita rápida, veloz, pouco reflexiva. Foi unha especie de desafogo existencial que necesitaba naquela época da miña vida. Supoño que se nota que está escrita coas miñas entrañas. Pero nunca me sentín chamado a ser escritor de vocación, moito menos un profesional. Considérome un bo lector e gústame escribir, aínda que sei que o que escribo xamais vai ser mellor que moitas obras que si son necesarias ler; así que non teño ningún sentimento de frustración. Polo de agora, confórmome con que algúns dos libros que escribín pensando nos máis pequenos formen parte, algún día, da súa memoria.

Buscar en Conversas >

Axenda >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30

Nestes días >

No upcoming event!

Exposicións >

No upcoming event!