Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Conversamos con... Marta Dacosta

Rate this item
(11 votes)

 marta-dacosta

 

Canda novos na escola ensinábanos as diferentes partes do río. Todos os seus accidentes e elementos dende a fonte ata a desembocadura. Vivimos nun país esculpido co cicel do tempo e da auga, que trazou non só a xeografía desta terra, senón tamén o carácter das súas xentes.

Marta Dacosta é herdeira desa simbiose entre país e auga. Preséntanos a poesía como río, onde de vez o lector pode navegar entre os remansos dos versos máis introspectivos e persoais e a forza das fervenzas. Moitos elementos atopamos entre uns seus versos que, máis que flotar río baixo como Ofelia, remóntano sen acougo como as lampreas do Miño. Velaí está a reivindicación da liberdade, da muller, o compromiso; pero tamén está a dor, a decepción, a memoria, a natureza. Poucos poetas son capaces de conxugar con tanto acerto todos eses elementos como Marta Dacosta.

Falamos nesta conversa con Marta Dacosta sobre as súas orixes literarias e sobre a súa recomendable obra. Dende a metapoética de Crear o mar en Compostela ata o seu máis recente e magnífico poemario, Acuática alma.

Alóainos, Marta, en acuática alma…

 

 


 

 Ata onde temos que nos remontar para enxergar os primeiros versos de Marta Dacosta?

Eu comecei escribir poesía moi nova. Como anécdota lembro que aos oito anos entrou na miña casa a Gramática Elemental del Gallego Común de Carvalho Calero. Daquela a Caixa de Aforros de Vigo de agasallaba libros. Eu recordo ler algúns fragmentos desa Gramática... e nunha desas lecturas chamoume a atención unha palabra en concreto. A partir de aí escribín en catro follas unha obriña de teatro. A palabra que tanto me chamara a atención era “coco”, no significado de verme do queixo.

Empecei así, lendo a Carvalho Calero e escribindo sobre vermes. Xa logo con trece anos tiña escritas cousas en poesía.

Na súa autopoética indica que “Recuperei de meu pai os primeiros libros publicados por Galaxia nos anos 50: Castelao, Rosalía, etc...” Poderíamos dicir que se respiraba un ambiente literario nos seus anos de infancia?

Na miña casa non había un ambiente literario. Meus pais son de procedencia moi humilde e deixaron a escola canda nenos. O que si había era unha grande preocupación pola educación da filla. Miña nai aprendeume a ler e a escribir con tres anos e meu pai si tivo algunha preocupación cultural, pero non se pode dicir que houbera realmente un gran ambiente literario.

Na miña casa había primeiras edicións de Galaxia, forradas con papel de estraza para que non se estragaran, e gardadas nun armario. Esas serían posteriormente as miñas primeiras lecturas xunto a outra colección de grandes obras da literatura universal, desas que se levaban tanto hai anos, máis que nada porque quedaba moi bonito postas no moble.


Como nace unha poeta? Que factores conflúen para que decida plasmar os seus anhelos e sentimentos nun verso, nun poema?

No meu caso principiei a escribir no sentido de que para min o proceso da escrita obrígame a reflexionar e a ordenar as ideas, e polo tanto a descubrir que é o que estás pensando, como o estás pensando, e ata onde queres chegar. É unha especie de catarse, de experiencia terapéutica, de falarse a un mesmo e de intentar explicarse o que está sucedendo.

E por que a poesía e non outra manifestación artística ou literaria? Coido que o feito de ler poesía, de buscar abrigo nela, quizais por imitación, sexa polo que acabes inclinándote cara ese xénero. Dicía Rosalía falando de Murguía: “Os poetas son preguiceiros”. Eu creo que é verdade. Un poeta e un narrador son totalmente distintos.


Encádrase na Xeración dos 90, á beira de autores como Fran Alonso, Rafa e Miro Villar, Paco Souto... Poderiamos atopar un fío que una e caracterice esa promoción poética?

Os nomes que acabas de citar traballamos con poéticas radicalmente distintas. É certo que cadramos nun tempo común e que entre nós hai pouca diferencia de idade.

Eu coincido primeiramente con Fran Alonso e outra xente no Colexio Universitario de Vigo. Nese escenario comezamos falar sobre a nosa preocupación por facer visíbel o que estabamos escribindo e dá lugar a un recital en Vigo no ano 1987 titulado A cidade espida, promovido por Xurxo Rodríguez de Radio Ecca, onde participamos cinco poetas. Ese recital hai que contextualizalo por unha banda na necesidade de visibilización e por outra banda como contestación ás últimas rabexadas da chamada Movida viguesa.

Logo chegamos a Compostela e na Faculdade de Filoloxía os estudantes publicaban a revista Olisbos. Na Facultade de Filoloxía entro en contacto con Rafa Villar e co grupo de teatro. A través de Rafa coñezo a un grupo literario, procedente da Costa da Morte, que facían máis ou menos o mesmo que nós en Vigo. Era un grupo anterior ao Batallón Literario chamado Un e medio, creo, que sacaran un pequeno folleto de poesía. Velaí estaban, se lembro ben, Rafa e Miro Villar, Estevo Creus, Modesto Fraga* e Artur Trillo, quen sempre foi o motor teatral.

Cos anos o grupo que xa formabamos entramos en relación con máis xente e iso deu lugar, no curso 87-88, ás Carpetas do Dragón e logo, máis tarde, a Letras de Cal.

Que cousas tiñamos en común esa xeración? Eu creo que a vontade de levar a poesía a todos os lugares, de feito facíamos moitísimos recitais polos bares de Santiago. Todos partillabamos a necesidade de facer pública a nosa poesía, de escribir en galego, de agrandar a expresión da nosa lingua. Houbo tamén unha diferenza coa poesía anterior -aínda que nisto non estou moi segura de que fora unha cousa consciente-, con textos menos culturalistas e apostando pola sinceridade. Simplificamos e espimos o texto, desbotando a barroquización das formas. Nós quitamos a carga retórica, sacamos as referencias, minguamos a extensión, todo en prol dunha (impresión de) sinceridade.

Outra característica desa xeración é a presenza das mulleres. Nótase a nosa presenza e será un elemento valorado nesta xeración.

 

* O poeta Miro Villar puntualiza que no grupo Un medio non estaba o tamén poeta Modesto Fraga, quen posteriormente sería secretario doutro grupo poético como foi o Batallón Literario da Costa da Morte. Toda a información nesta ligazón.

Para xente nova que comeza a escribir cales son os problemas principais cos que se atopa? Poderíamos referirnos principalmente a ese problema de visibilización?

O problema fundamental sempre é a publicación. Onte, hoxe e mañá. Iso fai que a imaxinación funcione e que xurdan iniciativas como Edicións do Dragón ou Letras de Cal.

Publicábamos en revistas, presentabámonos a premios... Buscabámonos a vida, como se di.

Mira, o primeiro libro de Letras de Cal pagámolo entre dezaoito persoas, co único obxectivo de recuperar os cartos para sacar o seguinte libro. Daquela procurabamos libros que foran económicos de facer, que se venderan ben e moviámolos moito.

Crear o mar en Compostela (Deputación de Lugo, 1993)

En 1993 sae do prelo o seu primeiro libro, Crear o mar en Compostela. O lector vai atopar aquí, por unha banda, un exercicio metapoético, unha Marta Dacosta na procura de “A palabra perfecta/no lugar adecuado./A mensaxe precisa”...

Iso é unha obsesión permanente en min e coido extensible (ou debera de selo) para calquera escritor: sempre superarse para chegar ao texto máis perfecto; entendendo que o texto máis perfecto é o que mellor se expresa, o que mellor dialoga co seu tempo.

Para iso faise necesario os coñecementos precisos e o pulso suficiente para escribir o poema definitivo. Para min é unha obsesión. Son inconformista coa miña obra e intento mellorar sempre. Refírome a iso en Crear o mar en Compostela.

... e por outra banda a poeta soña con crear o mar en Compostela, pero soña cun mar habitado “do canto das baleas” e non de homes “que acaban co que existe e pensan que poden/ descubrilo e repartilo sen medida”.

Este libro nace dun choque. Eu abandono as miñas orixes xeográficas e fico impresionada coa miña chegada a unha cidade como Compostela. En Crear o mar en Compostela podemos atopar os poemas que representan ese encontro coa cidade pero por outra banda está unha poeta que comeza coa escrita e reflexiona sobre o feito de escribir, sobre a representación do que significa a escrita. O lector atopa unha persoa cunha preocupación por se expresar ben, pola recepción que vai ter o texto, por trasladar o que quere. Hai no poemario unha colisión e unha dúbida fundamental ante a palabra poética, por iso a alternancia de textos. Polo tanto vai aparecer a paisaxe como cerna duns poemas mentres que doutros o primordial vai ser a palabra.

A relación co mar está aquí presente. A acuática alma que brota na súa poesía.

Eu nacín á beira do mar, no porto de Vigo. Esa foi a miña primeira casa. Hai anos publiquei en Vieiros un relato onde falo desa casa, escrito dende unha posición de denuncia que se recolle igualmente en Crear o mar en Compostela, que sería a invasión do mar polo afán especulativo e a destrución do medio ambiente. Hoxe o mar está máis lonxe do porto de Vigo porque se ampliou o recheo, pero o mar foi o primeiro que vin.

Cando chego a Compostela bótoo en falla. Eu vivirei na capital galega pero fuxo da cidade cada fin de semana cara o mar, especialmente ata a Costa da Morte. Hai que velo dende o momento vital dunha persoa, acabada de saír da adolescencia que está a coñecer o seu propio mundo, situándose dun xeito físico e natural no seu país. Eses choques paisaxísticos son os que van aparecer neste poemario dende o propio título.

Este texto a súa vez ten unha lectura metapoética, porque se está a falar do mar, de como se quere ese mar... e entón as súas dúas lecturas, unha dende o plano real e outra dende o simbólico. Eu xogarei sempre con eses elementos.

Deixade pois que soñe as doces utopías,/e non vos preguntedes que por que este silencio.

Que importancia ten para vostede asolagar o poema para mergullar de vez nel a poeta e lector?

Moitas veces escribo en segunda persoa, como mantendo un diálogo comigo mesma, nun proceso de intentar chegar ao fondo das cousas. Quizais iso sexa igualmente establecer un diálogo co lector ou coas persoas que están ao meu carón. Non é que sexa nada en concreto, senón a abstracción das cousas e da xente que me rodea e que me está a xulgar permanentemente. Esa é outra preocupación que se verá máis en Acuática alma, como estamos constantemente xulgándonos os uns aos outros e como nos deformamos. Entón ese diálogo. No proceso da escrita hai momentos en que es consciente de estar dialogando cun lector pero noutros momentos exercitas unha introspección pura e dura.

Teño mans de labrega e só sei certo/levantar o legón sobre as palabras,/sachalas a destempo,desfacelas,/partilas en anacos,/derramalas.

Sementar versos nunca foi doado. Cal era o rego poético que intentaba abrir vostede en Crear o mar en Compostela?

Este libro nace da dúbida, e ese poema fala precisamente diso. Tamén fala, dalgún xeito, da miña formación. Eu non nacín no seo dunha familia cultivada e ben situada, máis ben todo o contrario. Eu avanzo con moito esforzo e tamén dunha forma intuitiva. Iso xera en min unha personalidade moi esixente. Eu procedo de familia mariñeira, mais neste poema identifícome co mundo labrego, falo de que o meu rego sexa a preocupación de labrar un poema de calidade.

Cada dorido golpe arrinca do granito/das nosas mans as liñas que denuncian palabras.

Destaca na súa obra unha vontade de fundir poesía e compromiso.

Eu non concibo unha literatura descontextualizada do seu tempo. Eu concibo a literatura como produción de compromiso. Esa é outras das miñas teimas, que a obra literaria sexa produto e reflexión do seu tempo.

Acontece do mesmo xeito coas miñas lecturas. Aínda que sexa lectora de todo tipo de xéneros gusto de maneira especial deses libros que están implicados no seu contexto histórico. Amais, é moi difícil escribir sobre o momento no que vives. Escribir unha obra literaria que acade a calidade necesaria e ao mesmo tempo estea reflexionando, denunciando, movendo á critica... Iso é complicadísimo.

É posible cambiar o mundo a través da poesía, dende a poesía escrita dende o compromiso?

A poeta e xornalista Lupe Gómez preguntoume nunha ocasión antes dun recital esa mesma pregunta. Contesteille rotundamente que non, que podemos escribir intentando provocar unha reflexión, pero só con iso as cousas non cambian.

Pel de ameixa (Deputación da Coruña, 1996)

 

 Nesta pel de ameixa que me cobre/medrei desde o xardín da miña infancia.

A infancia do poeta é un río que non deixa de correr?

No meu caso a miña infancia non é un paraíso perdido. Para min converterme en adulta era unha necesidade. Ser adulta, dona dos meus actos e de min mesma. A miña infancia non é o meu paraíso perdido aínda que ás veces recupere anécdotas da infancia para explicar determinadas cuestións.

Transitamos ao longo de Pel de ameixa dun eu poético ao colectivo, cara o universal. Aparecen as diferentes inquietudes da poeta, quen é consciente de sementar versos que “son fillos do presente e tamén do pasado,/reais como a traxedia vivida cada día”.

Neste libro o discurso é moi directo. En Pel de ameixa está a preocupación polos diferentes conflitos, e máis explicitamente fago referencia nese poema ao conflito das volantas (O serán era eterno no porto de Burela).

Ten que ver coa miña preocupación permanente por estar inserida na realidade. Non sei se chega entrar en contradición con esoutra poesía intimista que escribo.

Sen embargo vemos como hai que enfrontarse ao fracasos e á dor que infrinxen as derrotas.

Outras das cuestións sobre as que reflexiono permanentemente é precisamente iso, o tema da dor. É unha cuestión moi intimista pero é o resultado de vivir intensamente, de tomar partido constantemente, de non vivir á marxe. Todo iso produce confrontación e dese choque podes saír indemne ou tocado. A reflexión sobre a dor, o intimismo como produto da loita diaria.

Quizabes sexa peor a “triste indiferenza ante a derrota”.

Efectivamente. Nin vives, nin padeces. O escritor debe vivir e debe padecer, doutro xeito non sería quen de reflexionar e de trasladar todo iso á literatura, de conectar co lector.

Cadrei nunha ocasión con Xabier P. Docampo nunha mesa redonda e el dicía que o éxito da literatura moitas veces radica na capacidade de ter empatía co lector. Para identificarse co poema, este ten que ter unha raíz vital. A indiferenza aquí non cabe.

Como lectora gústame que un libro me revolva as entrañas. Valoro máis un libro irregular con poemas como pedradas que un libro moi ben escrito pero que te traslade frialdade.

Dor, intensidade, sentimentalidade. A escrita é unha terapia, un desafogo, un lugar onde exiliarse?

É un lugar onde atoparse a un mesmo. Entenderse. É un espazo onde deixar constancia de todo o que pasou por ti. A literatura ten a capacidade de botar as cousas fóra.

Para min é importante escribir para encontrarme e entenderme. Cando se sofre hai un momento de ofuscamento, de escuridade, de non saber como chegaches nin de como saír. Escribir axuda a encontrar a saída, porque reflexionas sobre todo o proceso. Eu sempre conto que tras unha situación persoal, moi difícil, a miña salvación foi ler toda unha tarde a Alfonsina Storni, que xunto a Virginia Wolf son das poetas que me acompañaron sempre.

Setembro (Galaxia, 1998)

Adica Setembro ás mulleres da súa familia. De que arxila están feitas as devanceiras de Marta Dacosta? Que influencia tiveron na persoa e na poeta na que se ha de converter co paso do tempo?

Dunha arxila moi dura. Por liña materna procedo dunha liñaxe de mulleres vencelladas ao mundo do mar: vendendo peixe, redeiras, etc... Foron todas mulleres moi fortes e de moito carácter. Todas elas construíron o seu futuro e non de calquera maneira. Eran mulleres da súa casa pero eran algo máis.

Lembro contar a miña nai que a súa bisavoa tivo que coidar dunha familia moi grande, pero que as portas da súa casa sempre estiveron abertas. Alí había comida para quen entrase comer, fose ou non da familia e, sendo tantos nun espazo tan reducido, había incluso cama para quen precisase de durmir. Foi unha muller que acolleu a todo o mundo. Nunha época onde a dignidade da muller medíase en que casase en tempo, que tiveran os fillos cando tivera que telos e que estivera cun home que a mantivese, ela non quixo que a súa filla marchara co home (e tiña toda a razón) que era o pai de seus netos, aínda que tivera que coidalos ela mesma. Eran todas así, unhas máis e outras menos, pero sostiveron as súas familias co seu propio traballo. Mulleres que construíron o seu futuro.

Eu fun educada nese mesmo sentido, en gañarme os chícharos por min mesma. Eles intentaron que me formase e que buscase a miña independencia económica. Educándome, como escribira Virginia Woolf, no elemental.

Eu procuro homenaxealas sempre que podo, porque como elas houbo moitas. Eu coñezo ás mulleres da miña familia, pero como elas foron a meirande parte das mulleres galegas.

A noite era un deserto/sen nubes nin estrelas.

Hai moito de espertar á vida, de coñecer o mundo que está aí fora. Poderíamos dicir que estamos ante un poemario de aprendizaxe? As dúbidas da nena que ve o grande que é o mundo?

Pode ser. No libro hai outro fío condutor, que sería o do parto. Ver como medra a muller dende un parto ata outro parto.

Si que hai esa transición. Ese chegar ao mundo, descubrilo e situarse, como muller.

son esa muller que agarda un morto,/esa rapaza que morreu nunha embaixada/e non teño/dereito/nin á terra

Na poesía de Setembro atopamos representadas todas as mulleres do mundo na súa condición feminina. Empatízase con elas (doerme contigo). Podemos disociar na súa poesía o que sería o feminino do que sería a muller?

Eu son inclusiva. Un libro pode ser feminino e incluso feminista pero non ser anti. É unha actitude vital. O feminismo é un enfoque, e polo tanto nos convén a todos, incluso aos homes. O libro está enfocado dende o punto de vista dunha muller (eu) e fala das experiencias dende o punto de vista da muller. E este punto de vista está moito máis presente que en libros anteriores. Desde o meu punto de vista é absolutamente necesario.

Non houbo nunca auga que arrastrara eses anos.

Parafraseando a Herminio Barreiro: recordar doe?

Si, moito. Recordar as veces doe moitísimo. Pero neste libro aínda non doe tanto como en En atalaia alerta.

 

En Atalaia Alerta (Sociedade de Cultura Valle-Inclán, 2000)

Estamos ante o que probablemente sexa o seu traballo máis existencial, un libro que transita polos camiños da dor. A poeta vai vomitar toda a aflición, toda esa rabia que aniña dentro dela. Vai estoupar cunha grande violencia a ollos do lector.

En atalaia alerta foi un libro moi difícil e moi complicado para min. É un poemario que cos anos aínda me resulta doloroso. Ten que ver con cuestións vitais, de cambios moi drásticos que me afectaron de forma considerable. E logo esas situacións o que provocan e volver a outros momentos moi dolorosos.

Aquí atopamos unha volta ao pasado. Este é un libro que sitúa o eu poético en novas coordenadas e é produto dun cambio vital que se expresa con esa dor que se desprende do libro.

De todos os xeitos, dentro do desacougante que é En atalaia alerta, quixen acabar cun poema positivo, que fose alentador.

Ese espirse emocionalmente. Non lle da medo que o lector poida non identificarse co poema? Que resulte de todo isto, en certa medida, un libro abondo hermético?

Eu parto dunha experiencia persoal, pero non quere dicir que non haxa experiencias similares. Do que se trata é de abstraer a emoción vivida e compartila, trasladala ao poema para que sexa compartida pola lectora. Non se trata de relatar unha experiencia concreta, senón como foi vivida.

Sobrevoa por esta En atalaia alerta o sentimento da perda. Aparecen versos onde non só falas da perda da infancia (o que sería quizais a propia identidade) senón que tamén está toda esa perda colectiva: a esterilidade inmensa deste tempo, como chegas a escribir nun momento.

É un sentimento que se proxecta. Vaise absorbendo todas as lecturas emocionais que nos levan a ese sentimento, a expresar os porqués e os motivos. Todos os momentos vitais que nos rodean, tanto os pasados como os presentes, e que nos producen esa mesma dor emocional, expándense e ti os recolles e os trasladas ao terreo poético. Nese sentido hai textos que superan o individual.

Neste traballo hai unha reafirmación propia: “Souben que era muller e salveime así desta tolemia”. Este é un libro que marca un antes e un despois tanto no literario como no persoal en Marta Dacosta?

Pode ser. Ademais, se ves os títulos que virán despois, aínda que sempre haxa unha vinculación cos libros anteriores, si hai cambios.

Nos versos que citas, a persoa recoñécese e asúmese no seu sexo, víveo. Nese sentido si habería un tránsito cara a As amantes de Hamlet.

Se en Pel de ameixa falabamos da poesía como un lugar onde atoparse, vemos neste traballo a poesía como redención, e que dentro do casulo da dor, tras “comer odio” metamorfosease para renacer máis forte que antes. Dentro da dureza deixas unha físgoa de esperanza no futuro, de optimismo.

En atalaia alerta é un libro tráxico no sentido de furgar nas feridas, polo sangue que brota. É unha negación da infancia. A visibilización da dor que produce o pasado nun momento concreto de ruptura, e sen embargo o penúltimo poema fala de que hai unha luz de futuro.

As amantes de Hamlet (Espiral Maior, 2003)

As amantes de Hamlet é un canto para rachar cunha sociedade fondamente patriarcal. A rebelión das Ofelias cuxos corpos vogan inertes río abaixo mentres foron “condenadas á inocencia, ao silencio”.

Ao longo da miña vida funme atopando en multitude de ocasións con Hamlet. Catívame o personaxe de Ofelia, e interésame sacala do río. Iso aparecerá de novo en Acuática Alma, pero é neste libro onde Ofelia aparece xa como símbolo.

Ofelia é, ao fin e ao cabo, unha muller maltratada, a pesar de tardar séculos en recoñecelo. E por mor dese maltrato morre, aínda que ninguén interveña directamente.

A miña intención é recoñecer a Ofelia, sacala do río, que non sexa un obxecto. Como Ofelia hai máis mulleres no libro, sobre todo aquelas mulleres que tiveron algunha relación coa loucura como Alfonsina Storni ou Virxinia Wolff, que están presentes ao carón de personaxes como a propia Ofelia, Medusa ou Penélope.

Para acadar ese obxectivo crea vostede unha sorte de illa de amazonas, de mulleres libres, co sexo descuberto e o cabelo solto como símbolo de identidade, de liberdade.

É moi mitolóxico, aínda que inventada para este libro. O texto comeza con Ofelia, que morre afogada. Aparece Medusa. Están, aínda que sen citalas, Virxina Woolf e Alfonsina Storni. Todas elas morren afogadas. Esa illa é o territorio onde van regresar todas as afogadas. Un territorio onde son libres e onde educan as mulleres que logo virán. É unha illa para a liberdade, para asumir a nosa propia identidade, que non refuga doutras conexións literarias que a lectora queira facer.

Logo están as figuras das lavandeiras, mulleres que se inclinan sobre o río ou sobre o mar, que transmiten o paso desas mulleres espidas. Xa apareceron nun momento dado nunha escolma de poemas inspirados nas lendas de Mougás na web de Galicia Encantada.

Non toda a mitoloxía é inventada. Hai lendas que están no imaxinario galego, como as figuras das lavandeiras.

Lembro que nunha ocasión, a finais dos anos 90 no IES 1º de marzo de Baiona, eu estaba lendo os traballos expostos polos rapaces. Daquela xustamente estaba escribindo algúns dos poemas de As amantes de Hamlet cando me atopo con esa lenda das damas das pozas de Mougás, que escribira algún alumno do IES. Os cabelos longos, a escuridade... eu recréoa neste libro. O mundo mítico que se conservou na tradición oral.

Falando coa xente de Galicia Encantada pregunteilles se tiñan recollidas esas lendas. Chamoulles a atención de que houbera lendas de pozas e de damas de pozas tan preto do mar.

Pero eu lina alí, do traballo dalgún alumno anónimo supoño procedente do relato dunha avoa, e está aquí. Logo trasladeino a Galicia Encantada e pódense ler alí (http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=37&id=1308).  

Reivindica o instinto sobre o concepto.

Neste libro hai uns poemas, “Tempo de rabaquetas”, que están escritos seguindo o tópico do collige virgo rosas, ou sexa, aproveitade o tempo, aínda que neste caso, non sexan propiamente mozas as que o teñen que aproveitar, aquí estamos falando de aproveitar a vida, o amor, antes de que o corpo morra. Son poemas de amor entre vellos, poemas onde se alenta a vivir sen importar o que diga a sociedade. Non importa que o chamemos amor, sexo ou desexo.

Vemos mulleres libres, vemos a esa Penélope mariñeira que rexeita teas e fíos, vemos esa filla de pirata que camiña sen lastre, sen présa, sen bagaxe. Alegoría da liberdade, non só da feminina.

Este é un libro onde hai moitas protagonistas. No último poema aparece a rapaza que non quere peitear os seus cabelos, para sinalar que non é o aspecto físico o perdurábel, expresar así a crítica ao sometemento aos cánones de beleza. Peitearse, vestir axeitadamente, iso non é trascendente, O importante é vivir, é decidir, é aceptar as consecuencias.

Cinza (2009)

O lector pode atopar no seu blog Acuática os poemas correspondentes a un libro polo de agora inédito titulado Cinza. Que pasou con este traballo?

Ese libro estivo a piques de ser publicado, de feito corrixín as probas de imprenta pero a editora desapareceu. Como o seu propio título indica, é cinza. Literalmente.

Nesa circunstancia non souben moi ben que facer e fun colocando os poemas do libro no meu blog. De momento queda alí, e quen queira velo pode entrar no meu blog na etiqueta Cinza (http://www.blogoteca.com/acuatica07/index.php?cat=8056)

Introduce Cinza o poema “Que de min queda”, esa cinza que é a redución á mínima expresión de algo que foi grande. Pero a súa vez garda esa memoria do que non queda (ou do que foi).

Eu concibín Cinza como un álbum. Todos temos un álbum fotográfico na casa da infancia ou da familia. Cinza é precisamente iso, en palabras e en poemas. Hai lembranzas, están os devanceiros, os momentos... Ese primeiro poema fai referencia á memoria que se perde, que se converte en cinza, e a cinza pode pousar e quedar ou pode esvaecerse co vento.

Centra esta Cinza ese álbum familiar en forma de verso titulado “Patela e cincel”.

Patela e cincel representan os dous mundos, os dous troncos dos que eu procedo. A patela vencellada ao mundo mariñeiro e o cincel ao mundo obreiro, concretamente ao mundo dos canteiros.

A idea é que os poemas acompañasen esas fotos antigas, de feito, quen entre no blog poderá ver que algúns poemas están acompañados coas imaxes de persoas que aparecen no poema.

Como foi a experiencia de ir subindo aos poucos todo o material á web? Vemos que este xeito de publicar permitiulle facer anotacións nos poemas, subir esas fotos que comentaba, interactuar co lector...

Eu subín estes poemas antes do boom de Facebook. É certo que a meirande parte dos poemas foron ben recibidos pola xente, fixeron comentarios... Coido que iso é moi interesante.

Ademais os poemas levan anotacións. Quixen facer algo máis que subir só o texto. Foi un traballo que publiquei aos poucos.

Acuática alma (Espiral Maior, 2011)

A súa poesía vaise metamorfosear aquí en elemento acuático -de vizosa aparición en toda a túa obra anterior- pero que nesta ocasión vai ter unha especial importancia, mostrada cun significado dual: vida e morte (Vida que nos destrúe./Vida que nos dá a vida).

Ese poema está colocado a mantenta porque é o poema do que nace Acuática alma. Cronoloxicamente é o primeiro que escribín e concibe a idea do poemario.

A auga está presente en toda a miña obra anterior e neste traballo aparecerá de forma especial.

Ese poema é unha metamorfose dun ser acuático onde se recolle que a auga é un elemento dual, porque a auga é vida pero en ocasións é morte. Tamén hai unha reivindicación da natureza.

A vindicación da condición feminina terá unha importante presenza na primeira parte de Acuática alma. Denuncia vostede por unha banda o papel xogado pola muller tanto no plano mitolóxico como nos contos infantís (Por que, nos contos que gardabas, eu era devorada [...] estaba morta [...] urdiches o abandodo [...]... cegaches os meus ollos) e logo está a reescritura para poñer en valor esa reivindicación.

Ese poema, titulado Non é amor ao que fas referencia é un poema de contestación social. É certo que se cuestiona a imaxe que da muller se trasladou aos contos infantís. Os contos infantís foron construídos pola sociedade en momentos moi determinados para trasladar as ensinanzas, para formar a quen escoitaba. Fai un repaso da imaxe que tiña a muller neses contos... Iso trasládano os contos infantís a través da literatura popular, pero tamén está a literatura escrita, velaí volvemos á Ofelia de Shakesperare. Por iso hai que reescribir, reinterpretrar, porque a imaxe que se traslada da muller a través dos contos, ou de certos textos é a imaxe patriarcal, a deseñada por unha sociedade imperialista e capitalista.

Eu quixen evidenciar e denunciar unha serie de feitos e de conceptos que non son actos de amor, senón que é un flagrante maltrato.

A deformación das persoas está presente na segunda e máis íntima parte de Acuática alma, a poeta reclama un espazo onde mostrarse espida, clara: Non me vedes a min. Vedes a loita

Ese poema fala da contaminación, da deformación, de como se transforma a realidade e a percepción das persoas. Este é outro dos aspectos recorrentes na miña obra, aquí tratado dun modo máis intimista e particular.

É unha crítica para aquelas persoas que quedan na superficie. Que non reparan nin se molestan en afondar na xente. A superficialidade que conleva deformación e formación dunha opinión, polo xeral, incerta e profundamente falsa.

Despréndese unha terrible soidade. Sísifo e a súa carga eterna, botando en falla “unha voz que non acompaña”.

Hai veces que servimos de soporte a alguén, que somos compaña en determinados momentos e logo, de repente, veste soa. Hai unha forte carga de denuncia do individualismo e desta sociedade onde a xente busca desafogo aos seus sentimentos pero non o dá, non dá apoio aos demais. De aí o de levar a carga unha soa, e moitas veces con incomprensión.

Hai unha terceira parte: Auga que leva os cadáveres; onde aparece unha “poesía dos vencidos,/poesía do pobo” . A memoria feita poesía, tanto no eido persoal como no colectivo.

Esa sería a parte máis social de Acuática alma. Quizabes pode ser vista coma a peza que menos encaixa co resto e sen embargo, para min, é absolutamente necesaria.

Reivindícase que todo o que está no mundo é susceptible de ser poetizado, citando a Benedetti, e que a poesía é capaz de chegarnos a todos. A morte, a transcendencia da memoria, a conexión cun poeta como Darwish* que nos traslada, cando nos visita en Compostela no seu día, que el o que realmente quere escribir é un poema de amor, non da reivindicación dos dereitos nacionais de Palestina. Eu resalto nesa parte precisamente iso, que finalmente o amor é o que nos leva a escribir para denunciar.

*Mahmoud Darwish (1942-2008). Considerado o poeta nacional de Palestina e un dos mellores poetas árabes da segunda metade do século XX. Estivo en Galicia no ano 2006 onde a AELG lle nomeou Poeta Galego Universal.

Se no primeiro poema asistimos a unha transformación en auga, na última parte de Acuática alma esa auga evapórase. Somos de novo humanos, costumistas, tal e como reflicte ese poema de domingo.

É unha recapitulación. Recoller todo. Un movemento circular. E en ese chegando ao final atopámonos coa realidade diaria. Velaí está o poema do domingo que transita entre a realidade e o símbolo, facendo acopio das cousas que se foron tratando ao longo do libro: a loita contra o paso do tempo, o recoñecemento do traballo que se fai, etc.

O último poema do libro titúlase Adartia, como a deusa celta das augas. Un poema que, tras todo o que falado, podemos recoñecer unha devanceira túa.

Non importa a quen estea dedicado a nivel persoal, eu quédome iso para min. Adartia é unha homenaxe a todas as mulleres que foron coma ela.

Algúns contamos con devanceiras que outorgaron o seu tempo á xente que lles rodeaba. Mulleres dinámicas, convencidas, partícipes de roles máis alá dos que a sociedade lles obrigaba a asumir. Mulleres que organizaban a súa casa, que tomaban as decisións que tiñan que tomar... Pero esas son as mulleres galegas. Eu podo ter na miña cabeza a miña avoa, bisavoa, tataravoa... como símbolos de mulleres traballadoras que con ou sen remuneración sostiveron a súas casas; mulleres solidarias cos seus iguais. Pero é unha metonimia, eu podo falar das miñas devanceiras pero estou a falar das mulleres galegas. Por iso non quero concretar en ninguén, porque non é importante. Eu busquei un símbolo, neste caso Atlántico como é Adartia, deusa celta, que recollese todo iso.

Vemos como nesta Acuática alma aparecen diferentes elementos xa presentes en obras anteriores. Como concibe vostede o que debe ser unha traxectoria poética?

Entendo que cada un debe buscar ou abrir o seu propio camiño. Se un colle hoxe Crear o mar en Compostela por unha banda e Acuática alma por outra ve que hai un traxecto entre ambos os dous. Ao igual que tamén hai puntos de conexión, puntos polos que eu vou transitando: hai unha simboloxía, a tendencia a un determinado ritmo... son cousas comúns; pero tamén hai aspectos que deben ir evolucionando en calquera caso. Ao final está o reto de ir superándose; que cada libro mellore ao anterior. Gustaríame ser quen de contar cunha voz propia, que fose consolidándose con cada un dos libros, avanzando. Nunha ocasión afirmei que a miña aspiración era “escribir un poema incuestionable en canto a súa fermosura e radicalmente comprometido co seu tempo”. Esa é a miña bandeira. Aspirarei sempre a construír ese poema.

 

 Gondomar, Maio 2012

 

 

Buscar en Conversas >

Axenda >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
29

Nestes días >

No upcoming event!

Exposicións >

No upcoming event!